​Rueda rexeita a contraoferta dos funcionarios de xustiza e non variará a súa proposta

"Por moito que pasen os días, non vai variar", anuncia o vicepresidente, que defende que a folga "non é ningún pulso".


|

Alfonso roda micros



O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, rexeitou a contraoferta presentada polo comité de folga dos funcionarios do sector xudicial galego e instou aos sindicatos a que reconsideren a que os negociadores da Administración deixaron sobre a mesa e que, advertiu, "non vai variar por moito que pasen os días".


"Isto non é ningún pulso, ningún toma e daca; estamos a falar de recursos públicos e a Xunta tenos que administrar con racionalidade e responsabilidade", sentenciou Rueda, en declaracións aos medios en Pontevedra, na quinta xornada efectiva --sen ter en conta a fin de semana, cando os xulgados non teñen un funcionamento ordinario-- de folga indefinida.


A nova oferta económica que o Goberno galego trasladou na pasada xornada aos sindicatos mellora a última exposta pola Administración "nunha media dun 20 por cento" (con leves variacións segundo o aumento se refira ao corpo de xestores, de tramitadores ou de auxilios do sector xudicial).


A NEGOCIACIÓN "SEGUE ABERTA"


Este martes, en declaracións aos medios, Rueda ratificou este rexeitamento, á vez que subliñou que a negociación se pode retomar "en calquera momento" xa que "segue aberta".


"Levamos dicindo desde o principio o mesmo porque é absolutamente certo. Nós nunca nos levantamos da mesa de negociación; os sindicatos levantáronse e volveron á mesa de negociación varias veces", sinalou o vicepresidente.


PROPOSTAS  "INASUMIBLES"


Rueda tamén reprobou que, á marxe da oposición sindical á oferta autonómica, e de pedir un incremento salarial "inasumible", o comité de folga incorpore na súa petición unha cláusula de revisión automática que "obrigaría á Xunta a que, cada vez que unha comunidade lle suba o soldo aos seus funcionarios, se faga tamén en Galicia".


"Se de súpeto País Vasco e Madrid deciden facer unha subida, Galicia tamén tería que facelo automaticamente. Estas son propostas que non teñen moito sentido", constatou o tamén conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.


"NON VAI VARIAR"


Rueda, quen lembrou que acceder á demanda dos sindicatos supoñería un aumento 13,3 por cento sobre o total dos seus emolumentos, esgrimiu que "as arcas públicas non se poden permitir" subidas deste calado para os funcionarios porque se trata de "recursos públicos que teñen que ser administrados con racionalidade".


Dito isto, subliñou que, se a última proposta que fixo a Xunta "volve ser considerada polos funcionarios", continuarase negociando. "Se non, a Xunta fixo unha proposta e é a que se mantén. Por moito que pasen os días, non vai variar", advertiu.


relacionada Os funcionarios de xustiza avisan: "Estamos aínda moi lonxe de alcanzar un acordo"

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE