En Galicia hai, dentro das esquerdas, un espazo político para unha alternativa distinta ao BNG e o PSdeG-PSOE. Unha alternativa que pode chegar a ter presenza parlamentaria relevante si se presenta unida e baixo un formato político no que se combinan as reivindicacións clásicas das esquerdas, máis o ecoloxismo e o feminismo, coas do soberanismo galeguista.
Se analizamos con detalle a historia das esquerdas observamos que unha das súas peculiaridades é o constante fraccionamento moito mais pronunciado e intenso na familia comunista que na socialdemócrata. Un fraccionamento que en comunidades como Galicia tamén chegaría a familia soberanista. Se afondamos nas causas do mesmo nos atopamos con que son froito mais de diferencias persoais, egoísmos individuais e tendencias innatas a división que incompatibilidades ideolóxicas ou políticas. En definitiva, factores que nada teñen que ver cos tradicionais ideais das esquerdas entre os que parecera deberían destacar a solidariedade e a fraternidade.
Se agora nos centramos en Galicia vemos que durante toda a etapa autonómica se mantiveron as organizacións políticas herdeiras das tradicións anteriormente citadas, PSdeG-PSOE e BNG (antes UPG) que se viron acompañadas dunha terceira forza que querendo aglutinar esquerda e soberanismo (mais ou menos pronunciado) adoptou distintos formatos en función do diferente peso dos seus compoñentes. Todos eles tiveron unha característica común: naceron con moita forza, crearon grandes expectativas para unha vez situados na ascensión ao Olimpo comezar unha loita cainita que sería mortal. Suicidio que sería froito mais das diferencias sinaladas ao principio que das incompatibilidades citadas.
Repasemos brevemente os casos mais significativos e de maior éxito (AGE, En MAREA) que tamén serían os grandes fracasos que deixaron moi tocada a credibilidade deste espazo político e puxeron en evidencia o subliñado anteriormente. Nas eleccións autonómicas do ano 2012 concorrería AGE (Alternativa Galega de Esquerda) como “terceira forza” (alternativa ao PSdeG-PSOE e ao BNG) que aglutinaría maiormente a un relevante grupo escindido do BNG liderado por Xosé Manuel Beiras (Anova-Irmandade Nacionalista), unha formación de ámeto estatal como EU (Esquerda Unida), e dúas ecoloxistas (Equo-Galicia, Espazo Ecosocialista Galego). Unha concorrencia que colleitaría un importante éxito pois con 9 deputados (14% dos votos) converteríase na terceira forza parlamentaria, a segunda das esquerdas (superada polo PSdeG-PSOE).
Un éxito que resultaría efémero pois nas eleccións seguintes (2016) aparecería unha nova coalición En Marea formada por Anova (que viña de AGE), Podemos, Esquerda Unida e agrupacións cidadáns (“mareas”) que volvería a ter un gran resultado, incluso superior ao de AGE, pois co 19% dos votos acadaría 14 escanos que a converterían na primeira forza da oposición ao PPdeG. Pero unha vez mais os movementos centrífugos e secesionistas conducirían a unha auténtica implosión de esta nova coalición de tal xeito que na seguinte convocatoria electoral (2020), con tres candidaturas (Podemos-EU-Anova), En Marea e Equo este espazo quedaría sen representación parlamentaria ao non acadar ningunha destas candidatura o numero de votos necesario (4%, 0,22% e 0,07%). O mesmo sucedería nas eleccións do 2024 cando nin Sumar (2% dos votos) nin Podemos (0,25%) chegaron a ter representación parlamentaria.
A lectura é moi sinxela: en Galicia hai, dentro das esquerdas, un espazo político para unha alternativa distinta ao BNG e o PSdeG-PSOE. Unha alternativa que so chega a ter presencia parlamentaria relevante si se presenta unida e baixo un formato político no que se combinen as reivindicacións clásicas das esquerdas, mais o ecoloxismo e o feminismo, coas do soberanismo galeguista. O anterior non impide ser consciente das actuais limitacións deste espazo, en primeiro lugar polo acontecido con AGE e En Marea que deixou na memoria cidadán o retrato dunha gaiola de grilos onde todos queren levar a voz cantante. Un retrato onde a solidariedade aparece substituída polo cainismo e a ambición persoal. En definitiva, a imaxe dun proxecto político pouco consistente e fiable como evidencia que non sexa quen de durar mais dunha lexislatura.,
Unha imaxe que castiga ás organizacións políticas responsables de tales desfeitas como sucede con Sumar e Podemos tal que se estende o pensamento de que nin suman nin poden.
Escribe o teu comentario