Empeza a folga de ambulancias en Galicia
As moi baixas adxudicacións da Xunta nos contratos do transporte sanitario acaban desatando un conflito laboral que, por anteriores episodios, pode ser virulento.
As moi baixas adxudicacións da Xunta nos contratos do transporte sanitario acaban desatando un conflito laboral que, por anteriores episodios, pode ser virulento.
Unha pasada mobilización do sector
Así, este mércores, día 9 de maio, comeza unha folga de dous días no sector de ambulancias en toda Galicia. Segundo informa o principal dos sindicatos con representación, na capital do país os folguistas estarán concentrados diante da entrada principal do Hospital Clínico desde as 9:00 horas .
A CIG, que representa o 60% no sector, denuncia "a negativa da patronal para negociar o convenio e a inacción da Xunta de Galicia, a pesar de ser a responsable última deste servizo público". A folga será indefinida a partir do mes de setembro, advirten, se non se atenden as demandas das traballadoras e traballadores.
REIVINDICACIÓNS
A folga seguirá o xoves, 10 de maio. Son as dúas primeiras dúas xornadas do calendario de folgas aprobado de maneira unánime polas asembleas de traballadores para esixir "o desbloqueo da negociación colectiva, o cumprimento das condicións recollidas no convenio, a retirada de todos os elementos de presión e de precarización (descolgue salarial, modificacións substanciais, sancións, etc.) que pretenden aplicar as empresas, así como a mediación activa da Consellería neste conflito".
Comezará o paro ás 00:00 horas do mércores 9 de maio ata as 24:00 horas do 10 de maio e afectará a todo o transporte sanitario de Galicia, tanto urxente (061) como non urxente (traslados e programado). Ademais, de non producirse avances, a CIG ten convocadas novas xornadas de folga para os días 6 e 7 de xuño e 4 e 5 de xullo e, a partir de aí, "haberá folga indefinida se nin a patronal, nin a Xunta de Galicia, atenden as demandas do colectivo".
Ademais, este mércores os folguistas participarán na manifestación que a CIG desenvolverá en Compostela ao final da asemblea nacional de delegados e delegadas preparatorio da folga xeral do próximo 19 de xuño, convocada polos nacionalistas. A marcha sairá ás 12:30 horas desde o Pazo de Congresos (San Lázaro) e finalizará diante do complexo administrativo de San Caetano.
Para a xornada de folga do xoves está previsto que se realicen concentracións en todas as áreas sanitarias.
Escribe o teu comentario