Cada Neno un Xoguete empeza a súa recollida de agasallos de Nadal
A campaña solidaria "Cada neno un Xoguete" dá un paso decisivo e esténdese este ano a toda Galicia grazas á incorporación de novas entidades colaboradoras e figuras públicas.
A súa gran novidade é a alianza co cantante e compositor DOLCE, que organizará unha gran recollida de xoguetes entre os seus máis de 100.000 seguidores, con puntos habilitados nas catro provincias galegas para a campaña 2025. O artista visitará persoalmente estes espazos para agradecer o apoio dos doantes e reforzar o carácter próximo e comunitario da iniciativa.
"Cada neno un Xoguete" consolídase así como unha das campañas solidarias máis relevantes do Nadal en Galicia, con máis de 7.000 xoguetes recolleitos até a data na edición actual. Destacan especialmente os 3.000 libros doados por Editorial Galaxia, que celebra a súa 75 aniversario e aposta pola lectura e a cultura como ferramentas de igualdade de oportunidades. A organización subliña que o obxectivo é que ningún menor quede sen agasallo, con especial atención ás familias en situación de vulnerabilidade.
Entre os eventos xa programados figura unha gran cita solidaria no Hotel Atlántico Vigo, o venres 21 de novembro, en pleno centro comercial e financeiro da cidade. De 18:00 a 21:00 horas haberá postos de filloas e castañas, espectáculo de marionetas con música celta, show de maxia e o aceso da árbore de Nadal, todo vinculado á recollida de xoguetes. Ademais, o domingo 23 de novembro celebrarase unha xornada familiar coa pena celtista Le-chuzas Celestes no Pavillón de Becerreira, con inchables para todas as idades, talleres, xogos, gaiteiro e a visita de Spiderman, nunha cita pensada para gozar en familia e seguir sumando doazóns a unha campaña que non deixa de crecer en toda Galicia.
Escribe o teu comentario