Quítate ti que me poño eu

Manoel Barbeitos
Economista

Pechaba o artigo anterior cunha frase atribuída a Bertolt Brecht: “a esquerda sempre remata por arrancar a derrota das fauces da vitoria”. Un veredicto moi atinado que se pode aplicar perfectamente ao comportamento que as esquerdas galegas mantiveron durante todos estes anos de lexislatura autonómica.


Analizando os resultados electorais habidos dende que se celebraron as primeiras eleccións autonómicas (20.10.1981) varias son as conclusións que se poden sacar en relación a tal comportamento. En primeiro lugar que, tal como xa sinalara, a suma de votos dos partidos das esquerdas galegas nunca chegou a cifra dos 900.000 –o tope máximo está nos 888.974 votos cando as eleccións do 19 de xuño do 2005- que en termos porcentuais supón non superar o 34% do censo electoral. En todos estes anos so un terzo dos/as galegos/as que poden votar, e iso no caso mais favorable, o fixeron por algunha opción das esquerdas. Velaí a primeira grande limitación con que se atopan estas que precisarán superar ese teito se queren consolidarse como unha real alternativa de goberno.


En segundo lugar estes resultados electorais danse nun contexto no que a participación nunca estivo por riba do 65% do censo. Si a elo lle engadimos a solidez do voto das dereitas –nucleado en torno ao Partido Popular- non resulta aventurado afirmar que a baixa participación electoral en Galicia prexudica maiormente as esquerdas. Circunstancia que nos leva a pensar que para superar aquel teito as esquerdas galegas precisan tamén dunha maior participación do electorado galego.


Analizando polo miúdo como se distribuíu o voto en todas estas contendas podemos avanzar mais conclusións de interese. Na maioría das convocatorias, agás as dúas últimas, o voto das esquerdas sempre estivo hexemónizado por dous partidos, PSdG-PSOE e BNG, que chegarían a concentrar, no caso mais favorable –nas eleccións do 19.06.2005-, o 97,6% dos votos das mesmas. Un resultado aquel que se ben lles facilitou o acceso ao goberno non lles serviu para a súa permanencia xa que na convocatoria seguinte concentrando o 97,3% do votos das esquerdas perderían o goberno. Cada quen pode sacalas súas conclusións pero hai a evidencia indiscutible de que en todo o período democrático, con 10 convocatorias electorais, so unha vez o PSdG-PSOE e o BNG foron quen de formar goberno –non considero a época do tripartito por que foi produto mais da enxeñería política que dun resultado electoral-. Un cambio de goberno no que tiveron un papel decisivo factores tales como o declive físico e intelectual de M. Fraga e a indignación popular polo tratamento que o PP tivo no accidente do Prestige e as súas consecuencias.


Si ben durante moito tempo houbo unha concentración do voto das esquerdas en torno ao PSdG-PSOE e BNG tamén se deron outros factores a considerar pola súa relevancia. Por caso que non sempre o PSdG-PSOE obtivo mais votos que o BNG xa que nas convocatorias electorais do 19.10.1997 e 21.10.2001 o BNG superou en votos ao seu eterno rival. Asemade as esquerdas alternativas, si exceptuamos o período 1997/2009, obtiveron sempre un resultado mais que aceptable, especialmente nas dúas contendas últimas cando superaron claramente os 200.000 votos (200.828 no ano 2012 con AGE, 273.523 no 2016 con EN MAREA). Resultado este último que lle permitiu (EN MAREA) situarse como primeira forza das esquerdas en Galicia ao superar en votos tanto ao BNG como ao PSdG-PSOE, feito que sucedería por primeira vez na curta historia autonómica de Galicia.


Todo o anterior ven a confirmar que nas esquerdas galegas hai un voto moi volátil. Deixando a un lado, pola súa excepcionalidade, as primeiras eleccións autonómicas o voto, por caso, do PSdG-PSOE flutuou entre un mínimo de 256.831 votos (2016) e un máximo de 555.603 (2005). Algo parecido lle sucedeu ao BNG cuxo mellor resultado foi no ano 1997 cando obtivo 395.435 votos para caer aos 119.446 no ano 2016. Unha volatilidade que confirma que si ben nesta veira do río nada está escrito definitivamente o voto de esquerdas, agás situacións excepcionais (21.10.2001), é claramente plural. Afirmación esta que se ve corroborada pola evidencia de que, incluso no caso mais favorable (2005), os votos conxuntos das opcións sistémicas (PSdG-PSOE e BNG) nunca superaron o 34% do censo electoral.


Volatilidade, pluralidade e abstención son, xa que logo, algunhas das características xerais mais relevantes do voto das esquerdas en Galicia. Características as que hai que sumar a do teito electoral que parece ter claramente o voto que son quen de concentrar as opcións sistémicas (PSdG-PSOE e BNG) e que explican, en parte, a relevancia das opcións antisistémicas, por caso de EN MAREA. Unha realidade esta última cuxa consolidación dependerá, como se puido ver nas dúas derradeiras convocatorias electorais (2012 e 2016), da capacidade que teñan as forzas antisistémicas de configurar unha candidatura única tal e como sucedeu nos anos anteriormente citados. Condición necesaria pero nembargante non suficiente para chegar a gobernar cunha alianza das esquerdas. Será preciso ademais que sexan quen de animar a votar aos indecisos ou abstencionistas (que nunca están por baixo do 35% do censo electoral).



20180727141532


Obxectivos que como estamos comprobando nos derradeiros tempos non parecen fáciles de conseguir. As esquerdas galegas antisistémicas seguen sen ser quen de deixar atrás e superar definitivamente ós vellos vicios que a caracterizaron e que, en parte, explican o longo dominio das dereitas. Vellos vicios nos que as divisións internas e as loitas cainitas aparecen sempre como epílogos de traxectorias mais ou menos brillantes e esperanzadoras. Fracturas froito tanto do dogmatismo como dunha tremenda curtidade de miras que, na maioría dos casos, agochan como fondo ambicións persoais perfectamente reflectidas no refraneiro popular “quítate ti que me poño eu”. Neste caso quítate Luís Villares que me quero poñer eu no teu sitio (A NOVA, ESQUERDA UNIDA, PODEMOS GALICIA). Esquecen tales dirixentes algo tan evidente como que foi con Luís Villares ao fronte, sen apenas tempo (EN MAREA constituíse como coalición o 30 de xuño do 2016 e as eleccións autonómicas tiveron lugar en setembro dese mesmo ano) e con escasos recursos, como EN MAREA pasou a liderar as esquerdas galegas, ao superar en votos tanto ao PSdG-PSOE como o BNG, creando en Galicia un novo escenario político no que a viabilidade dun goberno alternativo de esquerdas non parecía xa tan lonxana.


Volveran estes dirixentes partidarios a “arrancar a derrota das fauces da vitoria”?. Si así o fan que os seus partidos se esquezan de chegar ao goberno da Xunta de Galicia nas próximas lexislaturas. 

1 Comentarios

1

É un deber decilo sin vergoña. A cultura em Galiza é baixa. No hay democracia ciudadana, sin cultura científica o experimental. Non estou referido a títulos Universitarios. O que non sea burriño o entende. O que o sexa, que se desasne.

escrito por José Rodríguez Sánchez 14/Ago/18    10:48 h.

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Máis opinión
Opinadores

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE