Podemos: quo vadis en Galicia?

Manoel Barbeitos
Economista

As recentes eleccións xerais puxeron en evidencia a importante perda de influencia de PODEMOS tanto en España como en Galicia. Os datos así o confirman: perdeu, con relación as eleccións xerais anteriores, votos e deputados en practicamente todas as Comunidades autónomas, sendo especialmente relevantes estas perdas en comunidades como Cantabria, Castela-León, Castela-A Mancha, Estremadura e A Rioxa, onde quedou sen representación parlamentaria. Non menos importantes foron as perdas de votos e deputados habidas no País Vasco, Cataluña, Galicia, Comunidade Valenciana, Navarra e Madrid.


Unha das situacións máis rechamantes é a de Galicia, onde cegados pola suposta vitoria sobre “a candidatura rival” (EN MAREA) os/as dirixentes galegos/as de PODEMOS-EU-MAREAS EN COMÚN- EQUO parecen querer seguir no seu labor de demolición da outrora exitosa EN MAREA, pensando que tal cousa beneficia aos seus intereses partidarios e partidistas. Un novo erro político que sumar a traxectoria duns dirixentes que, como sinalan todas as evidencias, non son quen de facer as lecturas políticas idóneas.


Si a opinión maioritaria coincide en sinalar a división cainita como unha das principais causas deste gran retroceso (unha perda do 50% dos votos), os dirixentes galegos de PODEMOS-EU-MAREAS EN COMÚN- EQUO parecen querer camiñar na dirección contraria pensando que a senda da división é a correcta. Velaí, por caso, as súas últimas manobras secesionistas no grupo parlamentario de EN MAREA.


Tremendo erro que, de persistir nel, conduciraos á insignificancia política en Galicia –da que, neste momento, non están moi lonxe-. Están a cometer o erro dos pirómanos que queiman a casa con eles dentro. Como non se dan conta de que si aspiran lexitimamente a ser protagonistas na escena política galega teñen que mudar o rumbo e volver a vista cara EN MAREA pero para traballar conxuntamente e con lealdade na configuración dun proxecto de cambio para Galicia que sexa quen de impulsar a configuración dun bloque sociopolítico democrático e plural que aspire a conseguir o apoio maioritario das clases populares galegas?


Si as eleccións xerais puxeron en evidencia que EN MAREA sen PODEMOS-EU-MAREAS EN COMÚN- EQUO ten difícil conseguir representación política no Parlamento español, tamén evidenciaron que estes sen EN MAREA son unha opción política moi menor en Galicia. Evidencias que deberan servir para que PODEMOS-EU-MAREAS EN COMÚN- EQUO tivesen claro que necesita a EN MAREA si realmente quere chegar a ser algún día unha alternativa de goberno en Galicia.


Desde unha perspectiva galega de esquerdas e no camiño para sacar ao Partido Popular de la Xunta de Galicia, as últimas eleccións xerais (abril 2019) deben considerarse só como unha primeira etapa, aínda que moi importante. A seguinte etapa serán as inmediatas eleccións locais (maio 2019) para finalizar coas eleccións autonómicas do ano 2020. Dúas contendas que para PODEMOS-EU-MAREAS EN COMÚN- EQUO preséntanse en moi, moi distintas condicións que as pasadas eleccións xerais.


Cara tales eleccións autonómicas esta organización deberá ter en conta que, de seguir así as cousas, ás mesmas tamén concorrerán ademais de EN MAREA o PSOE e o BNG, o que reduce e fai máis competitivo o espazo de esquerdas en Galicia. Unha competencia que como se puido comprobar nestas últimas eleccións xerais, parece beneficiar ao PSOE, en primeiro lugar, e ao BNG aínda que a leste en menor medida.


Que ademais polo camiño, como dicía, están as eleccións locais as que, segundo os datos de que dispoño, PODEMOS-EU-MAREAS EN COMÚN- EQUO presenta un número moi reducido de candidaturas, tal que a súa poder municipal futuro será probablemente moito menor que, por caso, EN MAREA, quen duplica o número de candidaturas municipais daqueles. Un poder municipal que, con todo, verase debilitado en ambos os casos, pois a actual división produce tamén danos colaterais relevantes como pasa con Compostela Aberta, Marea Atlántica ou Ferrol en Común quen, pero non só por mor da citada división, senón tamén por erros propios moi graves, terano máis difícil para renovar o seu mandato.


PODEMOS-EU-MAREAS EN COMÚN- EQUO debeu aprender da historia que as vitorias “estilo Napoleón” teñen un mal epílogo pois deixan os campos cheos de cadáveres e acaban conducindo a Waterloo.


Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Máis opinión
Opinadores

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE