Médico especialista de Atención Primaria de Outes. Plataforma SOS Sanidade Pública.
As aseguradoras privadas (DKV, ASISA e ADESLAS) que prestan asistencia a algún persoal funcionario están a facer unha ofensiva que resulta irresponsable e impresentable (co apoio do PP e a súa armada mediática) para manter o modelo MUFACE (Mutualidad Xeneral de Funcionarios Civís do Estado: 1,5 millóns de mutualistas). O sistema xera unha discriminación co conxunto da poboación e unha competencia desleal coa Sanidade Pública. O que pretenden é un incremento do 40% dos fondos que reciben do Estado co argumento de evitar a súa quebra, a pesar de que aumentaron os seus beneficios en máis de 10.000 millóns anuais (…e só o 17% proveñen de MUFACE) grazas ao incremento dos seguros complementarios que a poboación contrata a consecuencia da falta de atención sanitaria, polos recortes introducidos na Sanidade Pública nos últimos anos.
Tratan de manter o “Modelo de Mutualidades” centralista e obsoleto, herdeiro do franquismo, e que a Lei Xeral de Sanidade declarou “a extinguir” fai 40 anos. A xestión dos recursos sanitarios foi transferida ás CCAA nos 90 para “mellorar a súa racionalidade”, polo que manter MUFACE incumpre a Constitución ao non respectar o modelo de Estado Descentralizado.
É certo: se se pecha MUFACE incrementaríase un 2% a presión asistencial no Sistema Sanitario do Estado. Pero se os fondos que agora reciben as aseguradoras fosen destinados ao Sistema Sanitario, disporíase de máis recursos para atender a poboación.
A dereita do Estado (e a dereita extrema) denuncian o colapso do Sistema Sanitario Público (e en xeral dos servizos públicos) e están a recortar recursos alí onde gobernan: Galicia, Andalucía, Madrid, Valencia, Canarias…menos orzamentos, menos persoal, pechan centros de saúde, etc.
Resulta inaceptable que algúns funcionarios sexan atendidos en centros privados e manteñan privilexios respecto do resto da poboación (prótese, lentes, atención dental, etc.) e poidan cambiar ao Sistema Sanitario Público cando teñan un problema importante de saúde (é dabondo coñecido que os Hospitais Públicos contan con máis recursos e prestan mellor asistencia que os privados e que estes “non dubidan” en envialos á Pública si a situación requíreo).
Sabemos que algúns sindicatos corporativos apoian ás aseguradoras e pretenden convocar mobilizacións de protesta para manter MUFACE...pero a realidade é que o 68% do novo persoal funcionario elixe o Sistema Público para recibir asistencia.
Moitas aseguradoras privadas en mans de fondos de investimento e bancos (defensores da libre competencia empresarial) pretenden manter as “subvencións públicas” e unha clientela garantida.
Fagamos un chamamento ás organizacións sociais, sindicais, profesionais e partidos políticos, para apoiar o fin de MUFACE (o convenio finaliza o 31/01/2025) e que a administración responsable (Ministerio de Sanidade), dedique os fondos que reciben as aseguradoras aos Servizos Públicos de Saúde. Evitemos que o estado “regale” ás aseguradoras privadas diñeiro público!
Escribe o teu comentario