Xulio Ferreiro: "Non podía ocorrer o do ano pasado"
O alcalde da Coruña está cada día "máis convencido" de ter ligado os orzamentos municipais á cuestión de confianza.
O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, cargou contra o PSOE por non ter "ningunha intención" de "dota dunha mínima estabilidade" o Goberno municipal e optar polo "bloqueo sistemático".
En concreto, o rexedor herculino pronunciouse deste xeito nunha entrevista en RNE recollida por Europa Press, na que asegurou que non se arrepinte de ligar a aprobación dos orzamentos municipais a unha cuestión de confianza, a cal perdeu debido aos votos en contra de PP e PSOE.
É máis, preguntado por se volvería facer o mesmo mostrouse tallante: "Si. [...] Cada día que pasa estou máis convencido de que o PSOE non tiña interese en chegar a un acordo", denunciou Ferreiro, quen fixo fincapé en que A Coruña sufriu o pasado ano a aprobación tardía dos orzamentos. "Non podía ocorrer o do ano pasado", apostilou.
A continuación, defendeu que Marea Atlántica non se excedeu nas súas esixencias ao PSOE. De feito, asegurou que a súa formación se conformaba coa presenza de tres puntos nos orzamentos: a área Metropolitana, algo que, asegurou, o PSOE solicitaba no seu documento de peticións ao Goberno; a reordenación da fachada marítima da cidade, de acordo, matizou, cunha moción plenaria do PSOE; e o Plan de Mobilidade, en base ao encargado no seu día, indicou, polo PSOE.
PSOBLE MOCIÓN DE CENSURA
A este respecto, criticou que estas tres medidas apoiadas no seu momento polos socialistas non se puidesen incluír no pacto, á vez que considera que unha posible moción de censura por parte de PP e PSOE está "fóra da axenda", polo menos, engadiu, de acordo coas "declaracións públicas" dos responsables destes partidos. "Levo 18 meses esperando a reconducir a situación co PSOE", apostilou.
Sobre as obras de reparación da cuberta de Riazor, danada polo temporal, confía en que estean finalizas nuns días e listas para o partido entre o Deportivo e o Alavés.
No que respecta á reforma integral da cuberta de Riazor, cuxo inicio se prevé en 2018, Ferreiro pronunciouse deste xeito: "Imos facer unha obra que solucione os problemas das cubertas de Riazor por 50 ou 60 anos", precisou Ferreiro, quen sinalou que se están redactando os pregos para o anteproxecto técnico e que se trata dunha obra de "moita magnitude" que prevé un investimento de "seis ou sete millóns de euros".
Sobre a vontade da Xunta de que os autobuses interurbanos cheguen ao centro da cidade na primavera,asegurou que as conversacións están "bastante avanzadas" e que o plan de penetración, a pesar de empezar "mal" debido á actuación "unilateral" da Xunta, "reconduciuse".
O obxectivo, subliñou, é que este plan ocasione os "mínimos prexuízos" no tráfico e de servizo á xente que vén dos municipios de ao redor.
No que respecta ao Área Metropolitana, considera que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, podería adoptar unha "posición proactiva" para facilitar o consenso, sobre todo "se parte do problema está nos alcaldes que pertencen ao seu partido".
Escribe o teu comentario