Venezuela e a pobreza en Galicia

Manoel Barbeitos
Economista


Venezolanosvenezuelamani


Aproveitando que Venezuela volveu ser argumento político no Parlamento de Galicia quero facer chegar aos nosos lectores algunhas consideracións sobre a situación actual neste país latinoamericano que no seu día fora refuxio de tantos/as e tantos/as galegos/as.


Empecemos sinalando que Venezuela forma parte dunha rexión (Latinoamérica) onde a democracia política non termina de consolidarse definitivamente (aí temos a sanguenta lista de terribles ditaduras militares que se repiten desde hai xa moitas décadas) e as desigualdades sociais son enormes. Neste continente onde a democracia é un ben moi escaso, Venezuela pode presentar un balance das últimas décadas que NINGUN OUTRO estado latinoamericano pode hoxe presentar (nin sequera Costa Rica). Por caso Venezuela desde o ascenso do chavismo ao poder (1999) leva celebradas dezasete (17) votacións democráticas: Presidenciais (6), Lexislativas (4), Rexionais (3), ademais de Referendos (4). Votacións todas elas suxeitas ao máis amplo, intenso e implacable escrutinio sen que nunca fosen cuestionadas por ningún organismo internacional (ONU, UE, Centro Carter …). Eleccións todas elas gañadas –coa excepción das eleccións do 2015 para a Asemblea Nacional- polo Partido Socialista Unido de Venezuela (PSUV): cantos estados no mundo poden dicilo mesmo?


A maioría dos medios de comunicación e opinión pertencentes a ningún lugar informan de que nesta Venezuela bolivariana hai unhas liberdades de opinión e información que ben xa quixesen para si moitos estados occidentais, por non falar dos latinoamericanos. En Venezuela o 90% das emisoras de radio pertencen ao sector privado e apenas un 10% son públicas, o 88% das canles de televisión son privados ou comunitarios e só o 12% son públicos. Ao mesmo tempo os principais diarios son privados e moi hostís co goberno. Por estas razóns acusar aos sucesivos gobernos do PSUV de ditaduras é mentir, faltar a verdade.


Latinoamerica e, neste momento, unha das rexións do mundo con maiores niveis de desigualdade e pobreza. Pois ben, nesta contorna, e como se pode comprobar a través dos informes anuais do PNUD, que están ao alcance de quen os queira consultar, Venezuela, a pesar de ter unha economía moi dependente do petróleo –máis do 90% dos recursos en divisas do país proceden da venda do petróleo-, está entre os estados do mundo que mais progresaron no seu loita contra a pobreza, a fame e a desigualdade social. O número de familias pobres baixou do 60% (1999) ao 23% (2016) e o de familias en indigencia caeu do 25% ao 5%: resultados que colocan a Venezuela entre os estados lideres en progresos nesta materia. Resultados logrados grazas a que, entre outras medidas, estes gobernos quintuplicaron o gasto social (42,5% do orzamento público) o que lles permitiu, por caso, ser un dos poucos estados do Sur que conseguiu case todas as metas do Milenio fixadas pola ONU (2015) grazas a reducir á metade a mortalidade infantil, erradicar o analfabetismo, mellorado espectacularmente os índices de escolarización (5º país do mundo en escolarización superior), universalizado as pensións públicas, así como unha atención sanitaria e un ensino gratuítas, creado un sistema ( MERCAL) que lles permite ás familias máis pobres adquirir alimentos básicos a prezos reducidos, etc. Desgraciadamente, son poucos os medios de comunicación españois e galegos que dan conta destas realidades e outras como que o desemprego chegou a baixar ao 6%.


Realidades que se estenden a campos sociais moi diferentes. Así por caso a “Misión Vivenda”, un ambicioso programa de vivendas sociais –levan construídas centos de miles de vivendas sociais- que está a conseguir dotar dun teito a miles de familias pobres venezolanas, o que lle outorga un gran apoio popular. A nova Lei Orgánica do Traballo que supuxo enormes avances en materia laboral –redución da xornada laboral, prohibición da subcontratación, ampliación dos permisos de maternidade, melloras nas indemnizacións... – Venezuela tamén procedeu á nacionalización de sectores estratéxicos como bancos, electricidade, telecomunicacións e aceiro que, en moitos casos, serviron para romper o control monopolístico, favorecendo así aos consumidores de rendas medias e baixas. E, outro dato espectacular e moi subrayable, este enorme esforzo no gasto público non lle impediu diminuír moi notablemente a débeda externa, a pesar das trabas atopadas para os pagos: entre os anos 2014 e 2017 Venezuela fixo un desembolso de 71.700 millóns de dólares.


Con todo, e desde o ano 2014 Venezuela, está a atravesar unha profunda crise froito tanto de factores externos como internos. Entre os primeiros destacan tanto a brutal caída do prezo internacional do barril de petróleo (70%) como as sancións internacionais impostas por iniciativa do Imperio, que dificultaron o acceso á compra de capitais, e que dispararon os déficits comercial e fiscal. A nivel interno está en primeiro lugar, para unha economía tan dependente do petróleo, a caída da produción petroleira (50%) pero tamén unha política monetaria suicida que mantivo artificialmente e durante demasiado tempo a paridade dólar/bolívar e que non foi quen de controlar unha inflación galopante (2000%), pero que si disparou a compra de dólares (o cambio animou aos venezolanos para cambiar bolívares por dólares), facilitou a aparición dun comprado negro e a extensión da fuga de capitais e tamén provocou unha forte caída dos salarios reais. A estes graves problemas económicos que derivaron nunha severa recesión económica hai que engadirlle os problemas políticos internos facilitados pola derrota oficial nas eleccións lexislativas do 2015 (as primeiras que perderon). Cunha oposición que se nega ao diálogo e se alía co Imperio na procura da derriba, por calquera medio, do actual goberno e un presidente bastante incompetente e agresivo a crise institucional está servida.


Crise política e crise económica que sitúan a Venezuela nunha moi difícil encrucillada cuxa solución non parece fácil se as partes non chegan a un acordo, para o que sería preciso que desapareza a inxerencia exterior.

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Máis opinión
Opinadores

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE