“A nosa obriga é acabar con este Goberno e ímolo facer con tódolos medios ao noso alcance” Miguel Tellado (Portavoz parlamentario do PP)
“Estamos diante dun golpe de Estado xudicial permanente”
Xosé Antonio Martin Pallin (exmaxistrado do Tribunal Supremo)
A estas alturas xa non deberan quedar dúbidas de que en España hai sectores políticos (PP/Vox), xudiciais (sentados tanto no Tribunal Supremo como en Audiencias Provinciais relevantes como, por caso, a de Madrid) e medios de información e opinión, moi conservadores e fortemente subvencionados por entidades bancarias privadas, que están traballando nun golpe de estado xudicial permanente co gallo de que o que as dereitas non conseguen por vía democrática, a través das urnas ou do Parlamento, que é chegar ao goberno, conseguilo por vía dun golpe xudicial que tumbe ao actual goberno de progreso (PSOE/Sumar). Unha fronte que se no seu día se centrou en golpear até destruílo a Podemos, agora puxo o foco na Presidencia de Goberno, e moi especialmente en Pedro Sánchez.
As ultimas, polo de agora, probas témolas en dous casos xudiciais que nos iluminan sobre tales intencións. O que afecta a Begoña Gómez, esposa de Pedro Sánchez, e o que ten como obxectivo a Álvaro García Ortiz, Fiscal Xeral do Estado. Voume referir a este último asunto porque cada día que pasa resulta mais escandaloso, tanto que xa se fala dunha caza de bruxas contra a Fiscalía Xeral do Estado pois hai indicios de querer criminalizar o funcionamento normal dese organismo como ben denuncia a Asociación Progresista de Fiscais.
Hai algunhas semanas dous xornalistas moi recoñecidos (Miguel Ángel Campos da Cadena Ser e Jose Precedo director adxunto de eldiario.es) declaraban que eles accederan días antes que a Fiscalía ao correo electrónico confidencial do avogado do señor González Amador, no que este propoñía á Fiscalía Xeral un pacto consistente en asumir os dous delitos fiscais para así reducir unha posible condena. Lembremos que as acusacións ao Fiscal Xeral foron as de ter filtrado á prensa ese correo, filtración que, polo que agora sabemos, tivo a súa orixe na dirección de gabinete da Presidencia da Comunidade madrileña. Feitos que reforzan os argumentos da Fiscalía Xeral encol de que o seu comunicado de prensa foi para desmentir informacións falsas filtradas interesadamente para desvirtuar a realidade co gallo de desprestixiar a Fiscalía Xeral desviando as responsabilidades. Esas informacións periodísticas tamén desmenten que foi a Fiscalía quen lle propuxo ao señor González Amador un pacto cando a verdade é todo o contrario como así o confirma o correo do seu avogado.
O que tamén quedou en evidencia e que durante todo este tempo o director do Gabinete da Presidencia da Comunidade Autónoma de Madrid, o coñecido periodista ultra Miguel Ángel Rodríguez, traballou arreo na divulgación e distribución de mentiras e trolas entre os medios amigos buscando terxiversar a verdade para que así o señor González Amador, autor convicto e confeso de varios delitos fiscais, contando coa cobertura xudicial de membros do Tribunal Supremo, puidera acusar á Fiscalía Xeral do delito de revelación de secretos.
Que logo das clarificadoras declaracións dos citados periodistas, as que logo se sumarían outros medios (EL PAIS), o maxistrado do Tribunal Supremo, Ángel Luis Hurtado, queira seguir adiante co expediente e teña citado ao Fiscal Xeral do Estado, á Fiscala Provincial de Madrid e a Secretaria Técnica da Fiscalía xeral “por indicios delitivos dos dous primeiros” pon en evidencia que hai en marcha unha ofensiva subversiva por parte dunhas dereitas que se consideran impunes polo que non parecen dispostas a aceptar que os seus intereses corporativos poidan ser cuestionados aínda cando sexan ilegais e ilícitos, como sucede neste caso en que estamos diante de varios delitos fiscais que afectan ao entorno da presidenta da Comunidade e do Partido Popular de Madrid, a señora Isabel Diaz Ayuso. Intereses que polo que estamos vendo reciben o amparo de membros do Tribunal Supremo (https://www.eldiario.es/contracorriente/no-cabia-esperar-cosa-sala-segunda-supremo_132_11739330.html)
Por actuacións como estas e outras máis por parte das dereitas españolas compartimos a opinión de Unai Sordo, Secretario xeral das CCOO, de que estamos vivindo a ameaza reaccionaria e civilizatoria máis importante das últimas décadas.
Escribe o teu comentario