A Mesa explica aos estados membros porqué deben apoiar que o galego sexa oficial na Unión Europea
A poucos días dunha nova votación chave en Bruxelas sobre o recoñecemento do galego, o catalán e o eúscaro como linguas oficiais da Unión Europea, A Mesa pola Normalización Lingüística redobra a súa ofensiva diplomática e ofrece apoio directo aos Estados membros para despexar dúbidas e gañar respaldos. A organización galega insiste en que a situación actual constitúe unha "anomalía" que debe ser corrixida.
A principal organización en defensa do galego, A Mesa pola Normalización Lingüística, dirixiu unha mensaxe clara ás representacións permanentes dos Estados membros ante a Unión Europea: o vindeiro venres 18 de xullo teñen a oportunidade de corrixir unha inxustiza histórica votando a favor da oficialidade do galego nas institucións europeas. A Mesa cualifica de "anomalía" a non inclusión do galego como lingua oficial da UE e ofreceu a súa colaboración para asesorar directamente aos países que aínda non decidiron o seu voto.
A iniciativa prodúcese nun contexto no que España reactivou a súa petición formal para que o galego, xunto ao catalán e o eúscaro, teña status de lingua oficial comunitaria. Esta medida require o apoio unánime dos 27 Estados membros. Con todo, varios países mostraron reticencias, en parte por razóns económicas e tamén polo temor a abrir a porta a demandas similares doutras linguas minorizadas en Europa. Até agora, España sempre retirou no último momento a proposta da orde do día, consciente de que non ten o 100% de apoios imprescindibles. Con todo, o goberno estatal insiste nesta petición, que é clave para manter o apoio dos socios nacionalistas que sosteñen a coalición de Sumar e PSOE.
Consciente dos receos dalgúns países, A Mesa insiste en que está dispoñible para "aclarar calquera dúbida" e explicar con máis profundidade "todo o relativo ao idioma de Galicia". A organización lembra que o galego xa é oficial na súa comunidade autónoma desde 1981, pero que o seu recoñecemento europeo é clave para unha protección plena dos dereitos lingüísticos dos seus falantes.
Un amplo apoio institucional e social
Como reforzo á súa demanda, A Mesa recuperou unha carta aberta asinada en novembro de 2023 por máis de 30 representantes de entidades públicas e sociais de Galicia. Entre os asinantes figuran os alcaldes e alcaldesas das principais cidades galegas, os reitores das tres universidades, os presidentes das deputacións da Coruña e Lugo, líderes sindicais e representantes de entidades culturais, educativas, empresariais e do ámbito rural.
A carta sostén que o idioma galego é "garantía de futuro" e unha ferramenta esencial para o "progreso social, económico e político" do pobo galego. No documento sinálase que a oficialidade do galego "non será plena si non alcanza todos os ámbitos da nosa vida social, económica e cultural", que están hoxe condicionados pola pertenza a unha Unión Europea que aínda non recoñece plenamente esta lingua.
Reticencias europeas e compromiso financeiro de España
Desde que España formalizou a súa solicitude en setembro de 2023, varios Estados membros expresaron dúbidas. As principais obxeccións estiveron vinculadas ao custo económico que suporía traducir documentos e ofrecer servizos nestas novas linguas oficiais. Outros gobernos mostraron inquietude polo efecto dominó que podería ter esta decisión sobre linguas minorizadas dentro das súas propias fronteiras.
Ante estas preocupacións, o Goberno español ha ofrecido cubrir todos os gastos asociados á inclusión do galego, o catalán e o eúscaro como linguas oficiais da UE. Esta proposta busca eliminar o principal obstáculo técnico e financeiro, aínda que non foi suficiente até o momento para lograr unha maioría unánime.
Organizacións como a Rede Europea pola Igualdade Lingüística (ELEN), da que A Mesa forma parte, tamén defenderon a cooficialidade en diferentes foros. Nunha comparecencia ante o Parlamento Europeo, Elsa Quintas, vicepresidenta da Mesa, destacou que a medida tería un impacto "moi positivo" na normalización das linguas minorizadas e na protección de dereitos lingüísticos.
Quintas lembrou que existen máis de 500 regulacións na Unión Europea que requiren o uso das linguas oficiais, con consecuencias directas no ámbito do consumo, a lexislación e a vida diaria da cidadanía. Para A Mesa e outras entidades defensoras da diversidade lingüística, o recoñecemento do galego a nivel europeo non só é un xesto simbólico, senón tamén unha necesidade práctica.
Escribe o teu comentario