O sistema sanitario público galego non para de ser noticia, un día si e outro tamén, por graves problemas que afectan ao seu funcionamento e, moi especialmente, no que debera ser a prioridade absoluta do mesmo: a atención aos pacientes. Novas que recollen medios de comunicación e opinión de Galicia –maiormente os independentes que son minoría- e que poñen o foco no gravísimo deterioro que este servizo público esencial está sufrindo. Un deterioro que como as evidencias demostran débese as duras políticas de axustes, recortes e privatizacións que a Xunta de Galicia (PP) está aplicando. Un deterioro que acada dimensións alarmantes pois empeza a afectar a saúde dos propios galegos moi especialmente aos mais vulnerables: nenos/as, persoas maiores, discapacitados/as….
Cando se producen de cotío manifestacións tanto de profesionais como de pacientes e de xente do común, todas elas denunciando o deterioro do servizo nacional de saúde de Galicia, ningún político responsable debera permanecer xordo a tal clamor.
Realmente non podía ser doutro xeito. Si reduces uns recursos orzamentarios xa de seu deficitarios –Galicia foi a comunidade autónoma que fixo o recorte mais severo no orzamento sanitario-, si recortas persoal sanitario competente (médicos/as, enfermeiros/as, auxiliares) e tamén persoal non sanitario, si privatizas e trasladas servizos, non podes esperar outra cousa que un crecente deterioro da atención aos pacientes que, loxicamente, repercute na súa saúde.
A atención sanitaria, como calquera outro servizo público de benestar (atención a vellez, dependencia…) precisa de contar con persoal suficiente, correctamente cualificado (médicos/as, enfermeiros/as, auxiliares…) e ben tratado profesionalmente. En Galicia as políticas da Xunta neste eido están provocando, como veñen denunciando os traballadores sanitarios un día si e outro tamén, un enorme malestar entre o profesionais que non poden prestar os seus servizos como quixeran o que repercute negativamente tanto na atención sanitaria, moi especialmente aos pacientes mais vulnerables como na propia moral dos traballadores sanitarios. Resulta dun enorme cinismo negar esta evidencia cando os estudios científicos mais serios demostran como, por caso, a redución por baixo de certo nivel de persoal de enfermería nos hospitais vai asociada a un incremento da mortalidade hospitalaria.
Por outra parte dadas as características da poboación galega tanto demográficas –con un elevado peso da poboación maior- como habitacionais –grande dispersión, elevada ruralización, abundancia de pequenos núcleos poboacionais- uns bos servizos de proximidade –atención primaria, asistencia a domicilio…- son imprescindibles. Uns servizos que a actual Xunta de Galicia puxo no foco da súa política de desmantelamento dende o primeiro momento. Decisión política que xa está tendo moi graves consecuencias sobre determinados pacientes. Non menos relevante resulta o abandono, co conseguinte deterioro, que en crecentes casos sofren infraestruturas e servizos básicos médicos que rematan sendo destinados a actividades alleas a atención sanitaria no que resulta unha incrible mostra de irresponsabilidade política.
A preferencia pola atención privada –velaí o caso paradigmático do POVISA co que se manteñen os concertos a pesares da construción do CHUVI- ten impactos claramente negativos sobre a atención sanitaria. En primeiro lugar un debilitamento, por substitución, da atención pública. En segundo a introdución na xestión sanitaria dos criterios de máxima ganancia e meirande rendibilidade que son contrarios as necesidades dos pacientes, especialmente dos que precisan mais atención ou técnicas e tratamentos mais custosos. Criterios que supoñen centrar a xestión naqueles servizos de alto rendemento económico e naquelas patoloxías mais rendibles ignorando tanto a demanda sanitaria que depende do estado de saúde non do custo -os pacientes non son clientes dun supermercado senón demandantes dun servizo público-, como a realidade do sistema de saúde galego o que provoca grandes desaxustes no mesmo. Esta discriminación faise moito mais grave cando aparecen os fondos de investimento quen polo seu carácter especulativo –máxima ganancia no mínimo tempo- tratan a saúde dos pacientes como un produto financeiro mais (titulización). A saúde dos pacientes pasa así a ser obxecto de especulación, a cotizarse opacamente OTC (over the counter) como si fora un título calquera. Finalmente, esta estratexia privatizadora provoca, como demostran as experiencias, grandes sobrecustos especialmente na atención hospitalaria.
A privatización da atención leva tamén a que se dispare a medicación, consumo de fármacos, sobre o resto das atencións médicas facendo así que se multiplique o gasto en farmacia tanto público como privado. I é que a mala atención sanitaria e moi beneficiosa para a industria farmacéutica.
Este tipo de políticas austericidas aplicadas a atención sanitaria pública teñen un obxectivo de clase moi claro: facer do sistema público sanitario un sumidoiro de recursos públicos deica a iniciativa privada (sanidade privada, fondos financeiros, seguros e mutuas privados, industrias farmacéuticas ….) algo moi visible tanto nos novos modelos hospitalarios –coa eufemisticamente chamada colaboración público/privada- como na privatización de servizos centrais –laboratorios, radioloxías varias, historias clínicas,loxística e mantemento, etc.-. Unha iniciativa privada cuxos intereses atopan nos responsables políticos uns seguros aliados ben grazas a políticas como, por caso, as de portas corredoiras, ben grazas a vínculos familiares e/ou profesionais que se ocultan.
Mais grave aínda é a evidencia científica de que as políticas de austeridade aplicadas a sanidade pública rematan provocando mortes que eran facilmente evitables (“Por que la austeridad mata. El coste humano de las políticas de recortes”. David Stucker/Sangay Basu. Editorial Taurus). En Galicia empezamos a ter probas de tales evidencias como así nos veñen informando os medios independentes.
Escribe o teu comentario