Médico especialista de Atención Primaria de Outes. Plataforma SOS Sanidade Pública.
Que o Sistema Sanitario Público en Galicia adoece de recursos para ser minimamente eficiente, é algo que sabemos todos e todas. Que os recursos que se dedican á Sanidade Pública, está claro que non chegan para satisfacer as necesidades dun país envellecido e disperso, tamén. Que os administradores que deberían xestionar os recursos non o fan ben, tamén. Pero, en que gasta a administración galega e o SERGAS o diñeiro de todos os galegos? A remodelación das instalacións de San Caetano (sede da Xunta de Galicia) en Compostela, onde traballan os responsables de que as contas en Galicia sexan para gastos de primeira necesidade, investirán 40 millóns de euros na “remodelación” do exterior e interior da sede. Ademais, van facer un novo edificio administrativo, valorado noutros 20 millóns de euros (Por que non someten a referendo se os galegos queremos que se gasten ese diñeiro neses temas…? Ou ben, en contratar persoal sanitario para non ter as consultas masificadas e os atrasos tan evidentes, en primeiras consultas, probas diagnósticas e cirurxía).
Pero temos máis: o Sr. Feijóo, acaba de anunciar aos catro ventos que van aumentar as Unidades de Atención a Domicilio: con 15 médicos e 30 ATS: custará 2,5 millóns de euros, 1,3 millóns en persoal. A pregunta que nos facemos é a seguinte: si non temos persoal para cubrir as substitucións en Atención Primaria (“non temos médicos nin ATS”: Feijóo), cos resultados negativos que todos sabemos: Como vai contratar a ese persoal e onde? Se lles dan un salario de miseria (como o recentemente creado pacto de contratación), unha estabilidade laboral inexistente e unha conciliación laboral e familiar imposible.
Pero seguimos: todos os que temos algo que ver no Sistema Sanitario Público Gallego, solicitamos investimento en persoal, en substitutos e en recursos humanos...Pois ben, o Sr. Feijóo o que responde é cun investimento de 17,5 millóns de euros...EN MOBILIARIO!
Unha quinta parte do orzamento destinado á sanidade, destinada a cousas innecesarias nos países que conforman a Unión Europea (UE). Así o expón un recente informe da Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económico (OCDE), un traballo no que os expertos na materia reclaman reducir, o mínimo, os "gastos superfluos" co obxectivo de lograr que os sistemas sanitarios sexan "máis efectivos". O documento entende que esta contía, que e "desperdiciada", debería ser "reatribuída para un mellor uso". Tanto é así, que o organismo internacional entende que se poderían eliminar esta serie de gastos "sen menoscabar a calidade asistencial dos coidados e pacientes".
Galicia está entre as comunidades autónomas con peores servizos sanitarios, ao caer tres postos, segundo o XV informe 'Os Servizos Sanitarios das CC. AA.' da Federación de Asociacións para a Defensa da Sanidade Pública (FADSP): Baleares (72); Galicia (71); Andalucía (68), Cantabria e Murcia (66), son as CCAA cuns servizos sanitarios deficientes. O gasto sanitario por cada galego, (gasto per cápita) de 2018, foi de 1.429 €.
Como é posible que uns/as xestores da sanidade teñan diñeiro, para cousas importantes, pero non de primeira necesidade, e non os teñan (ou digan que non os teñen...) para algo tan básico como é o ben máis prezado que temos: a saúde; e esta queda, unha vez máis, sen recursos.
Neste momento está a NEGOCIARSE coa administración do SERGAS, no Consello Técnico de Atención Primaria de Galicia, o Novo Modelo de AP con 15 Comisións Técnicas Sectoriais, con 206 persoas nas Comisións, que están xa operativas e en funcionamento. Temos un prazo de 3 meses para resolver estas e outras cuestións que incumben ao futuro da Sanidade en Galicia. De nós depende que as conclusións as que cheguemos en cada Comisión sexan postas en marcha pola administración. De ser así, o futuro pode ser esperanzador. De non facer caso a administración as propostas presentadas (como xa fixo outras veces...) volveremos ás etapas máis escuras da sanidade e as mobilizacións encherán as rúas de novo, coa forza que xa tiveron en Vigo, en Compostela e nas Áreas Sanitarias que viron reducidos os seus servizos.
Escribe o teu comentario