Manca finezza

Manoel Barbeitos
Economista

Atribúese a Giulo Andreotti, o maior elefante da política italiana dos anos 80 e 90, unha frase referida á política española: “manca  finezza”. Viña dicir, este irrepetible líder político, que á política española faltáballe  finura da que se supón estaba sobrada a política italiana desas décadas. Unha fase política que se caracterizou polos múltiples acordos partidarios (o pentapartido) cuxo obxectivo estratéxico central era impedir que o entón poderoso PCI (Partido Comunista Italiano), segunda forza política italiana, chegase non xa a gobernar, senón nin sequera a entrar no goberno. A finezza era, realmente, a habilidade dos partidos políticos italianos restantes (pentapartido) para repartirse o poder e as prebendas.

Gardando as distancias e as diferenzas cabe preguntarse si na política española, máis en concreto si actualmente no PSOE e en PODEMOS non “manca  finezza”.


Seguramente que moitos dos que votaron ben a PSOE ben a PODEMOS teñan un importante enfado cos líderes respectivos (Pedro Sánchez, Pablo Iglesias) polo seu tremendo ego e a súa irresponsable teimosía. Porque si algo está claro é que a maioría dos votantes de ambos os partidos votou por que se entendesen. Con todo, cada día que pasa parece máis difícil un acordo satisfactorio entre ambas as partes. Cada día que pasa tamén parece evidente que se debe a unha infantil e irresponsable manca finezza.


Por unha banda temos ao PSOE, con Pedro Sánchez á cabeza, que actúa como si tivese a maioría absoluta dos votos e de deputados, e que por iso mesmo non precisou dun apoio sólido como o de PODEMOS, Máis aínda, todo apunta a que  P. Sánchez, que parece manexarse a golpe de enquisas, quere aproveitar a súa situación de superioridade para provocar o maior desgaste posible en PODEMOS, confiado en que nunha hipotética nova convocatoria electoral sairá máis favorecido. Velaí a súa ameaza de apoio sen goberno de coalición ou convocatoria electoral. Unha actitude coa que demostra non aceptar que en España a esquerda é plural porque así o queremos os cidadáns. Mal, moi mal síntoma.


Por outra banda, PODEMOS, e o seu líder Pablo Iglesias, que cada día que pasa parécese máis a Julio Anguita, non é quen de frear as súas ganas de entrar no goberno nin de esconder, aínda que fose un pouco, a súa desconfianza cara ao PSOE. Un comportamento que non ten en conta que o PSOE foi o partido máis votado e de forma contundente polo que lle corresponde a iniciativa. Un comportamento que ten tamén unha explicación en clave partidista. A dirección de PODEMOS  pensa que a grave crise que actualmente atravesa a súa organización quedaría aparcada si entran no goberno. En caso contrario, mesmo con programa acordado, a crise prolongaríase e o futuro de PODEMOS seguiría no aire.


Neste contexto ambos parecen coincidir en que nunha repetición electoral quen ten máis que perder é o outro. Pero ambos, con todo, parecen ignorar que “están condenados a entenderse” porque así o quere unha maioría social entre a que se atopa, por caso, o movemento sindical. Si están condenados a entenderse, por que  atrasar o acordo?: manca  finezza, ou como diría o profesor Sánchez-Conca: “son peor que nenos”. Non saben o que nos estamos xogando.


Señores Sánchez e Iglesias, o que nos estamos xogando é a posibilidade  certa de reverter unhas políticas públicas austericidas que en España dispararon a desigualdade social e os desequilibrios territoriais como nunca antes sucedera. Un reverter que apoia unha gran maioría social.


Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Máis opinión
Opinadores

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE