​Alianzas feministas

Vera Hermida
Secretaria de Feminismos Interseccional de Podemos Galicia

Un artículo escrito en colaboración entre: Rocío Fraga (concelleira de Igualdade do Concello da Coruña), Ángela Rodríguez (deputada en En Marea), Luca Chao (deputada de En Marea Parlamento de Galicia) e Verónica Hermida (secretaria de Feminismos Interseccional de Podemos Galicia).


Un ano despois dun 8M histórico que evidenciou que a revolta feminista está en marcha, cómpre facer balance.


A nós tócanos abordar como o 8M do ano pasado transformou o noso propio espazo político e como nos situamos, feministas que participamos en política, ante esta nova data. A que retos nos enfrontamos, e que supón para nós ese non sempre fácil equilibrio entre o activismo e a participación política.


Por un lado, está a cuestión da participación. É habitual nos espazos políticos escoitar a queixa de que as mulleres participamos pouco. Aquí xogan distintos elementos que aborda o feminismo, entre eles o da conciliación, e que teñen incidencia real nesa baixa participación. Pero o 8M do 2018 sentou un precedente incontestable sobre a capacidade organizativa e de participación das mulleres. Faise necesaria unha reflexión sobre os motivos polos cales os espazos políticos nos resultan tan incómodos ás mulleres, ata chegar a expulsarnos. Probablemente algo teña que ver o feito de que os equilibrios se establezan en base a relacións de poder, mentres os espazos feministas sitúan a cooperación como eixo fundamental. Precisamos deixar a un lado a autocompracencia e reformular o noso espazo de participación, para feminizar primeiro compre despatriarcalizar.


Ademais, non debemos obviar que acceder a eses espazos require que quen os ten hexemónicamente ocupados deixe sitio, e isto supón un cuestionamento dos propios compañeiros respecto aos seus privilexios, deste xeito non nos atoparemos ante un múltiple esforzo para acadar ese lugar que sempre se nos negou. Teñamos en conta que a participación das mulleres nos espazos políticos non é só unha cuestión de xustiza irrenunciable, de democracia, senón tamén unha cuestión de eficiencia.


O feminismo amosou ser quen de verbalizar aquilo que nós apenas balbucimos. En política é innegable a importancia de comunicar e, en consecuencia, debatemos con frecuencia sobre a forma de interpelar a esa maioría social á que queremos representar. A proposta feminista “o persoal e político”, ou a súa reformulación “poñer as vidas no centro”, supón precisamente iso, incluír e admitirnos a todas as persoas como suxeitos da política. Podemos acadar un consenso maior que o de lexislar para vivir e ser?. Precisamos poñer en valor o contido de tales consignas e que non se baleiren cun uso inaxeitado. Cando falamos de poñer as vidas no centro, dos coidados, ou de que o persoal é político, temos que asumilo con todas as consecuencias que, a diferenza de outras, sen dúbida van mellorar a sociedade. O Grupo Confederal Unidos Podemos ven de presentar a primeira Lei de Liberdade Sexual para todas as persoas. Este é un exemplo concreto de facer política poñendo as vidas no centro, recollendo o que escoitamos nas rúas estes anos: xa é hora de que o Estado nos crea e deixemos de ter medo de volver soas a casa pola noite. É así como as consignas acaban por transformar as nosas vidas, neste caso pulando por construír unha nova cultura sexual en igualdade.


Fronte a competición entre os socios da foto de Colón por ver quen firma o dislate máis grande contra as mulleres, nós pensamos que o feminismo debe ser unha proposta de futuro. Educación e sanidade públicas e en igualdade para todas e todos no noso país. Que o Estado asuma os coidados, non as mulleres. Que as políticas sexan garantía, certeza e seguridade para que ninguén quede atrás. A sustentabilidade da vida, un futuro en común en verde e morado.


Despois dun ano de marcar a axenda política e mediática, podemos dicir que o feminismo ten entidade política propia. Que hai partidos políticos que nos sentimos interpelados pola proposta feminista, é innegable. Que hai partidos políticos incómodos ante esa mesma proposta, tamén. O movemento feminista foi quen de asumir a iniciativa e as forzas políticas temos dúas opcións: ou acompañar ao movemento, ou non facelo. E acompañamento quere dicir precisamente iso, escoitar e respectar a autonomía do movemento feminista, ofrecéndonos como ferramenta que lles facilite a achega das súas demandas ás institucións. Non hai outro xeito de facelo, pero sempre haberá quen nos queira confundir, lembremos que non só vimos do movemento feminista, somos movemento feminista. A diversidade dos feminismos ven sendo isto, traballar cara un obxectivo común con todas as ferramentas das que podamos dotarnos: dende a autonomía coas propias do movemento, dende as organizacións políticas coas nosas, e dende as administracións, cando estamos, xuntas.


Este 8 de marzo sairemos ás rúas amosando que o éxito do ano pasado non foi casualidade, senón continuidade. Que o movemento feminista leva décadas traballando por unha transformación social que é lenta, pero imparable, por moito que se cuestionen dereitos que hoxe desfrutamos todas. Debemos seguir establecendo alianzas feministas, posto que só así acadaremos unha sociedade en igualdade, de liberdade e dignidade para todas as persoas.


E nesta enorme tarefa non imos dar un paso atrás. O feminismo non é un dique, é a esperanza de que as cousas poden ser doutro xeito.



Este 8M, temos unha nova cita, por todas as mulleres, por todos os dereitos, revolta feminista.


Manifestación feminista en Vigo

Unha pasada mobilización feminista en Vigo | EP


Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Máis opinión
Opinadores

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE