Xulio Ferreiro saca adiante os orzamentos co apoio do PSOE
O PP votou en contra criticando "máis parálise" e o BNG porque lles rexeitaron alegacións incluídas no seu propio programa electoral.
Votación das contas, este luns. Foto: Concello da Coruña
A Corporación municipal da Coruña aprobou de maneira definitiva, cos votos a favor de Marea Atlántica e PSOE e en contra de PP e BNG, os orzamentos municipais para este ano, que ascenden a 246,8 millóns de euros, un 3,1% máis que o pasado exercicio.
BNG e PP votaron en contra despois de que se rexeitasen as súas alegacións argumentando desde o goberno municipal que as reclamacións realizadas durante o período de exposición pública das contas non se axustaban "aos supostos que recolle a normativa vixente".
Na súa intervención, a concelleira de Facenda, Eugenia Vieito, cualificou de "expansivas" unhas contas das que dixo que buscan "reforzar as políticas sociais". Mentres, tachou de "discurso apocalíptico" as críticas feitas desde o PP. Das alegacións deste grupo, afirmou que incluían "proxectos obsoletos" e outros xa en vías de execución.
"PEORES" ORZAMENTOS
Desde as filas populares, a portavoz, Rosa Gallego, manifestou que os orzamentos deste ano son "peores" que os de 2017 e engadiu que non van resolver "problemas reais" dos cidadáns. "Orzan máis impostos, máis parálise", sentenciou.
Ademais, a concelleira do BNG Avia Veira defendeu as propostas incluídas ás súas alegacións e criticou que se rexeitasen todas elas. "Ían cuestións do seuprograma electoral", sinalou en alusión á Marea Atlántica. Como exemplo, citou a inclusión de partidas para mellorar a seguridade viaria en Monte Alto.
Pola súa banda, o portavoz socialista José Manuel García admitiu a existencia dun "cadro de parálise xeneralizada" na cidade, pero apostilou que apoian as contas "por responsabilidade". Tamén lle pediu ao goberno local que faga "un bo uso" das contas "porque a cidade o necesita".
Escribe o teu comentario