​Lara Méndez (PSOE): “Queremos que Lugo sexa o Green Vancouver europeo”

Unha cidade que medra a partir da economía verde e do turismo sostible. Lara Méndez (1972) explica nesta entrevista con Galiciapress o seu plan para Lugo para os próximos catro anos. As enquisas sitúana con moitas opcións de liderar un goberno de esquerdas, pero advirte que se as dereitas suman PP e Ciudadanos xa dixeron que non terían problema en pactar cun Vox que rondou o 7% dos votos nas xerais. A política de pactos postelectoral, as medidas a prol da igualdade e as relacións coa Xunta son outros dos temas desta conversa.


|

Unha cidade que medra a partir da economía verde e do turismo sostible. Lara Méndez (1972) explica nesta entrevista con Galiciapress o seu plan para Lugo para os próximos catro anos. As enquisas sitúana con moitas opcións de liderar un goberno de esquerdas, pero advirte que se as dereitas suman PP e Ciudadanos xa dixeron que non terían problema en pactar cun Vox que rondou o 7% dos votos nas xerais. A política de pactos postelectoral, as medidas a prol da igualdade e as relacións coa Xunta son outros dos temas desta conversa.


Lara mendez retrato




Cales son as perspectivas electorais despois das xerais, onde o PSOE sacou moi bo resultado, co 34% de na cidade, superando por 9 puntos ao PP. Están en condicións de repetir esta marca?


Eu creo que son eleccións diferentes, non se poden facer extrapolacións. Ademais, agora preséntase forzas que poden conseguir representación e que nas pasadas non conseguiran. Nós queremos seguir sendo o partido máis votado, o partido que permita transformar Lugo. Isto ten que vir da man da esquerda do PSOE, da esquerda. Agora ben, como pasou antes, podemos ser os máis votados; pero se hai suma de dereitas pois evidentemente estaremos ante un escenario de retroceso e perda de liberdades e dereitos. Hai un partido de extrema dereita que non ten pudor en por sobre a mesa propostas que dende o meu punto de vista son anticonstitucionais. A ONU está dicindo que o aborto ten que ser un dereito recoñecido e eles queren retroceder na historia. Partidos que apoian tales premisas para nós non teñen cabida, pero vemos que a dereita de Lugo non ten ningún pudor en dicir que se sentarán con eles e pactarán con quen faga falta. Apelo polo tanto ao voto útil, ao voto progresista, a xuntalo entorno ao PSOE e a un proceso ambicioso.


Nin PP nin Cs terán problema en pactar con Vox, xa o dixeron


A seguinte pregunta vai precisamente sobre iso. Preocúpalle o avance da ultradereita en xeral e na súa cidade?

Preocúpame o avance da extrema dereita porque supón a perda de liberdade e dereitos. Vemos como Vox fala da eliminación da Lei contra a Violencia de Xénero, un instrumento tan necesario para combater a violencia machista e que moitas mulleres perdan a súa vida por seren mulleres. Para min, que se fagan estas premisas e que haxa partidos que pugnen por quen é máis extremista e quen se parece máis a esta extrema dereita preocúpame moito, pola miña condición de muller e polos dereitos polos que moitas mulleres deixaron a vida.


Tendo en conta que Vox sacou casi o 7% de votos nas xerais en Lugo ...


Son case 3.000 votos, cos que terían representación municipal e se a teñen nin PP nin Cs terán problema en pactar con eles, xa o dixeron.



Primeiro tender a man aos partidos de esquerda que xa nos deron o seu apoio no pasado, BNG e Lugonovo.  


Falando de pactos. As enquisas apuntan a un resultado moi fragmentando, como nas pasadas eleccións locais; co PSOE liderando claramente un bloque de esquerdas que si podería gobernar, pois ese bloque si lograría sumar a maioría. En definitiva, a vostede é probable que lle toque na noite electoral coller o teléfono para propor un goberno estable. A que partidos chamaría primeiro?

Nós non temos problema algún en falar con partidos progresistas, que compartan proxectos e espazos comúns. Xa tendemos a man en moitas ocasións a moitos grupos, tanto para investiduras como para acordos programáticos. Eu teño experiencia en pactos de goberno na miña etapa na Deputación, cando era vicepresidenta gobernabamos co BNG. Eu tenderei a man, como xa fixen neste mandato; como fixemos tras a investidura e a posteriori, para que entraran a formar parte do goberno e aprobaran orzamentos. A man tendida para todos os partidos democráticos que non atenten contra a xustiza social, contra os dereitos adquiridos. Evidentemente, co PP, aínda que lle recoñecemos toda a lexitimidade, temos moi poucas cousas en común, como proxecto de cidade; pois polo tanto pode haber un acordo puntual -como xa houbo en acordos plenarios- pero evidentemente primeiro tender a man aos partidos de esquerda que xa nos deron o seu apoio no pasado, BNG e Lugonovo.


Abordando o seu programa electoral. Hai nada propuxo un novo plan estratéxico de turismo, insistindo no turismo sostíbel. É evidente que Lugo deu nestes anos un gran salto a nivel de presenza turística, con iniciativas como o Arde Lucus; pero qué propón en concreto para o futuro?

Queremos un turismo de calidade, sostible e de excelencia. Que sexa unha actividade que xere emprego. Temos 280 propostas no programa; con tres piares fundamentais. O primeiro, reactivar a economía verde, medrando como unha cidade ecolóxica, medrando a través dun crecemento sostible, apostando pola madeira, xunto co turismo; un turismo de excelencia e que medra paulatinamente. Sen deixar de lado o I+D+i, a nosa universidade e o noso campus. Sempre imos da man con eles nestas iniciativas.


O segundo piar será a integración total da nosa cidade. Dende o noso patrimonio material e medioambiental até elementos como o Miño, o Camiño Primitivo e os restos arqueolóxicos. É fundamental para xerar emprego e turismo, pero tamén para potenciar a mobilidade.


O terceiro piar, para ter unha administración próxima é áxil, a implantación da e-administración.


Cada un destes piares baséanse nos fondos europeos que xa logramos nesta lexislatura, 23 millóns para executar de aquí a 2023. É un programa que está pensado por polo menos dous mandatos, para facer de Lugo esa cidade de vangarda, queremos que sexa o noso Green Vancouver europeo e temos todas as materias primas para acadalo.


Vostede é unhas das políticas galegas que máis protagonismo lle dá ao tema da igualdade. Que medidas propón neste eido para a próxima lexislatura?

As políticas de igualdade ten que ser transversais, desde o urbanismo -un urbanismo seguro, que permita que as mulleres paseen dun xeito tranquilo- aos puntos de información. Xa puxemos en marcha unha marca propia, Mulleres con Forza, e un programa de actividades, que está tendo moita aceptación. Somos xa un referente a nivel autonómico en canto a nosa filosofía. Ademais, seguiremos loitando para que abolir a prostitución, un tipo de escravitude que non debe ser permitida dende ningún prisma.


Outra proposta do seu programa é o intento de chegar aos 100.000 habitantes. Con que medidas intentará vostede que se empadroen na cidade?

A maioría dos obxectivos non se logra cunha serie de medidas illadas, senón cunha actuación conxunta. Para asentar poboación, necesitamos activar a economía e que os mozos non teñan que marchar a outros lugares e poida desenvolver o seu proxecto de vida aquí. Polo tanto, ese é o primeiro piar que sustenta o noso programa vai ser básico. Tivemos encontros con diferentes sectores, entre eles a universidade. Transmitímoslle o xeito en que podemos colaborar para que moitos estudantes que viven na nosa cidade pero non están empadroados, pois facer de Lugo unha cidade atractiva para que se empadroen, por exemplo falamos co CD Lugo e co Breogán para que poidan ofrecerlles descontos aos estudantes que estean empadroados. Son 4.000 estudantes e moitos deles seguen empadroados nos seus lugares de orixe. Lograr os 100.000 é un obxectivo complicado tendo en conta a situación demográfica da nosa cidade e de Galicia, pero suporía un salto cualitativo e cuantitativo importante, un aumento dos ingresos, que sempre axuda a facer unha mellor redistribución da riqueza. Gústanos ser ambiciosos e ter altura de miras.


A Xunta ten plans para a cidade sen concluír hai máis de 20 anos, Por exemplo, o Museo da Romanización, que xa prometeu Feijóo cando era conselleiro


Alberto Nuñez Feijóo, de visita en Lugo, presumiu esta semana do seu compromiso coa cidade. Ten motivos para facer isto cando, por exemplo, Lugo tivo que esperar anos para lograr a hemodinámica as 24 horas?

Lamento que só se lembre de Lugo en campaña e só para facer promesas. A hemodinámica logrouna a cidadanía saíndo a rúa masivamente. Hoxe témola 24 horas grazas ao pobo de Lugo. A Xunta ten plans para a cidade sen concluír hai máis de 20 anos, a ronda leste está sen acabar e nos últimos catro anos non fixeron ningunha inversión na cidade. Por exemplo, o Museo da Romanización, que xa prometeu Feijóo cando era conselleiro de Política Territorial. Ten esquecido a Lugo e xa non ten credibilidade da nosa cidade. Nós suplimos cos fondos municipais políticas sociais que son competencias da Xunta. Pagamos un millón de euros polos comedores escolares, que debería estar sufragando a Xunta e pagamos as garderías, que tamén debera estar pagando a Xunta. Feijóo máis alá de vir aquí facer campaña ten que aplicar políticas, porque leva 9 anos gobernando e dándonos as costas aos lucenses.


Atrévese facer un prognóstico para este domingo?

Teño boas sensacións na rúa, pero non fago nin quinielas nin prognósticos. Eu fago propostas e proxectos, intento convencer aos veciños cun modelo de cidade. Traslado a necesidade de ter estabilidade no goberno para ter capacidade de decisión, autonomía e aprobarmos os orzamentos. Temos 23 millóns de fondos europeos que temos que complementar cos orzamentos municipais, pero se non temos eses orzamentos podemos perder parte deses millóns e perder investimentos de futuro. 

relacionada Os socialistas galegos gobernarán case todas as cidades, segundo outra enquisa
relacionada Lugo espera máis de medio millón de visitantes ao Arde Lucus 2019
relacionada O PSOE gaña na cidade de Lugo, pero necesitaría de pactos para revalidar a alcaldía de repetirse os resultados do #28A

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE