Longas retencións en Lugo por unha colision frontal entre dous coches e un camión que deixa un falecido
Os feitos tiveron lugar esta mañá na parroquia de Orbazai, provocando importantes atascos.
Unha persoa faleceu na mañá deste venres en Lugo tras producir unha colisión frontal entre dous coches e un camión na parroquia de Orbazai, provocando longas retencións na zona.
Segundo informa o 112 Galicia, foi sobre as 08.10 horas cando un particular avisou dun accidente entre dous coches á altura do quilómetro 1 da N-540. Máis tarde, a Garda Civil confirmou que tamén había un camión implicado.
O primeiro alertante xa indicaba que o suceso parecía grave e que podería haber persoas atrapadas nos vehículos, polo que se informou a Urxencias Sanitarias de Galicia-061, á Garda Civil, aos bombeiros e á Policía Local de Lugo.
Con todo, os profesionais sanitarios só puideron confirmar a morte do condutor dun dos coches. Pola súa banda, outras dúas persoas foron evacuadas en ambulancia ao Hospital Lucus Augusti.
A esta hora, continúa habendo retencións na estrada, mentres a Garda Civil trata de regular o tráfico durante os traballos de retirada dos coches implicados.
Escribe o teu comentario