O brutal impacto da DANA no Mediterráneo coas consecuencias humanas, económicas, sociais e territoriais que se viron e as que logo se foron coñecendo, deixa tamén unha serie de aprendizaxes que deberan servir para que no futuro inmediato non se repitan, ou cando menos, esteamos máis preparados para evitar males maiores.
O primeiro de todo é desterrar dunha vez o negacionismo climático e aceptar que o cambio está aquí, que vén para quedarse e que os impactos poden aínda seren maiores e máis intensos se non actuamos xa. Científicos e expertos viñan avisando, dende hai tempo, que como consecuencia do cambio climático, o Mar Mediterráneo -un mar de augas quentes- estaba converténdose nunha bomba climática que máis cedo que tarde estouparía con efectos desastrosos como estamos agora vendo. Por que non se fixo nada? Como é posible que, a pesar desta ameaza, unha das primeiras decisións gobernamentais do novo Presidente da Comunidade Autónoma de Valencia fora a supresión da AEMET? Como é posible que, uns e outros, non pensen en, cando menos, mudar os protocolos de xestión das catástrofes e de ordenación do territorio por que o risco de novas DANA, mesmo máis violentas e intensas, é moi alto?
No impacto da DANA tivo tamén a súa responsabilidade o aquelarre urbanístico e de vivenda que o País Valenciá viviu durante o último boom inmobiliario. Unha xestión territorial irresponsable que non tivo en conta a consideración do risco: segundo o Mapa de Riscos Fluviais só nas comunidades do País Valencia e Murcia, o número de vivendas que podían verse afectados polas inundacións fluviais (construídas en zonas en risco de inundación) ascendía a 450.000.
A terceira aprendizaxe debera ser a de que se debilitamos o público, como, por un caso, fixo a Generalitat valenciana eliminando os servizos públicos da AEMET, teremos menos defensas tanto para prever posibles fenómenos naturais e así anticiparnos como para soportar os impactos. Oxalá que esta terrible desgracia sirva para entender a vital importancia do público: esta sendo o persoal público quen con medios tamén públicos axudan ás persoas damnificadas, reparan os danos nas infraestruturas e nos servizos, fan limpeza de entullo, atenden os afectados, buscan e recollen cadáveres ..., accións que están servindo para que pouco a pouco o Levante recupere a normalidade.
Tamén debera quedar claro que o avance a un estado de corte federal non debe estar a mal, todo o contrario, coa necesidade de contar con un estado forte que poda axudar as Comunidades Autónomas cando estean en situacións de desborde como pasa agora no País Valenciá coa DANA.
Non quixera deixar fóra o comportamento das dereitas durante esta enorme traxedia humana que pon en cuestión a súa capacidade real para gobernar España. Cada día que pasa resulta máis evidente que o señor Núñez Feijóo non é quen de gobernar: aparecer no medio da traxedia para soltar mentiras, atacar o goberno e denunciar a AEMET non é o que esperas do xefe da oposición aínda que logo recuara e ofrecese a súa colaboración mais, neste caso, desautorizando e deixando só ao Presidente da Generalitat de Valencia, o señor Carlos Mazón.
Pola súa parte a extrema dereita (Vox e os seus amigos) ao tempo que promoven unha axitación social neofascista que intenta aproveitar a dor e a indignación lóxicas dos afectados, emprenden paralelamente unha acción xudicial (de novo Manos Limpias) contra a directora de AEMET, o Presidente Pedro Sánchez, o Ministro de Interior, Grande-Marlaska e o Presidente da Generalitat Carlos Mazón. Ofensiva xudicial que, como acostuman, vai acompañada dunha ofensiva mediática mediante as redes e dos medios afíns sementando embustes que buscan fomentar o caos (que o radar meteorolóxico non funcionaba, que o servizo de emerxencia estaba colapsado, que a DANA fora provocada pola voadura intencionada dos encoros.....). Realmente, merecemos estas dereitas?
Escribe o teu comentario