Gadis homenaxea a María Victoria Moreno
Os supermercados Gadis da nosa comunidade repartirán cincuenta mil marcapáginas e dous millóns de bolsas con fragmentos de María Victoria Moreno, e trinta mil exemplares do libro Papá Bolechas doa sangue.
Presentación da campaña | Imaxe: Eva Neira Carballo
Con motivo o día das Letras Galegas, dedicado este 2018 á autora María Victoria Moreno, Gadis lanza unha campaña de en homenaxe á cuarta muller distinguida co maior recoñecemento da lingua galega, despois de Rosalía de Castro, Francisca Herrera Garrido e María Mariño.
Na presentación, o director de comunicación de GADISA, José Luis Fernández Astray, explicou que o obxectivo de é "contribuír a a difusión da lingua galega e ao impulso da nosa literatura e do sector editorial". Para iso, a cadea de supermercados repartirá de forma gratuíta aos seus clientes 50.000 marcapáginas cun fragmento da obra Elexías dá Luz, e "como xa vén sendo habitual", dixo Astray, "imos distribuír máis de dous millóns de bolsas" coa foto da autora e un fragmento, "neste caso de Diarios da Luz e da Sombra".
Á homenaxe a María Victoria Moreno súmase a distribución de 30.000 exemplares de "un libro protagonizado pola unha das familias máis queridas da nosa comunidade: Os Bolechas. Trátase de Papá Bolechas doa sangue, unha obra divulgadora e solidaria". Desde o 16 de maio, ata fin de existencias, a clientela de Gadis poderase facer cun exemplar por calquera compra nos seus establecementos.
Sonia e Tatá Bolechas acompañaron nesta presentación ao director de comunicación de GADISA; á a directora da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue, Marisa López; e ao viúvo da autora, Pedro Ferriol, quen tivo a ocasión de falar de María Vitoria Moreno. A parella de María Vitoria Moreno agradeceu ao grupo de supermercados a homenaxe, e lembrou á que foi "unha muller todoterreo emultifacética", que ademais de "mestra e escritora foi tradutora, conferenciante, ensaísta, poetisa e libreira".
Pedro Ferriol durante a súa intervención | Imaxe: Eva Neira Carballo
Ferriol lembrou á autora como "unha muller adiantada ao seu tempo", que se atreveu a falar de temas nos seus libros ata entón pouco explorados, como o feminismo, as drogas ou a discriminación racial.
Como anécdota para finalizar a súa intervención, o viúvo contou que "María Vitoria sempre comprou nun supermercado Gadis". Entre sorrisos das relatoras e o os medios, Ferriol falou do supermercado que estaba enfronte da súa casa, onde Moreno compraba todos os días "porque era tanta a identificación coa súa terra e os seus produtos que non compraba nada que non fose galego".
Doutra banda, a directora de ADOS presentou o libro de Os Bolechas. "É unha honra e unha responsabilidade presentar hoxe un conto para os máis pequenos de casa, que foron os grandes protagonistas de boa parte da obra de María Vitoria, e aos que pretendemos trasladar valores de solidariedade e xenerosidade", apuntou Marisa López en declaracións recollidas por Galiciapress.
López remarcou o compromiso de GADISA con causas solidarias como a doazón, un compromiso da cadea con ADOS desde hai 22 anos. "Esperamos que este conto contribúa a solidarizar non só a pequenos, senón tamén aos maiores, da importancia dun xesto tan simple pero tan imprescindible á vez como é a doazón de sangue", concluíu a directora de ADOS.
Escribe o teu comentario