7 horas no corredor de Urxencias do CHUS co esternón roto, tres costelas rotas e unha infección respiratoria
O relato de María Botana é o dunha das moitas persoas que o pasado 26 de decembro pasaron practicamente todo o día nas Urxencias do CHUS, saturadas polo número de pacientes que requirían atención. Esta usuaria é un exemplo da idefensión que sofren os pacientes e denuncia para Galiciapress a precaria atención que recibiu o seu pai, de 71 anos, que visitou tres veces en 10 días o Servizo de Urxencias a consecuencia dun accidente de tráfico que lle provocou multiples traumatismos que derivaron nunha infección respiratoria
"Nunca vira algo así. O meu pai leva enfermo 30 anos e mira que estivemos en Urxencias moitas veces, pero o do martes eu non o lembro xamais". A que fala é María Botana, un das moitas, moitísimas persoas que pasaron San Esteban, 26 de decembro, na sala de espera ou nun dos corredores das Urxencias do Hospital Clínico Universitario de Santiago de Compostela (CHUS). O servizo, como vén ocorrendo tantas veces e con cada vez máis frecuencia, viviu outro episodio de colapso o pasado martes, que se prolongou nos días posteriores e que evidencia a deterioración da sanidade pública galega, xa que o do hospital compostelán non é un caso excepcional. No entanto, testemuños como o de María axudan a pór rosto ao sufrimento de todos eses pacientes e familiares que, durante horas, esperan a ser atendidos e escoitados, pero que moitas veces se atopan indefensos ante un sistema absolutamente saturado que non pode absorber a altísima demanda que existe, con consecuencias dramáticas en ocasións.
TRES VISITAS A URXENCIAS POR UN ACCIDENTE DE TRÁFICO
Para María, a do 26 non era a súa primeira visita a Urxencias este ano. De feito, en cuestión de 10 días, o seu paso por Urxencias ten até tres capítulos. O primeiro deles o pasado 15 de decembro, cando un accidente de tráfico obriga ao seu pai, de 71 anos e con diversas patoloxías previas, a recibir unha atención inmediata. "Ingresamos polo accidente e pasouse máis de 5 horas esperando a ser atendido", relata a afectada, que xa nesa data critica a mala atención recibida.
"O meu pai queixábase dunha forte dor no peito tras o accidente. Fixéronlle unha placa nun costado, pero non se vía ben e mandárono a casa con paracetamol. Tivemos que volver o luns 18 de decembro polas Urxencias do CHUS porque tiña moitísima dor", explica María. Nesta segunda visita, a atención foi "moito máis rápida" e as probas realizadas entón, tres días despois do sinistro, constataron que "tiña rota unha costela, o esternón e o manubrio".
"Déronlle un analxésico e indicáronnos para unha nova placa para dentro de dez días. Cando chamo para pedir a placa pónnola o 10 de xaneiro e o traumatólogo cámbianos a medicación pautada en Urxencias", avanza. Tras a segunda visita, e a consecuencia dos traumatismos sufridos no accidente, o seu pai desenvolveu unha infección respiratoria. Ao tempo, unha das feridas da perna, tamén froito do choque, comezou a empeorar -"No CHUS non lla miraron e no centro de saúde non lle fixeron ben as curas", detalla a filla do paciente-, o que os obrigou a acudir, de novo, ao SERGAS.
MÁIS DE SETE HORAS NUNHA CADEIRA DE RODAS
Nesta terceira ocasión, a primeira parada foi a #PAC de Ordes, onde o seu médico de cabeceira, despois de exploralo, considerou oportuno o seu ingreso no hospital pola infección respiratoria que arrastraba o septuaxenario.
Con todo, e pese ao historial do seu proxenitor -lembramos: esternón e manubrio rotos, infección respiratoria, patoloxías previas, e varias costelas rotas ademais da clavícula froito dunha caída- e a ser derivados desde a PAC, no CHUS tiveron que esperar, de novo, varias horas a ser atendidos. Concretamente, desde as 12:42 horas que arribaron ao hospital até as 20 horas que foron atendidos. En total, preto de 7 horas e 20 minutos "esperando nos corredores nunha cadeira de rodas" e sen recibir nin un só calmante "até as 23 horas que llo puxeron en vea".
Sorprende que o triaje non catalogase a súa atención como preferente e que no informe de Urxencias indíquese que chegan ao CHUS por "iniciativa propia" e non por recomendación do facultativo da PAC. "A explicación que nos deron é que a valoración que se fixo en triaje do volante que nos deron era porque a analgesia recetada non era suficiente. Mesmo nos preguntaron si o noso médico non era capaz de de adaptar a dose de analxésicos, pero ese non era o problema, senón a dor que tiña o meu pai".
Coincidiu que, ese mesmo 26 de decembro, as Urxencias do CHUS víronse unha vez máis totalmente excedidas polo aumento da demanda. As infeccións respiratorias e os casos de gripe A están congestionando os servizos de toda a comunidade, pero no caso do hospital santiagués, tal e como recompilaron desde a Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS, eran 32 os pacientes graves que esperaban en padiolas ou cadeiras de rodas nos corredores ás 16 horas do martes, con 34 pacientes co ingreso asinado ocupando as zonas de traballo. Só dúas horas despois, xa eran 41 os pacientes graves nos mesmos corredores nos que agardaban vez María e o seu pai.
Unha escena que se repetiu ao día seguinte e que tivo a súa prolongación até onte, cando a plataforma denunciou que pola tarde había "31 enfermos graves de novo en padiolas e cadeiras de rodas colocados nos corredores, esperando a ser atendidos". En paralelo, 41 pacientes tiñan o ingreso asinado a planta, provocando un novo embotellamento no servizo.
"Nin sequera quedaban padiolas para poder atender a máis pacientes e as ambulancias non podían nin baixar aos enfermos porque non había padiolas para substituílas. Eu nunca vira Urxencias así. O que nos dicían era que planta xa non admitían máis ingresos".
Unha vez atendido, esta vez de forma "moi boa, moi profesional por parte de todos os sanitarios", o pai de María non recibiu o ingreso asinado até pasada a 1 da madrugada do 27 de decembro, pero non foi até o mediodía do mércores que foron trasladados ao hospital provincial. De feito, o do traslado foi o episodio que máis malestar espertou en María, xa que se fixo, dalgunha forma, ás costas do familiar.
"Cando o meu pai estaba en observación pedíronme que o deixase mentres o aseaban. Avísannos polo altofalante, pero pasaron unhas tres horas e non dábanme aviso, de maneira que regresei xunto a el para tranquilizalo para que vise que seguía no hospital. Cando cheguei xa non estaba alí. Busqueino e ninguén sabía dicirme onde estaba, si en planta ou noutro centro. Resulta que o trasladaron ao hospital provincial sen avisar antes ao seu acompañante", expón a afectada, que non ve "normal" que algo así poida pasar sen notificalo ao familiar.
"SE NON DENUNCIAMOS NON CAMBIARÁ NADA"
Pese ao mal grolo, a María non queda máis remedio que comprender que os propios sanitarios viven unhas circunstancias totalmente atípicas. "Están desbordados. Estivemos pegados ao control e escoitas as conversacións entre os sanitarios, e algún dicía que non estaba na quenda que lle correspondía, pero que os chamaron porque facían falta máis mans porque non podían aceptar máis ingresos", lembra.
"Hai sanitarios de vacacións, e enténdoo. Pero si hai baixas hai que cubrilas. O que non pode ser é que, despois da pandemia, a atención sexa peor. E cada día peor.
"Algúns usuarios protestan porque están cansados de estar alí, pero moitos pasan. Até os sanitarios dinnos que temos que pór queixas ante a Xerencia para que haxa cambios. En canto teña o informe de alta fareino. Unha denuncia? Dependerá da resposta que me contesten...pero se pasarán a bóla, non sei si compensa", admite con resignación.
A continuación, María sospeita que o trato recibido pode deber, en parte, á casuística das doenzas do seu pai. "Teño a sensación que nos tiveron así porque xa era a terceira vez que iamos por un accidente de tráfico. Crense que imos por unha cuestión de diñeiro? Non nos interesa, quero que o meu pai se atope ben, porque ter que estar entre médicos con el tamén nos afecta á nosa vida diaria", valora.
Agora, case un mes despois do accidente, o seu pai atópase xa ingresado no hospital provincial recibindo os coidados necesarios para unha recuperación que, afortunadamente, parece ir a bo ritmo. "Outros non estaban tan ben como o meu pai, dentro da gravidade do estado do meu pai e sen saber as feridas internas que podería ter. Seguro que outros estaban con moitos outros problemas. Se vas cun infarto téñenche alí no corredor?", cuestiona María, moi na liña da denuncia que fixeron para o sindicato Ou'Mega para este diario, onde recapitularon que xa no pasado "morreron pacientes nos corredores de Urxencias".
A mensaxe final que quere trasladar María coa súa experiencia é animar a outros moitos usuarios que viron os seus dereitos vulnerados a que "o conten, que visibilicen o que ocorre nos hospitais, se non facemos nada seguirá ocorrendo o mesmo".
Escribe o teu comentario