Feijóo segue en modo trumpista

Manoel Barbeitos
Economista

AlbertoNuezFeijoenelhospitallvaroCunqueiroenunafotodelaXunta
AlbertoNuezFeijoenelhospitallvaroCunqueiroenunafotodelaXunta


 

Pasan os meses e non parecera que o señor Núñez Feijoo sexa quen de situarse debidamente no seu papel de xefe da oposición nun réxime democrático. Así o Partido Popular, a través da súa secretaria xeral, a señora Cuca Gamarra, vén de facer público a decisión de recorrer a lei de Amnistía -para o que conta co apoio dun sector do Tribunal Supremo- e o acordo de financiamento para Catalunya, así como a recusación de tres maxistrados do Tribunal Constitucional. Unha estratexia coa que parece indicar que, animado polas tribunas mediáticas e a rebulo da señora Ayuso, seguirá teimando na súa estratexia trumpista a pesares dos fracasos recollidos.

 

Por que se analizamos o camiño percorrido por Núñez Feijóo desde o seu nomeamento como Presidente do Partido Popular (abril 2022) vemos que, na súa estratexia de confrontación directa co goberno español de quenda, aquel agocha moitas máis derrotas que vitorias. Derrotas que levan a que hoxe non estea máis preto do goberno que onte pero poida que menos que mañá. Derrotas cuxa radiografía pon en evidencia que as posibilidades de éxito desta estratexia están máis nas fraquezas e debilidades da actual maioría parlamentaria que na fortaleza da alternativa.

 

Velaí a debilidade da posición do señor Feijóo e do Partido Popular: a evidente incapacidade para artellar unha alternativa parlamentaria á actual maioría xa que esta estratexia trumpista só triunfaría se o PP e Vox sumaran por si sós pois dificilmente atopará outros apoios. Por caso, cabe pensar que algún partido dos que apoian ao actual goberno se vai sumar aos seus recursos á lei de Amnistía e ao financiamento singular de Catalunya?, á recusación de maxistrados do TC? É notorio que en relación a amnistía e o financiamento especial para Catalunya hai membros destacados do PSOE e Sumar que están en contra, ou non os aproban, pero non cabe esperar que ningún parlamentario deses partidos vaia apoiar a iniciativa do PP. Máis aínda, con estas recusacións é máis que posible que partidos nacionalistas (PNV, JxCat) que, por semellanzas ideolóxicas, puideran ser os seus socios ou aliados (xa o foron noutras lexislaturas) non queiran saber nada dunha posible alianza e moito menos se nela entra Vox cuxo apoio resulta imprescindible.

 

Unha estratexia trumpista que parece seguir alimentándose dunha visión errónea da fortaleza do goberno de quenda. Error que se agranda logo das últimas eleccións catalás que puxeron en evidencia o acerto da estratexia do PSC que, hoxe por hoxe, é o partido hexemónico en Catalunya. Unha hexemonía que supón para o goberno español un balón de osixeno nun dos asuntos máis difíciles e delicados da política española. Pensar que esta hexemonía vai a provocar unha reacción de JxCat contraria, por caso, apoiando unha moción de censura ao goberno español de quenda é un erro por que, como ben apunta a prensa catalá máis lúcida, iso non se vai a dar. As dereitas catalás saben que lles vai mellor con Sánchez-Díaz que con Feijóo-Ayuso-Abascal.

 

Velaí o “drama” de Feijóo: para abrir a posibilidade dunha real alternativa ao goberno de quenda (PSOE/Sumar) ten que marcar distancias tanto con Vox como coa señora Ayuso pero isto é algo que, hoxe por hoxe, non está en condicións de facer. Tampouco esta claro que queira, pois non pode estar seguro que de intentalo non poña en risco o seu posto de presidente do PP: a sombra de Casado é longa.

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Máis opinión
Opinadores

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE