A alongada sombra do Xabarín

Rodrigo Brión Insua

Esta noite o meu sobriño Diego, que apenas leva 15 meses neste planeta, pasou a súa primeira noite fóra da casa. Durmiu na casa do tito e pola mañá almorzamos xuntos. Co bandullo cheo, tío e sobriño fómonos a ver os debuxos. Para a miña desilusión, e despois de facer moito zapping, non atopei o que buscaba. Buscaba a Dragon Ball, ás Tartarugas Ninja, a Doraemon, ao Detective Conan… Non, non me entendan mal. Si os atopei, pero falaban un idioma que non era o seu. Máis ben non era o que tiveran sempre. Basicamente: non falaban galego. Oh! E Gatocan! Lembran Gatocan?


Na primeira canle da Televisión de Galicia xa non hai nin rastro do Xabarín Club. Non quedan nin as landras. E o que se ve na TVG2, unha canle tan esquecida como desorganizada, e que anuncian como debuxos…ben, seguinte pregunta. Tampouco queda nada do ‘Príncipe de Bel-Air’ ou ‘Mr. Bean’, que antes si se emitían na canle autonómica. A programación da TVG xa non depende das series ou programas chegados de ultramar, senón que aposta por unha “programación propia” (e aquí poño moitas comiñas), un modelo que seguramente reporta unha gran audiencia pero que en ningún caso está enfocada ao público novo, ese que xa non ten o paraugas do Xabarín Club para crecer ao ritmo das series de moda.


Entón, púxenme a cavilar sobre o futuro de Diego e da súa xeración. Un futuro no que os cativos crecen sen a sombra do Xabarín Club para que os acubille. Como explicarlle entón que houbo unha época na que miles de nenos e nenas galegos sentabámonos embobados diante da tele para ver as nosas series favoritas e, inconscientemente, a aprender ao mesmo tempo? Como será ter cinco, seis, sete anos e vivir alleo a que existe a canción de ‘Carmiña Vacaloura’ e o seu psicodélico videoclip? Ou como transmitirlle a ilusión de ver a túa cara pola TVG o día do teu aniversario, xunto a outros nenos de Galicia que naceran o mesmo día que ti? Ou que chegase por correo unha postal escrita polo mismísimo Xabarín (Da súa propia man!) felicitándoche polo teu aniversario.


O fanatismo e devoción por eses programas chegaba a tal punto que mesmo nos reuniamos varios nenos e nenas do barrio para ver todos xuntos a última aventura de Goku e compañía. Non é de estrañar que, con semellantes precedentes, moitos garden como ouro en pano o carné de socio ou que non poucos garitos que pechan a horas intempestivas teñan unha playlist salpicada con algunha das cancións de cabeceira ou peche deses benditos programas. “Síntome atraído polo teu sorriso / que ou meu corazón inunda”…eses anos xa non volverán.


E dígoo no sentido do que sente nostalxia non por non poder volver vivilo na súa propia pel, senón por non volver velo nunca. O meu sobriño Diego será, case con total seguridade, galego falante. Como a súa mamá, o seu papá, o seu tío…como a súa familia, vaia. Pero estou seguro de que nin todas as políticas lingüísticas que promova a Xunta de aquí en diante nin todas as leis de educación que apoien e promovan o uso do galego entre os máis pequenos serán tan efectivas como que os nenos de hoxe poidan ver e oír aos seus personaxes favoritos falando o mesmo idioma que os seus avós. O idioma de Castelao, de Rosalía, de Celso Emilio. E que a falen “Porque si / porque me gosta / porque me peta e quero e dáme a gaña / porque me sai de dentro”.


Por iso, non poucas asociacións e plataformas, como ‘A Mesa pola Normalización Ligüistica’, levan anos pedindo que se volva a apostar por un modelo tan efectivo e tan marabilloso como o do Xabarín. E non por nostalxia, insisto, senón polo futuro. E volvo, irremediablemente, á letra da canción de Dragon Ball GT que leva golpeando como un martelo a miña cabeza desde moito antes de empezar a escribir estas liñas, seguramente tamén desde antes de poñerme a ver os debuxos con Diego. “Imaxes que gardaba non corazón / non era máis ca un cativo e aínda así recordoas ben”. Tiñan razón. Son inesquecibles. E no corazón seguirán gardadas por moitos anos.  




Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Máis opinión
Opinadores

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE