Podemos e Galicia

Manoel Barbeitos
Economista

PODEMOS GALICIA está actualmente nunha conxuntura que pode ser decisiva. Nunha conxuntura na que poida que estea en xogo a súa propia existencia en Galicia. As razóns que me levan a subliñar esta afirmación tan contundente baséanse no camiño que esta organización ven percorrendo nos derradeiros tempos. Tempos nos que moitos dos cadros dirixentes de PODEMOS GALICIA entraron nunha liña de constante crítica a EN MAREA, parecendo esquecer que foi baixo estas siglas como se presentaron as derradeiras eleccións autonómicas conseguindo así unha representación parlamentaria (2 de 5 no Parlamento español, 6 de 14 no Parlamento galego) que, con toda seguridade, non tiveran conseguido indo separadamente. Un camiño que lles leva a esquecer as que deberan seren as súas tarefas prioritarias tanto de oposición ao actual goberno conservador da Xunta de Galicia (PP) como de inserción na sociedade civil galega para así poder incidir en ambas e procurar o cambio das políticas actuais. A esquecer tamén a practica dunhas solidariedade e lealdade que son imprescindibles en este tipo de alianzas.



Luís Villares e Carmen Santos en rolda de prensa

Carmen Santos, líder de Podemos Galicia, e Luís Villares, líder de en Marea



Fago esta reflexión como galego que, aínda non sendo militante en esta organización –son un inscrito non partidario en EN MAREA que actualmente se alínea co sector oficial que lidera Luís Villares- mantén, nembargantes, un certo nivel de simpatía e ríspeto deica esta organización. Unha simpatía e un ríspeto que se remiten ao 15 M. Un movemento social de protesta e axitación que soubo recoller o malestar e a indignación cidadáns tanto fronte as políticas que se estaban a desenvolver dende os poderes públicos como fronte ao comportamento e actitudes dos partidos maioritarios (PP, PSOE) que monopolizaban (bipartidismo) o poder. Políticas que provocaron un enorme deterioro da calidade de vida e o benestar das clases de rendas medias e baixas (clases populares) pero que beneficiaron as clases de rendas altas (maiormente circunscritas ao IBEX 35). Políticas que ademais se demostraron incapaces de promover o desenrolo económico pois levaron primeiro a unha crise financeira para logo rematar nunha grande e longa recesión económica.


Como é ben sabido tales mobilizacións cidadáns deron os seus froitos políticos. Un dos mais relevantes foi a creación de PODEMOS a nivel do estado español, que remataría creando a súa rama en Galicia PODEMOS GALICIA. Un proceso non exento de dificultades, maiormente debido as loitas internas partidarias que como sucede case sempre non son mais que loitas polo poder.


Esta aparición dunha rama de PODEMOS en Galicia tiña lugar en paralelo a aparición doutros movementos que presentando un ton claramente antisistémico como PODEMOS, arrancaban dende Galicia tendo como obxectivo superar a sistémica división da esquerda partidaria (PSOE, BNG) por considerar que os seus fundamentos (nacionalismo/españolismo, socialdemocracia/comunismo) ademais de non responder as realidades nin do mundo actual (marcadas pola mundialización neoliberal) nin da Galicia de hoxe (derivadas de seren unha comunidade periférica no sistema capitalista actual), non son quen (como resulta evidente visto o continuo dominio conservador) de derrotar contundentemente a dereita en Galicia e dar paso a un goberno rupturista de progreso e con amplo apoio social. Movementos que, xa que logo, reclamaban a creación dun novo espazo político na esquerda de Galicia ao marxe do PSOE e o BNG. Obxectivo estratéxico que remataría na creación de EN MAREA.


Por ter participado dende os seus inicios coñezo en detalle o devir de EN MAREA. Resumindo cabe lembrar que no verán do 2016 EN MAREA constitúese como partido instrumental (“para devolverlle o poder a xente”) integrando as MAREAS MUNICIPALISTAS, ESQUERDA UNIDA e ANOVA. Un partido instrumental no que non estaba PODEMOS GALICIA pois esta organización tivo dende o principio unha relación difícil con EN MAREA que se prolongou no tempo. Unha relación que dada a confusión político-ideolóxica na que se moveu, e segue movéndose PODEMOS GALICIA parece responder mais a criterios partidistas, de loita polo poder, que a criterios políticos. Uns criterios partidistas nos que, sen dúbidas, inflúe o comportamento xacobino das súas direccións como proba que a resistencia de PODEMOS GALICIA a integrarse en EN MAREA foi, e segue sendo, maior na cúpula que nas bases desa organización. Como proba do afirmado sirva a evidencia de que cando a dirección de PODEMOS GALICIA consultou as bases sobre a súa relación coas demais forzas antisistémicas de Galicia a resposta foi abrumadoramente favorable (por riba do 80%) a “concorrer en coalición coas mareas”.


Uns resultados que responden a uns feitos incuestionables. A pesares dos lóxicos desaxustes nunha organización deste tipo, da súa novidade e debilidade orgánica, EN MAREA tivo nas súas primeiras confrontacións electorais uns resultados espectaculares tanto a nivel municipal como autonómico e incluso español. Se nas eleccións municipais do 2015 EN MAREA fixouse coas alcaldías de cidades tan relevantes como COMPOSTELA, A CORUÑA e O FERROL, nas xerais dese mesmo ano conseguiu 6 deputados no Parlamento español –que serían 5 nas seguintes do 2016- e 14 deputados no Parlamento galego -2016- pasando así a converterse, a pesares de ser a súa primeira cita electoral, na forza que lidera a oposición ao PP en Galicia. O electorado galego, a través das urnas, doulle(nos) a razón a quen(es) defendían(mos) a fórmula de EN MAREA, como a que mellor pode representar en Galicia a oposición antisistémica a hexemonía das dereitas (PP). Que nesta súa primeira cita electoral EN MAREA superara en votos tanto ao PSdG-PSOE como ao BNG deixou ben as claras que, por decisión dos cidadáns galegos, abríase un novo tempo político en Galicia no que o longo dominio conservador (PP) era claramente cuestionado. Non por casualidade EN MAREA foi dende o primeiro momento obxecto de duros ataques e descualificacións, moitas deles con un claro mal gusto e unha malísima educación, tanto polas forzas sistémicas –moi especialmente polo PARTIDO POPULAR-, como polos medios de comunicación e opinión máis próximos aos populares que son maioría en Galicia.


Neste novo contexto partidario EN MAREA aparece como eixo dun novo espazo político en Galicia, entre o PSdG-PSOE e o BNG. Un instrumento de loita que as clases populares galegas parecen ver como o mais eficaz non so para liderar un movemento sociopolítico de oposición senón tamén para ser quen de rematar co longo dominio do PARTIDO POPULAR. Neste contexto, repito, resultan preocupantes os movementos centrífugos de PODEMOS GALICIA. Uns movementos disgregadores que non so agudizan as tensións internas en EN MAREA e o enfado nas bases senón que, o que resulta mais preocupante, deterioran enormemente a imaxe de EN MAREA como alternativa real ao PARTIDO POPULAR. Uns movementos disgregadores, que non deixan de ser froito da loita polo poder no seo de EN MAREA, e que son habilmente aproveitados polos medios de comunicación e opinión galegos maioritariamente alindados coas forzas conservadoras. Pero que, o que resulta aínda mais preocupante, son tamén aproveitados por outros membros de EN MAREA, algúns moi coñecidos pola seu oportunismo recorrente, que atopan neses medios tódalas oportunidades, para socavar a imaxe externa de EN MAREA e moi especialmente a do seu portavoz LUIS VILLARES cuxo compromiso con EN MAREA é incuestionable e cuxo apoio entre os inscritos é crecentemente maioritario. Uns inscritos que, como evidencian tódalas votacións e consultas internas habidas, son(mos) maioría en EN MAREA algo que as forzas partidarias deberan ter moi en conta pois os cálculos errados de forzas soen pasar factura en política.


Eses movementos non so deterioran a imaxe de EN MAREA senón tamén a de PODEMOS GALICIA algo que deberan avaliar debidamente tanto a súa dirección en Galicia como en España. PODEMOS GALICIA debe entender e asumir que en EN MAREA existen sensibilidades políticas moi distintas, algo que enriquece si se sabe aproveitar. Sensibilidades distintas que poden, así e todo, traballar unidas no seo tanto da COORDINADORA como do CONSELLO. Traballar conxuntamente, nun contexto de camaradería e de solidariedade. para rematar co longuísimo dominio conservador en Galicia e en beneficio das clases populares.

PODEMOS GALICIA debe entender que a división entre as forzas antisistémicas, algo que a maioría dos medios de comunicación e opinión de Galicia, procuran teimudamente, so favorece as forzas conservadoras galegas. PODEMOS GALICIA debe, xa que logo, antepoñer as coincidencias en EN MAREA, que son moitas, as diverxencias, que son lóxicas pero menos. De facelo así non so EN MAREA será mais forte senón que os obxectivos comúns de EN MAREA e de PODEMOS GALICIA, que se resumen en lograr un cambio profundo en Galicia tal que permita mellorar as condicións de vida e benestar das clases populares galegas, serán mais doados de conseguir.



Polo ben de Galicia, así o espero.


Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Máis opinión
Opinadores

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE