Quo Vadis PSOE?

Manoel Barbeitos
Economista

Unha das situacións mais preocupantes, para calquera demócrata galego e español, e actual confusión político-ideolóxica na que se move o PSOE que di querer representar en exclusiva a esquerda (“la izquierda somos nosotros”) tal como se non houbera mais esquerdas. Digo confusión por non dicir regresión. Preocupante por que, hoxe por hoxe e segundo tódalas enquisas, aínda atrae a unha parte importante do electorado (23% enEspaña, 18% en Galiza).


Nembargantes o PSOE actual non fai mais que seguir o que é unha práctica histórica da socialdemocracia que sen deixar nunca de seren reformista, combina unha retórica radical –nalgún intre histórico incluso revolucionaria- cunha praxes moderadamente reformista que nos tempos actuais, a partires dos anos oitenta do século pasado, adoptou formas socioliberais.


De sempre a socialdemocracia foi fortemente anticomunista, agás contadas excepcións debidas mais ao oportunismo do momento –PSF con F. Miterrand- ou ao pragmatismo dos seus lideres –PSP con Pedro de Sousa- que ao propio convencemento. Algo que hoxe se pode comprobar no PSOE co matiz de que o anticomunismo transformouse nun antipodemismo –UNIDOS PODEMOS-. Ben é certo que destacados dirixentes deste último lle facilitan o camiño, moi especialmente o líder do Podemos Pablo Iglesias. Unha praxes que fai imposible a necesaria unidade das esquerdas en España ao tempo que impide que o PSOE sexa hoxe quen de liderar fronte ao PP unha forte oposición das esquerdas que, sen dúbidas, contaría cun amplísimo apoio popular. O mais preocupante é que esta permanente mirada polo retrovisor impídelle a Pedro Sánchez, e a súa equipa, ver como a dereita (PP e Cs) se recompón da súa crise (Cs está gañando o que perde o PP) e se prepara para seguir gobernando, ou cando menos para seguir sendo hexemónica, moitos anos mais.


Un conflito este –praxes/retórica- que si xa víramos primeiro con Felipe González e mais tarde con Jose Luís Zapatero, agora estamos vendo con Pedro Sánchez un día si e outro tamén. Deixando a un lado, aínda que é moito deixar, o vergonzoso repregue (2011) que supuxo a reforma expreso da Constitución Española (artigo 135) o PSOE non deixa de apoiar, incluso entusiasticamente, as medidas mais regresivas do goberno actual do Partido Popular (PP), tanto en materia de política económica como de (contra)reforma do estado das autonomías e de retroceso en dereitos humanos.


Durante a grande recesión última o PSOE, en liña coa socialdemocracia europea, alienouse coas políticas neoliberais de consolidación fiscal (“austericidio”) e rebaixa salarial que a cuadriga (Consello Europeo, Comisión Europea, Banco Central Europeo e Fondo Monetario Internacional), liderada por Alamana, impuxo en toda a eurozona. Entre as mais tristes evidencias deste alineamento estivo, por caso, o seu apoio a cuadriga no chamado rescate de Grecia que non foi mais que un auténtico castigo ao pobo grego, un “aviso a navegantes”. Unhas políticas que, como estamos vendo, manteñen o desemprego en niveis elevados, disparan a desigualdade e incrementan a pobreza moi especialmente nos estados europeos do sur. Algo que sucede sen por elo ser quen de reducila débeda pública pero que, nembargante, si esnaquizan o estado de benestar –unha conquista da que a vella socialdemocracia fora “responsable”-. En ningún momento o PSOE, e a maioría da socialdemocracia europea, foi quen de facer oposición a este alineamento europeo a pesar das evidencias. Cabe, xa que logo, preguntarse: que foi daquela socialdemocracia que defendía o pleno emprego e o estado de benestar?, que foi daquela socialdemocracia que propugnaba a solidariedade?.


Fronte a amplamente reivindicada reforma do estado das autonomías –especialmente dende as comunidades chamadas históricas- o PSOE mantivo de sempre unha postura ambivalente. Lémbrese, por caso, como evidencia o que lle pasou a Pascual Maragall (2003-2006) cando a fronte do goberno tripartito catalán (PSC, ERC, ICV), intentou unha reforma en clave moderadamente federalista do estatuto catalán. Un obxectivo que, a pesar de contar co apoio da maioría de pobo catalán (confirmada no referendo do 2006 cun 74% dos votos favorables ao novo estatuto), tivo ao propio PSOE como adversario frontal (lémbrense as durísimas declaracións de Alfonso Guerra, daquela presidente da Comisión Constitucional do Congreso, sobre o Estatut catalán aprobado polo Parlament) aínda cando P. Margall era militante dese partido (PSC). Pero podemos ir mais atrás e lembrar tamén o pasado co Estatuto de Autonomía de Galiza (1981) cando un sector de PSdG-PSOE tivo que loitar bravamente –o que isto escribe participou nesa loita- coa dirección federal do PSOE, e tamén con destacados membros do mesmo PSdG-PSOE, para que o Estatuto de Autonomía, na versión actual, non fora desnaturalizado e convertido nun estatuto de terceira fila, nunha mera descentralización administrativa. Agora, con Pedro Sánchez, o PSOE parece querer aparecer de novo como un dos abandeirados do españolismo mais rancio e así fronte ao independentismo catalán e, en definitiva, ante a necesaria reforma do Estado das autonomías o PSOE, unha vez mais, presenta a súa faciana mais centralista pensando en gañarse así o voto españolista competindo con o PP e Cs por ver quen representa mellor o nacionalismo español. Unha postura, reflectida no seu apoio a aplicación do artigo 155, que coloca nunha situación extremadamente difícil aos seus compañeiros do PSC, PSE e PSdG. Algo que podemos ver agora de novo co gallo do ataque por parte do goberno español (PP) ao modelo lingüístico catalán fronte ao que o PSOE volve a mostrar a súa coñecida ambigüidade e as non menos coñecidas diferenzas internas que obrigan, por caso, a Iceta (PSC) a continuos desmentidos ou reviravoltas. De seguir así non me estrañaría que acabará aliñándose con aqueles (Cs) que tamén queren desnaturalizar o copo vasco. As sinais dalgúns varóns do PSOE son preocupantes.


Nun artigo anterior escribía como en España, e xa que logo en Galiza, estábamos asistindo a un gravísimo retroceso en materia de dereitos e liberdades democráticas. Retroceso por mor das medidas políticas anticonstitucionais (vid. capítulo II da C.E.) adoptadas polo goberno de Mariano Rajoy (PP) quen intenta así tapar tanto as miserias das súas continuas prácticas corruptas como os efectos das súas políticas recesivas. Retroceso que, por caso, supón situar ao toda persoa, colectivo, periodista, medio de comunicación, concello ou goberno autonómico critico co sistema no foco da persecución política, xudicial ou policial. Autentica involución (“en España vas a cadea por escribir unha canción pero non por saquear unha banca pública”) diante da cal o PSOE ven adoptando unha posición política que, sendo suaves, podemos cualificar de extremada moderación. Unha actitude que non resulta digna dun partido que di representar, en exclusiva, a esquerda española. Non digna por que a auténtica socialdemocracia é aquela que loita con tódalas súas forzas contra os inimigos da democracia. Aínda que a verdade é que a historia da socialdemocracia europea na defensa dos dereitos e as liberdades democráticas presenta demasiados buratos negros. Ai están as hemerotecas para quen teña dúbidas.


Por estas razóns, e outras mais que darían para un novo artigo (como por caso: segue sendo o PSOE un partido obreiro, republicano e laico?), considero que o PSOE non é hoxe, de ningures, un partido antisistémico. Deixou de selo fai tempo como lle pasou a maioría da socialdemocracia europea.




Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Máis opinión
Opinadores

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE