Raymond Poulidor foi un ciclista francés que a pesar de ter participado oito veces no Tour de Francia nunca conseguiu ganalo. Se durante anos a desculpa foi a de que tivo que competir cun fora de serie como Jacques Anquetil posteriormente, a pesar de que este se retirou antes, Raymond Poulidor seguiu sen ser quen de gañalo. De aí naceu o “complexo Poulidor” para aqueles que perseguen largamente un obxectivo e nunca o conseguen. Algo disto lle está pasando a Alberto Núñez Feijóo pero cunha pequena diferencia: Raymond Poulidor, a pesar dos seus fracasos, foi un ciclista moi querido polos franceses, entre outras razóns, por que sempre aceptou deportivamente a derrota. Pode dicir o mesmo Alberto Núñez Feijóo?, eu penso que non. Que, como dirixente político, non vai deixar un bo recordo na memoria dos españois por non aceptar a democracia.
A razón principal tanto das súas derrotas como da malquerenza debemos buscala en como entende a política e como a leva á práctica, algo do que tivemos unha clara mostra nestas últimas semanas e demos conta en anteriores artigos (https://gal.galiciapress.es/artigo/opinion/2024-08-23/4968619-feijoo-segue-modo-trumpista). En termos globais está moi claro que o señor Núñez Feijóo é o seu partido, coreado por medios afíns e apoiado por maxistrados con carné, entende a política como o derrube do adversario, o que no mundo anglosaxón se coñece como “opposition research” e que simplemente consiste en substituír a presentación de políticas e proxectos alternativos, como correspondera a calquera oposición democrática responsable, por ataques persoais e destrutivos aos políticos gobernantes buscando a “destrución da súa reputación”, esperando que o seu descrédito leve ao rechazo do electorado cando non a imputación xudicial: velai a actuación do xuíz Juan Carlos Peinado no caso de Begoña Gómez onde se ve claramente como as estratexias política, xudicial e mediática están perfectamente coordinadas. Un caso, por certo, que cada día que pasa aparece como máis falto de argumentos e máis cheo de irregularidades.
A verdade é que, ao día de hoxe, esta estratexia está levando ao señor Núñez Feijoó de derrota en derrota como puidemos comprobar estas últimas semanas coa DINA, o nomeamento da señora Ribera como Comisaria da Unión Europea e tamén coas medidas fiscais impulsadas polo Ministerio de Facenda. Derrotas políticas das que non parecen sacar as ensinanzas pertinentes e así a continuación, e case sen pausa, estas dereitas seguindo con esa estratexia de destrución do adversario montan un novo caso (Aldama) en base a dar validez ás declaracións dun delincuente convicto e confeso que son utilizadas como arma política contra o Presidente do goberno. Moi mal lle iría á democracia en España se estas estratexias saíran triunfantes. Non parecera que iso vaia suceder pois o que si están conseguindo é que o resto de forzas políticas (PNV, BILDU, ERC, JxCat, Podemos, BNG) pechen filas co goberno de quenda (PSOE, Sumar) e deixen nun segundo plano as diferencias conscientes todos do que hai en xogo con este tipo de envites.
Non por casualidade, e segundo nos informan os medios mais cribles, o señor Núñez Feijóo está pasando de ser aclamado polo seu partido (PP) a ser cada vez máis cuestionado. As dereitas españolas non queren un Raimond Poulidor senón un Eddy Merckx (a quen por algo lle chamaban “O Caimán”).
Escribe o teu comentario