"Se algunha vez tes unha segunda oportunidade na vida, tes que ir até o final".
Lance Armstrong (1971) Tezas, ciclista, despois de superar
un cancro testicular seguiu competindo no Tour de Francia.
O PP goberna en Galicia 17 anos. Primeiro Feijóo e logo Rueda; tempo tiveron, se quixesen, de solucionar os graves problemas da Sanidade Pública Galega. O orzamento anual que tiñan, vai desde 10.000 millóns de euros no 2008 a 14.200 no 2026. Diñeiro tamén tiveron! A política de desmantelamento, tanto da AP como da AH, foi unha máxima que sempre practicaron e, como consecuencia, cada ano, prodúcese máis deterioración do sistema, cunha privatización galopante.
No remate das negociacións para a resolución do conflito na AP, no 2019, logo da desconvocatoria de folga dos días 9, 10 e 11 de abril, creouse o Consello Técnico (CT) de AP, con 15 Comisións Técnicas, con 209 persoas nelas. O obxectivo era pór as bases do Novo Modelo de AP de Galicia realizado na Comisión núm. 9: “Multidisciplinar, para establecer os mapas de competencias dos diferentes estamentos profesionais de AP”.
Todos os integrantes do CT na Comisión 9 fomos quen de realizar un documento, por consenso. Participaron moitas entidades, que consolidaron un informe moi amplo e importante, pois contempla a incorporación de todas as categorías profesionais na AP para traballar nos Centros de Saúde e PACs e así poder realizar unha Atención Integral. O 19/06/2025 foi aprobado no CT por unanimidade!
A Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública, formou parte do CT, desde o minuto un e presentou as súas propostas. Traballamos 6 anos no proceso. En decembro do 2024, a propia Consellería decide continuar coa Comisión 9 para terminar de elaborar o Novo Modelo de AP. Por consenso, fomos elaborando as conclusións cun informe final, a partir das alegacións de cada unha das entidades. Desde a AGDSP queriamos que participasen (e participaron): Psicólogos Clínicos, Logopedas, Terapéutas Ocupacionais, Farmacéuticos, Matroas, Fisioterapeutas, Odontólogos, Persoal de Servizos Xerais, etc. As súas achegas foron fundamentais para a elaboración do informe final.
No punto 1. Introdución, di: “No CT de AP do 12/12/2024, acordouse a convocatoria dunha reunión da Comisión Sectorial núm. 9, multidisciplinar, dándolle cabida ás novas categorías profesionais de AP para traballar nas propostas de mellora organizativas e estruturais cara o Novo Modelo de AP". Este documento parte da Estratexia Galega de Saúde 2030: Liñas de Actuación...
No punto 2. Obxectivos: “Esta Comisión ten como Obxectivo o establecemento de propostas de
mellora organizativas e estruturais cara o Novo Modelo de AP”.
O traballo foi arreo...e o documento saíu. Moitas persoas e entidades quedaron no camiño, pero até 23 entidades permanecemos activas e fumos quen de dar forma a un documento, no que, se a administración quere, ten un Novo Modelo de AP na Galicia. A Comisión 9, vai seguir reunir; dixemos sempre que era aberta e que permite a incorporación de novas persoas e entidades, e que, co paso do tempo, desas 26 páxinas iniciais, coa súa desenrolo, teremos un documento co que poidamos acudir para resolver a problemática da AP na Galicia.
Puxemos varias condicións para seguir traballando: que fose dinámico, que fose aberto e que ningunha das cuestións que fixera a administración, se non era por consenso, dixese que son “co aval do CT”. E así se fixo.
Entre as propostas do documento, están: aumentar ao 25% o orzamento para a AP, a creación das Xerencias de AP (suprimidas polo PP), desburocratización das consultas, eliminar a sobre demanda, incorporación de novas entidades aos Centros de Saúde, acabar que marxinación da AP e a pobreza de recursos.
Dotala de autonomía de xestión. Desmedicalizala, potenciando e ampliando os equipos multidisciplinares, para poder prestar unha Atención Integral. Servizo HADO por necesidades non por distancia. Non máis de 30 persoas por día de consulta. As 35 horas semanais (xa pactadas en Mesa Sectorial no 2023 e non aplicadas a todos os profesionais). Desaparición dos FEAP. Incrementar o papel e a responsabilidade da AP nos Plans de Saúde. Participación da cidadanía e os profesionais no Consello de Saúde de Galicia e nos Consellos de Saúde de Área Sanitaria. Mellorar a accesibilidade aos centros.
Políticas de Incentivación, Formación e Investigación en AP. Facer da AP o eixo vertebrador do Sistema, orientando a súa actividade a satisfacer as necesidades reais e sentidas polos profesionais e a poboación. No documento final están medidas para implementar xa, que non precisan recursos económicos e outras que si (necesitamos unha Memoria Económica para levar a cabo o que propomos).
En fin, teremos esperanza?
Escribe o teu comentario