Galicia en Común condiciona o seu apoio a unha "coalición valente" con Sánchez á transferencia da AP-9 e melloras sociais

A de Yolanda Díaz foi a única voz que puxo o foco en Galicia no debate de investidura. A coalición de Podemos Galicia, Esquerda Unida e ANOVA reclamoulle a Sánchez soluciones para problemas do país, sobre todo en infraestruturas. Algo insuficiente en opinión do Bloque, que cre que o país está ausente deste crucial debate. 


|

A de Yolanda Díaz foi a única voz que puxo o foco en Galicia no debate de investidura. A coalición de Podemos Galicia, Esquerda Unida e ANOVA reclamoulle a Sánchez solucións para problemas do país, sobre todo en infraestruturas. Algo insuficiente en opinión do Bloque, que cre que o país está ausente deste crucial debate. 


A deputada de Galicia en Común Yolanda Díaz durante a primeira xornada do Debate de Investidura 2019


A deputada de Galicia en Común, Yolanda Díaz Pérez, dirixiuse ao candidato socialista á presidencia do Goberno, Pedro Sánchez, para pedir "un goberno de coalición valente e progresista" que atenda os "retos de Galicia" recollidos na "axenda galega" que, segundo a parlamentaria por Pontevedra, o socialista "coñece ben".

DEMANDAS AO NOVO EXECUTIVO
Así, durante a súa intervención no debate de investidura no Congreso, Díaz indicou que entre eses "retos" está lograr un "financiamento xusto" para a comunidade, desbloquear infraestruturas como as "conexións ferroviarias e marítimas" e culminar a transferencia da titularidade da AP-9, que quedou 'conxelada' polo adianto electoral.

Ademais, tamén puxo o foco en avanzar en asuntos como o saneamento das rías e atender os "sectores estratéxicos" de Galicia, entre os que situou o lácteo, o naval e a pesca.

Por último, citou o proceso de recuperación da titularidade pública para o Pazo de Meirás, en Sada (A Coruña), na actualidade en mans dos herdeiros do ditador Francisco Franco. "Estamos a piques de conseguilo", apostilou.

"FACER HISTORIA"
Estas foron as referencias a Galicia por parte de Díaz, encargada de defender a postura no debate de investidura da coalición galega que se fixo con dous deputados o pasado 28 de abril e que se integran no Grupo Confederal de Unidas Podemos.

Así, mostrouse "confiada" na esperanza dun "cambio" en España. "Estamos en condicións de facer historia, sen subterfuxios, cun goberno de coalición", recalcou a deputada galega.

Por iso, pediu que se estea á "altura das circunstancias" e espetou a Pedro Sánchez que llo deben a todos os que "tanto loitaron para chegar ata aquí". Referiuse ás mulleres que conseguiron o voto na Segunda República e aos "millóns" de persoas que "nunca perderon a esperanza", aínda nas circunstancias máis adversas.

HERDEIROS DO 15M
Tamén aludiu aos que "ocuparon as prazas o 15M". Na súa opinión, desde entón "España nunca volveu ser igual" e lembrou tamén ás mulleres que un 8 de marzo deron "unha lección ao mundo". Todos, dixo, esperaban un momento como este, cun "un goberno de coalición valente e progresista".

Díaz citou a precariedade laboral, á xente "que malvive", algo que considera unha "emerxencia social" e neste sentido animou ao presidente en funcións a actuar para rebaixar os alugueres, loitar contra a violencia machista, baixar a factura da luz e reformar a sanidade, a dependencia e a educación.

Ao seu xuízo, nas eleccións xerais do 28 de abril o pobo outorgoulles un mandato, o de dialogar. "Nós traemos desde Galicia en Común o anhelo do que di a sociedade, que é posible, chegamos aquí para dicir que é posible cambiar a vida da xente. Están a esperarnos señor candidato; a xente cre que si se pode", concluíu.

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE