Os socialistas galegos gobernarán case todas as cidades, segundo outra enquisa
Só Lores resiste en Pontevedra ao ascenso do PSdG. Parece que o efecto da vitoria de Sánchez permitirá aos socialistas gobernar en case todas as urbes, aínda que unicamente en Vigo lograrán a absoluta.
Só Lores resiste en Pontevedra ao ascenso do PSdG. Parece que o efecto da vitoria de Sánchez permitirá aos socialistas gobernar en case todas as urbes, aínda que unicamente en Vigo lograrán a absoluta.

Así o estima a enquisa elaborada por Sondaxe para La Voz de Galicia, recollida por Europa Press, que situaría ao PSOE como forza política máis votada na Coruña, Santiago, Ourense, Lugo e Vigo --nestas dúas últimas ten a alcaldía na actualidade--, ao PP en Ferrol e ao BNG en Pontevedra, onde Fernández Lores repetiría na alcaldía.
A enquisa foi realizada xusto despois das eleccións xerais, polo que os datos poderían experimentar variacións, ao haber unha porcentaxe elevada de indecisos, que nalgunhas cidades alcanza o 30%.
A enquisa prevé cambios considerables nas cidades que na actualidade gobernan os partidos enmarcados nas 'Mareas', como en Santiago con Compostela Aberta, na Coruña con Marea Atlántica e en Ferrol con Ferrol en Común, as tres na provincia da Coruña.
Nestes tres casos, habería cambios na alcaldía, aínda que sen maiorías absolutas. En Santiago, o exalcalde Xosé Sánchez Bugallo levaría ao PSOE para recuperar a alcaldía, ao pasar dos 4 edís de fai catro anos a 10, mentres que o actual rexedor Martiño Noriega baixaría de 10 a 5. O PP quedaría en 6 concelleiros e afastaríase do poder nunha corporación na que o BNG repetiría con 2 e entraría Cs con outros 2.
Na Coruña, a socialista Inés Rey converteríase na candidata máis votada, ao obter 8 concelleiros fronte a unha Marea Atlántica que baixaría de 10 a 7 e empataría en edís co PP, que tamén retrocede. Entraría na corporación Cs con 3 e o BNG subiría a 2.
En Ferrol, o exalcalde e exconselleiro José Manuel Rey Varela sería o único candidato do PP que se convertería na lista máis votada nunha das cidades galegas, aínda que, segundo Sondaxe, sen alcanzar a maioría, ao quedar en 9 concelleiros. O PSOE subiría de 5 a 8 e sería a forza máis votada mentres que Ferrol en Común, do actual alcalde, baixaría de 6 a 3. Entraría a outra Marea de Ferrol, con dous edís e o BNG repetiría con 2.
En todo caso, Sondaxe tamén sitúa a porcentaxe de indecisos en parámetros moi elevados, ata o 30% no caso de Ferrol, polo que os resultados poderían variar o 26M.
Non habería grandes sorpresas nas cidades de Vigo e de Pontevedra, máis aló da mellora dos resultados dos seus actuais alcaldes. En Vigo, o socialista Abel Caballero impoñeríase con contundencia, ao conseguir ata 20 dos 27 concelleiros da corporación, con mellores resultados dos de fai catro anos, á conta do PP e Marea de Vigo, que perderían apoios.
E en Pontevedra, o nacionalista Miguel Anxo Fernández Lores repetiría nun sexto mandato pero, por primeira vez, podería alcanzar a maioría absoluta, de cumprirse esta estimación, ao conseguir tres representantes. O PP e a Marea perderían un concelleiro cada un mentres que o PSOE sumaría un e Cs repetiría cun edil.
En Lugo, a actual rexedora Lara Méndez, nas súas primeiras eleccións como candidata, subiría de 8 a 9 edís, o que podería levala a repetir a fronte da alcaldía. O PP podería baixar de 9 a 8, mentres que o BNG duplicaría a súa presenza, con catro edís.
Finalmente, en Ourense, manteríase a fragmentación política, co líder do PSdeG, Rafael Rodríguez Villarino, como candidato máis votado, con 8 concelleiros mentres que o actual rexedor, o popular Jesús Vázquez, baixaría a seis. Pero os populares poderían alcanzar pactos con Cs, con 3 edís, e con Democracia Ourensá, que chegaría aos 7, por encima do PP. Unidas Podemos obtería 2 e o BNG 1.
A enquisa de Sondaxe tamén deixa a Vox fóra das principais cidades galegas, sen representación en ningunha delas.
Non te perdas os resultados do #trackingmunicipales en #Galicia de @isondaxe para @lavozdegalicia #26M 🗳 https://t.co/T7TXnOBgAc pic.twitter.com/58EMGe9Jwt
— Instituto Sondaxe (@isondaxe) 13 de maio de 2019
Escribe o teu comentario