Moito fálase da xustiza, dos xuíces, dalgunhas decisións incomprensibles para a maioría das persoas, que pensan que a xustiza non é igual para todos. A realidade non é que a xustiza sexa mala, é a aplicación que dela fan os xuíces o que provoca unha crecente desconfianza. Dicía Platón con moita razón e sentido práctico que “a xustiza non é outra que a conveniencia do máis forte”. Moitas sentenzas así o confirman.
A todopoderosa familia Pujol -a que facía e desfacía á súa antollo en Catalunya, coma se fose propiedade súa- foi desenmascarada nos últimos anos, tras os máis que posibles casos de corrupción -algunhas das acusacións seguen nos xulgados pendente de xuízo- e á espera de que os “xefes” da trama entre en prisión se se demostra con “probas” a corrupción da que están acusados. O único que ten sentenza firme, despois de chegar a un acordo coa fiscalía, é Oriol, o que estaba destinado a levar a Catalunya á independencia, co obxectivo de seguir manexando mellor os negocios o clan, sen a intervención das leis e a xustiza española. Imos, campar á súa anchas vendendo a moto dunha vida mellor para a cidadanía.
Pois ben, despois do acordo coa fiscalía, a Oriol só caéronlle dous anos e medio de cárcere pola cobranza de comisións no caso da ITV. Ingresou na prisión de Brians .Cando só levaba dous meses, a Generalitat concedeulle o terceiro grao, sen o consentimento da xuíza de vixilancia penal, que é preceptivo para a aplicación do grao. A reacción foi inmediata. A fiscalía tamén se opuxo ao terceiro grao.
Oriol Pujol volveu a prisión, pero o Departamento de Xustiza concedeulle un permiso, valéndose dun artigo do regulamento penal para saír a diario a traballar e realizar “prestacións” sociais.
Pasados uns meses, tanto a xuíza de vixilancia como a Audiencia de Barcelona avalan a decisión da Generalitat de conceder o terceiro grao. A fiscalía non está de acordo coas medidas…
Os xuíces da sala xustifican a súa decisión pola reinserción do “preso” e engaden que Oriol Pujol “ten interiorizados valores prol sociais”, recoñece os feitos e mostra “arrepentimento” e a súa integración social. Bo comportamento e conta cun emprego como axente comercial en diferentes empresas. Imos, que Oriol Pujol é un modelo para seguir para o resto de presos, que ven bastantes deles como hai unha dobre vara de medir tanto da xunta de valoración -en moitos casos tardan un ano en conceder permisos e neste caso que nos ocupa a rapidez é alucinante-, como da xuíz de vixilancia penal, que variou a súa actitude e da Audiencia de Barcelona, que afirma que “xa pasaron sete anos desde que cometeu os feitos, que pagou unha multa de 76.000 euros e que no cárcere seguiu o tratamento para a prevención dos delitos de tráfico de influencias ou suborno”. Supoñemos que os cursos tamén os realizan máis do 90% dos reclusos con resultados moi “diferente” aos conseguidos polo ilustre Oriol Pujol, cuxo apelido abre moitas portas.
Despois das argumentacións, está comprobado que Oriol Pujol -que só estivo dous meses en prisión- é un lumbreras e un exemplo para seguir por todos os presos que continúan nos seus recintos penais, que levan tempo neles, que solicitan o terceiro grao e ven que pasan meses e non llo conceden.
Como modelo de reinserción social exprés, a Oriol Pujol deberíano utilizar para dar conferencias por Catalunya, España e o mundo mundial para explicar a súa fórmula de como conseguir o terceiro grao en tan só dous meses.
As familias que teñen algún membro encarcerado deben de estar contentas coa xunta de avaliación, a institución, os xuíces implicados e ata o gato que está atento para cazar ao rato que pasaba polos tellados. Dicía Isaac Asimov que “as persoas que non esperan a xustiza, non teñen que sufrir a decepción”. Creo que sobra calquera comentario.
Escribe o teu comentario