Contactos entre a Marea e o PSOE para preparar os orzamentos da Coruña
Aínda non sentaron a negociar, pero tratan de evitar que se repita a situación dos últimos anos.
José Manuel García e Xulio Ferreiro.
Os orzamentos municipais son a maior batalla dos gobernos locais sen maioría. No caso da Coruña, Xulio Ferreiro tivo que someterse este 2017 a unha cuestión de confianza para sacar adiante as contas.
Para que non se repita a situación cos orzamentos de 2018, o Goberno local e o PSOE empezaron a manter "contactos informais", aínda que non sentaron a negociar o texto do próximo ano.
Desde o PSOE din que o acordo é posible porque non establecen "ningunha liña vermella", e xa non está sobre a mesa a entrada no Executivo como condición para garantir o seu apoio ás contas.
As concellerías deben presentar as súas propostas de gastos e ingresos esta semana, co obxectivo de que o orzamento entre en vigor desde o primeiro día do 2018.
ALCALDÍA ROTATORIA
O que queda de agosto, o Concello estará rexido por tres alcaldes distintos. Para cubrir as vacacións de Xulio Ferreiro, ata o 31, substituirano a concelleira de Medio Ambiente, María García; o edil de Rexeneración Urbana, Xiao Varela; e a responsable de Xustiza Social, Silvia Cameán.
Tanto o ano pasado coma o anterior, con todo, Ferreiro foi substituído por María García, a tenente de alcalde.
Escribe o teu comentario