Eleccións xerais: unha nova oportunidade para o cambio en Galicia

Manoel Barbeitos
Economista

Transcorrida unha década dende o estoupido da crise financeira que abriu a porta as políticas austericidas (austeridade fiscal e rebaixa salarial) xa non quedan dúbidas de que esas políticas dispararon as desigualdades sociais e territoriais ao tempo que esnaquizaron os estados de benestar. Unha evidencia que nin as propias elites son quen de agochar.

 

Neste marco é no que terán lugar unhas novas eleccións xerais (28 de abril) nas que a cidadanía galega deberá elixir entre 16 formacións na que, seguramente, sexa unha das convocatorias con maior número de candidatos/as. Unha amplitude que non debera ser obstáculo para que os/as cidadáns/nas galegos/as saiban distinguir con claridade o bosque que hai detrás de tanta árbore. Por caso que postura política adoptou cada quen tanto durante a grande recesión (2008-2015) como nos anos que seguiron (2016-2019) e que algúns (políticos, empresarios, medios de comunicación) sinalan como da recuperación aínda que as evidencias empíricas  apuntan a todo o contrario.


Analizando as políticas aplicadas durante este tempo observamos como, dunha forma ou outra, os grandes partidos españois e periféricos (PP, PSOE, Cs, PDdeCat, ERC e PNV) apostaron polas “políticas austericidas” (duro axuste fiscal e rebaixa salarial). Unhas políticas que, a nivel global, provocaron que o que era unha crise financeira (2008) se transformara nunha grande recesión (2008-2015). Tódolos informes serios e rigorosos coinciden neste punto: as políticas austericidas multiplicaron as desigualdades entre rendas (capital/traballo), dispararon o desemprego e a precariedade, provocaron un grande destorzo no xa deficitario estado de benestar e colocaron a centos de miles de familias galegas nunha situación de   exclusión social e pobreza. Si cando estourou a crise (2008) a riqueza de Galicia era o 92% da media española, agora é o 90%. Neste tempo perdéronse polo camiño 125.00 empregos e unha media anual de 7.000 mozos/as galegos/ emigraron mentres o sistema produtivo industrial se derruba e o aforro segue o camiño dos/as mozos/as.


Nunca, no tempo que levamos de democracia vivíramos unha situación igual con tamaño deterioro da calidade de vida das clases populares: os comedores sociais, por caso,  están en máximos históricos. Unha situación que ten os seus responsables políticos: os partidos anteriormente citados. Algo que a cidadanía galega non debera esquecer agora. Non debera esquecer tan axiña que estes partidos provocaron tales consecuencias sociais por mor de aplicar políticas publicas que non estaban nos seus programas electorais nin foran defendidas nos seus mitins. Un comportamento fariseo que con toda seguridade volverá a repetirse agora con partidos políticos e dirixentes facendo promesas electorais que logo non van a cumprir.



A moción de censura presentada polo PSOE, triunfante grazas a seren apoiada por unha grande maioría da cámara parlamentaria, trouxo novos escenarios a política española con tamén novos ventos. Pero si ben é certo que, presionado polos apoios da moción (UNIDOS PODEMOS ERC, COMPROMIS, EN MAREA…), o goberno Sánchez (PSOE) viuse forzado a aprobar unha serie de medidas económicas e sociais de indiscutible e marcado carácter progresista (suba do SMI, igualdade de xénero, dependencia, autónomos, recuperación da sanidade universal..……), moitas relevantes reformas (fiscais, laborais, financeiras e territoriais) moi importantes para Galicia, quedaron no tinteiro tanto pola resistencia das elites económicas como pola oposición de sectores destacados do seu propio partido (PSOE).


Os deputados de En Marea no Congreso en Santiago

Deputados de En Marea na pasada lexislatura


A nova aritmética parlamentaria xurdida da moción de censura presentábase aos/as parlamentarios/as galegos/as como unha oportunidade única na presente democracia de influír decisivamente no goberno español para que se reverteran as políticas centralistas de sempre e para, por caso, negociar “unha axenda galega”. Oportunidade que se perdeu lamentablemente cando un sector de EN MAREA (Unidos Podemos), incumprindo cos seus  compromisos electorais, nin sequera tentou unha negociación. Tremendo erro!.


Agora estamos nas vésperas dunhas novas eleccións xerais que, moi probablemente, abrirán a porta a unha nova oportunidade de que Galicia poda intervir activamente na axenda política española. Deixaremos, unha vez máis, pasar esta oportunidade sen aproveitala?


Na noite do 28 de abril saberémolo. A decisión está en mans dos/as galegos/as.

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Máis opinión
Opinadores

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE