“Son os de sempre”

Manoel Barbeitos
Economista

7137458
7137458


 


 

Ten razón o Presidente da Xunta de Galicia ao subliñar que os da manifestación cidadán que se celebrou este xoves, 16 de xaneiro do 2025, na cidade de Vigo pola defensa da sanidade pública, “son os de sempre”. Mais, quen “son os de sempre”? Son (somos) cidadáns galegos onte en Vigo, miles segundo a “bien pagá” ou decenas de miles segundo a prensa independente, que defenden (defendemos) a sanidade pública fronte a aqueles gobernos que buscan converter a atención sanitaria nun nicho de negocio privado para beneficio de bancos, empresas da construción e fondos de investimento.


 

Por que defenden (defendemos) a sanidade pública? Porque a experiencia e as evidencias históricas nos demostran como a privatización da sanidade afecta moi fortemente á vida e á saúde das persoas, moi especialmente ás de rendas baixas que non poden acudir á sanidade privada. En que lles afecta? Como demostran as estatísticas e os estudos máis serios, en que diminúe a esperanza media de vida, sobe a mortalidade infantil e reaparecen doenzas que criamos superadas. 


 

Por se non fosen suficientes as evidencias, hai un dato moi clarificador como que os políticos (como sucede por caso co señor Alfonso Rueda) e xestores que impulsan a privatización da sanidade, negan con vehemencia que o estean facendo e mesmo teñen a desvergoña de afirmar que son defensores da sanidade pública. Como agora, por caso, está sucedendo na bisbarra de Vigo e moi especialmente coa atención hospitalaria onde se está aplicando o que, en medios económicos, se coñece como “a teoría da elección pública”.


 

En que consiste “a teoría da elección pública” aplicada a atención sanitaria? Moi sinxelo: en externalizar e privatizar. Operacións que supoñen a aparición de intermediarios (os anteriormente citados bancos, empresas da construción e fondos de investimento) como financiadores da actividade pública. Unha aparición que tomou basicamente dúas formas “unha, as iniciativas de financiamento privado (PFI polas súa siglas en inglés), por exemplo para construír hospitais; outra a externalización a provedores privados da xestión dunha ampla gama de servizos. En ámbolos dous casos, a actividade pública se financia de maneira privada. Recorrer ás PFI desta maneira denomínase pseudoprivatización porque as empresas privadas reciben os seus ingresos non dos clientes no mercado, senón do Goberno mediante unha marxe de beneficio garantido. Un contrato de externalización é, na realidade, unha clase de monopolio que sitúa ao Goberno como cliente único.


 

Un sistema que, como vén de poñer en evidencia o Hospital de Vigo e que foi confirmado polo Consello de Contas, leva a que os proxectos sexan moito máis caros que se os fixera só o investimento público xa que os gobernos pagan a contratistas privados unha taxa anual, que pode durar décadas e normalmente está indexada á inflación, para cubrir o pago do capital máis os xuros e os custos de mantemento. O resultado final fai supoñer que os custos en que incorre o Goberno sexan maiores que se el mesmo prestase o servizo.


 

A xustificación que os responsables políticos defensores destas iniciativas sanitarias soen utilizar é a de que esta estratexia permite, grazas a introdución de elementos de mercado, ter un sistema sanitario público máis eficiente e rendible. cando hai evidencias contundentes de que non sucede por unha razón moi sinxela: que en servizos como a sanidade non existe un mercado competitivo. Estas iniciativas de financiamento privado derivan en contratos que duran varios anos e que son concedidos a un pequeno número de empresas que rematan dominando o mercado da externalización. Na realidade, esas empresas convértense en especialistas en conseguir contratos co sector público en distintos eidos nos que teñen unha experiencia similar. En consecuencia, o mercado atópase moi concentrado e a diversidade das tarefas fai difícil obter un resultado que xunte calidade e eficiencia en todos os servizos prestados. As evidencias acaban mostrando como a presencia do sector privado na sanidade pública supón redución na calidade da asistencia cuxos custos son pagados polo sector público co agravante de que, en non poucos casos, deben cubrir tamén as perdas cando o sector privado nun cumpre cos seus obxectivos.


 

Este sistema supón tamén, como o Consello de Contas vén de poñer en evidencia co Hospital de Vigo, que o custo final dos contratos é moi superior ao valor real dos activos subxacentes e varias veces superior ao estimado inicialmente. Tamén son sistematicamente máis caros que se foran financiados polo erario público. Estas experiencias na sanidade, que se poden estender a outros servizos públicos, deixan en evidencia que a defensa de que o privado é bo e o público é malo non resiste o contraste coa realidade. 


 

Por estas razóns “os de sempre”, que sinala o señor Alfonso Rueda, defendemos a sanidade pública.

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Máis opinión
Opinadores

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE