Mariano Rajoy, o grande líder Europeo

Manoel Barbeitos
Economista

España, e con ela Galiza, vai acumulando liderados que sitúan a este estado no foco da atención europea e mundial. Así España é líder europeo en corrupción, en desigualdade, en peores condicións laborais e en retroceso nos dereitos e liberdades democráticas. Liderado que debe moito as políticas que ven aplicando o goberno español de torno (PP) con Mariano Rajoy ao fronte.



Non cabe ningunha dúbida de que Mariano Rajoy (PP) vai camiño de pasar a historia (?) como un presidente de goberno que, mercé as súas políticas, foi quen de conducir a España ao liderado europeo, con marcas de record en mais dunha materia. Así, hoxe por hoxe, o estado español é un dos líderes europeos en corrupción, desigualdade, peores condicións laborais e maior retroceso nos dereitos e liberdades democráticas.   



Rajoy sorriso



Fai unhas semanas saía un informe da prestixiosa asociación Transparencia Internacional  no que se sinalaba como España ven sendo o estado que mais empeora no ranking da corrupción, batendo no ano 2017 un record negativo (57 sobre 100 no Índice de Percepción da Corrupción, para un 65 de media na Unión Europea e un 87 nos estados nórdicos europeos) . Un dato vergonzoso e vergoñento pero que calquera cidadán minimamente informado corroboraría con toda seguridade. Un dato que non debera sorprendernos aos galegos xa que non hai día no que ben os medios de comunicación ben as actuacións dos xulgados non nos informen sobre o procesamento dalgún dirixente do Partido Popular (PP) por un ou varios casos de corrupción. Un listado tan elevado de dirixentes imputados e de casos de corrupción que conduce inevitablemente a pensar que non responde a comportamentos individuais senón que é algo sistémico a este partido que, sen dúbidas, tivo e ten a corrupción como alimento. Dada a implantación política e institucional deste partido a súa corrupción pasou a ser un problema de estado por emporcar coa mesma a propia imaxe de España ao tempo que lesionar gravemente a democracia e impulsar unha crecente desigualdade. Non sendo menos relevante o custo da mesma que segundo a CNMV ascende a 90.000 millóns de euros anuais(8% do PIB). 


Pero a realidade resulta mais preocupante si a este dato unimos outro facilitado pola Comisión Europea que situaba a España entre os estados con mais desigualdade da Unión Europea. Bruxelas colocaba a España nunha “situación crítica” en base a indicadores sociais tales como abandono escolar, risco de exclusión e pobreza, emprego e desemprego, lenda de xénero e políticas públicas de benestar. Indicadores que poñen en evidencia como as políticas de axuste fiscal e de rebaixa salarial que se veñen aplicando en España, con especial dureza baixo o goberno de Mariano Rajoy, teñen un impacto indiscutible na sociedade disparando a desigualdade, a exclusión social e a pobreza ata situalas nos niveis mais elevados da Unión Europea. Compre facer un inciso sobre estes informes e os seus autores: non deixa de ser esta unha postura cínica por parte da Comisión Europea cando son as políticas que a cuadriga, da que forma parte (Comisión Europea, Consello Europeo, BCE e FMI), está impoñendo en toda a eurozona, e que o goberno español (PP) apoia con entusiasmo, as que provocan a crecente desigualdade. Unhas políticas de cuxo estrito cumprimento a propia Comisión Europea está vixilante.


Non queda aí a cousa. Como ben sinala o profesor Vicenc Navarro o EUROPEAN TRADE UNIONS INSTITUTE (‘ Bad jobs’ recovery?. European Job Quality Index. 2005-2015) sitúa a España como o estado da Unión Europea con peores condicións de traballo (unha puntuación de 3 sobre 10). Peores condicións de traballo medidas polos salarios, os tipos de emprego, o tempo de traballo, a seguridade laboral e a representación sindical. Peores condicións de traballo que se reflicten nunhas maiores precariedade e porcentaxe de traballadores pobres. Unha realidade da que o citado instituto culpa as políticas públicas que se aplican en España e moi especialmente as regresivas reformas laborais.


Para rematar esta tenda dos horrores solo cómpre sinalar que España tamén están entre os estados europeos nos que se ten producido, durante os mandatos de Mariano Rajoy (PP), un dos maiores retrocesos en materia de dereitos e liberdades democráticas. Amnistía Internacional no seu último informe  (2017) chama a atención sobre o grande retroceso que experimentou a liberdade de expresión en España así como as grandes restricións e vulneracións que teñen dereitos fundamentais como os de reunión e manifestación. Tamén denuncia o incremento da violencia contra as mulleres e a falta de protección aos refuxiados. Situación a que colaboran tanto organismos do estado como por caso a Fiscalía Xeral –que nomea o goberno de torno- con actuacións que nos lembran ao aparato xudicial do franquismo (T.O.P.), como a existencia de leis, como a chamada “Lei Mordaza”, que dan cobertura legal a tales actuacións. Actuacións que fan que diferentes organismos europeos sitúen a España entre os estados con dubidosa calidade democrática. Así por caso parlamentarios europeos denunciarían  recentemente a impunidade da que aínda, hoxe en día, seguen gozando os movementos fascistas en España.



Non cabe dúbidas que por todos estes méritos Mariano Rajoy ten ben ganado o premio Carlomagno por esta súa apartación tan valiosa a Europa como gobernante en materia de transparencia gobernamental, progreso social, dereitos e liberdades democráticas.

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Máis opinión
Opinadores

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE