Este 2025 cúmprense 50 anos desde que As Nacións Unidas conmemoraron por primeira vez o 8 de marzo como o Día Internacional da Muller. Moito choveu nestes anos que non foron nada fáciles para as mulleres, que seguiron loitando en prol dos seus dereitos. Non é unha loita contra os homes, moitos dos cales apoian as reivindicacións, é a defensa do dereito á educación, á saúde, ao desenvolvemento, ao traballo, á igualdade salarial, á participación política nas mesmas condicións que os homes, sen tutelas deles. O dereito a unha vida libre de violencia, dereitos sexuais e dereitos reprodutivos ou non, dependendo de cada muller. O dereito a equivocar soa. Dicía a escritora María Zambrano que “prefiro unha liberdade perigosa que unha servidume tranquila”.
Cada xeración de mulleres, nos tempos que lle tocaron vivir, traballou por avanzar, dando uns pasos máis que abriron o camiño a conseguir eses dereitos que non foron, nin seguen sendo fáciles. A loita das mulleres non é de agora, vén desde que o mundo é mundo: as pioneiras déronse conta de que o mundo avanzaba, que as mulleres constituían un alicerce moi importante na sociedade e que, se non eran elas as que levantaban a voz, individual e colectivamente, as cousas seguirían igual. Nun principio, as súas reivindicacións producíanse como unha choiva fina, esa que parece que non molla, e cando se dan conta, están caladas até os ósos. Eran mulleres moi valentes.
A revolución feminina ha ido avanzando a distintas velocidades: uns tempos máis lentamente e noutros máis rapidamente. O salto deuse cando os dereitos non se suplican, esíxense. Cando as mulleres se recoñeceron a si mesmas como suficientes, sen tutelas. “Cada paso dunha muller valente achanda o camiño para as que veñen detrás”. É un esforzo individual, pero tamén colectivo.
Uns 50 anos de celebración, por miles e miles de anos de loita sen tregua, sen tempo para descansar. As situacións no mundo son de desigualdade: desde Islandia, que é o país con maior igualdade de xénero, séguenlle Finlandia e Noruega, até os países pobres do mundo, os países árabes onde os gardiáns da relixión e países gobernados polos talibán fixeron retroceder os dereitos das mulleres varios séculos atrás, ante a mirada do mundo que o mira coma se non fose con eles, mentres son as mulleres deses países, os estudantes, os que saen á rúa para protestar sabendo o que lles espera si son detidos. Aínda así, non renuncian, a súa loita continúa a costa, en moitos casos, de pagar coas súas vidas, porque a coraxe das mulleres mídese nas veces que se levanta, non nas que cae.
Nos países onde os combustibles fósiles han feito multimillonarios aos seus xeques, que lles salguen os petrodólares até polas orellas, as mulleres teñen poucos dereitos, por non dicir ningún. Países que venden modernidade, que compran competicións para lavar a cara, a súa apertura é tan lenta como unha carreira de caracois. O diñeiro, e todo o que iso leva, fai posible que os que se benefician miren para outro lado para non decatar do que sucede neses países: sen dereitos as mulleres e a explotación dos traballadores que viven como escravos.
Que este 8 de marzo sirva para non esquecer que a discriminación das mulleres en países con réximes autoritarios, pobres e onde as relixións son utilizadas como freo aos dereitos, déase un paso máis na consecución dos obxectivos e que as mulleres que viven no chamado primeiro mundo non se esquezan das que malviven no outro, con só obrigacións e ningún dereito: non teñen para comer, nin teñen dereitos, nin liberdade para decidir o que queren facer, as que seguen baixo a agre tutela do seu pai, irmán ou maridos. As que están a padecer as guerras e as que sofren violacións, ou son obrigadas a casar sendo aínda nenas. As que non as deixan ir ás escolas. Que todas estas lastras que están a vivir as mulleres desaparezan. A educación é fundamental para saír dese mundo onde as mulleres son meros obxectos, con só obrigacións e ningún dereito.
Que o androcentrismo, o patriarcado, desaparezan, que xa quedaron máis que caducados. Por iso, como adoitan dicir moitas mulleres: “Non queremos flores, queremos dereitos”.
Escribe o teu comentario