O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia admite unha nova demanda contra Tahoces
O director xeral de Enerxía e Minas, imputado por un presunto delito de prevaricación ambiental, foi denunciado por colectivos e organizacións que integran a rede ‘ContraMINAcción’ por “obstaculización ao acceso de información ambiental”.
O director xeral de Enerxía e Minas, imputado por un presunto delito de prevaricación ambiental, foi denunciado por colectivos e organizacións que integran a rede ‘ContraMINAcción’ por “obstaculización ao acceso de información ambiental”.
O director xeral de Enerxía e Minas, Anxo Bernardo Tahoces
Os colectivos e organizacións integrantes da rede ‘ContraMINAcción’ seguen en pé de guerra contra Anxo Bernanardo Tahoces, director xeral de Enerxía e Minas. O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia admitiu a demanda por “obstaculización ao acceso de información ambiental relativa a proxectos mineiros e enerxéticos” e na actualidade atópase na “fase práctica de proba”, tal e como sinala o comunicado da plataforma.
“O TSXG admitiu a demanda que veñen de formalizar esta mesma semana a Asociación Petón do Lobo, a Asociación Sociocultural Ou Iribio, a Sociedade Histórica e Cultural Coluna Sanfins, o Sindicato Labrego Galego e Verdegaia, co apoio doutros colectivos integrados na rede”, afirma a nota de ‘ContraMINAcción’.
O fin da demanda é que o tribunal “anule os aspectos da instrución que vulneran non só a lexislación de rango superior en materia de acceso a información ambiental, senón á propia ‘Convención de Aarhus’ da que é parte contratante o Estado e que recoñece os dereitos de acceso a información ambiental e á participación pública en proxectos que afecten ao ambiente”.
Desta forma, ‘ContraMINAcción’ considera que a instrución fai unha “interpretación restritiva” do que constitúe a información ambiental, ademais de “modificar o réxime de acceso creando obstáculos que contrarían as normas legais”, unha práctica que realiza de forma “sistemática” desde o departamento de Mina de la Xunta, como denuncia o comunicado. Na nota, tamén se sinala que existen sentenzas previas do propio TSXG “que condenaron á Xunta a entregar copias de expedientes mineiros que viñan sendo retidos ilegalmente”.
“Desde ‘ContraMINAcción’ denunciamos o intento de dar aparencia de legalidade e institucionalizar as prácticas obstaculizadoras e de escurantismo que veñen caracterizando as actuacións do Departamento de Minas”, advirte a plataforma, lembrando que Tahoces atópase imputado por un presunto delito de prevaricación ambiental relacionado coa mina de San Finx en Lousame.
Escribe o teu comentario