Íñigo Errejón e Gollum vs Martiño Noriega e Albert Pla

Manuel Vilas López

Imagen creada con inteligencia artificial mezclando los rostros de u00cdu00f1igo Errejon y Gollum
Imaxe creada con intelixencia artificial mesturando os rostros de Íñigo Errejon e Gollum


 

Levo demasiado tempo traballando preto de políticos.


Fun negro para as dereitas, por exemplo escribindo discursos para as xiras gastronómicas de don Manuel. Entrevistei a ducias candidatos de esquerdas para cabeceiras progresistas, compartindo coreografías sen partitura asegurando un resultado nin nin demasiado inocuo nin demasiado revelador. Viaxei con políticos aos confíns da galeguidade (Porto Navarino, Patagonia chilena) e organiceilles inauguracións de cursos de FP (Comoxo, Ribeira).


De dereitas ou de esquerdas, con ínfulas de chegar a presidente da Xunta ou só desexosos de repetir como concelleiro de asuntos sociais. En case todos eles vin que a motivación psicolóxica profunda é a mesma. Desgraciadamente, non é servir ao público. É o anel de poder.

 

Non lle desexo a ninguén a vida dun político. Sen horarios nin fins de semana, están constantemente sobre o escenario, como o actor ou a estrela de rock, pero, a diferenza destes, a súa presenza sempre levanta máis suspicacia que adoración

 

Non lle desexo a ninguén a vida dun político. Sen horarios nin fins de semana, están constantemente sobre o escenario, como o actor ou a estrela de rock, pero, a diferenza destes, a súa presenza sempre levanta máis suspicacia que adoración. Sexa cal for o seu estado de ánimo, deben gañar continuamente a aprobación dos demais antes de partir para o seguinte bolo. Están incesantemente baixo a lupa pública, especialmente agora cando hai unha cámara en cada peto.


Ademais, se queren medrar -e case todos queren medrar- deben tragar sapos e culebras. Estou seguro que no BNG hai concelleiros que non están tan en contra das eólicas, no PSdeG edís que non tragan co cupo catalá e o PPdeG alcaldes que saben que a política lingüística da Xunta impulsa a agonía da nosa lingua. Case todos calan porque -como dixo un  que aguantou décadas na cúspide- o que se move, non sae na foto.
 

Que leva a unha persoa a soportar tal grao de exposición pública e submisión ao grupo? Algunha recompensa psicolóxica ben golosa deben obter a cambio.

 

A maioría dos políticos non entra na pelexa polo botín, sobre todo os de certo nivel; simplemente non o necesitan. Case todos os políticos proveñen de clases ricas ou acomodadas

 

É o diñeiro estúpido, dirán algúns. Non o creo, a maioría dos políticos non entra na pelexa polo botín, sobre todo os de certo nivel; simplemente non o necesitan. Case todos os políticos proveñen de clases ricas ou acomodadas; son funcionarios, profesores universitarios, empresarios, fillos doutros políticos, etc. É dicir, que non se van a morrer de fame.

 

O que motiva a un político é o anel de poder nas súas diferentes formas. Algunhas lexítimas e banais, como poder programar as festas do barrio. Outras amorais, como ter un asento no palco do estadio. Outras irregulares, como poder enchufar ao curmán nunha subcontrata. Outras directamente ilegais, como que outra filial da matriz da subcontrata lle faga unha obra en casa a prezo de amigo.

 

O que para moitos sería un encordio, para personalidades ególatras representa unha oportunidade constante de reforzar a súa insaciable necesidade de recibir atención e, con sorte, admiración.

 

Ademais, para eles, a exposición pública non é sempre un problema. O que para moitos sería un encordio, para personalidades ególatras representa unha oportunidade constante de reforzar a súa insaciable necesidade de recibir atención e, con sorte, admiración. 

 

Por iso a maioría dos políticos non o deixan a tempo. Están enganchados. Como Gollum, farán o imposible por conservar o anel de poder. Traizoarán aos seus amigos, darán as costas aos seus principios, desatenderán ás súas familias e deixarán de ser tan humanos no camiño.

 

Non me sorprendeu ler a Íñigo Errejón presentarse como vítima da trituradora política. En parte o é e alégrome que se sera conta, oxalá que a tempo. Agora ben, ninguén lle obrigou, sendo menos ambicioso podería aforrar moito sufrimento ás persoas da súa contorna e a el mesmo.

 

Se cando Podemos pegou a gran trompada electoral abandonase a primeira liña política, quizá os desequilibrios da súa personalidade non aparecerían ou non se exercebarían. Quizais se no canto de pelexar polos restos do poder da esquerda rupturista volvese á universidade, as fauces do anel de poder non o devorarían. Quizá lle foi mellor na vida, a el, ás persoas ás que fixo dano e tamén a Podemos.

 

Exemplos de políticos que non souberon retirar a tempo, ansiosos por conservar algunhas migallas de poder, e acabaron consumidos na fogueira das vaidades témolos en todas as ideoloxías. Alguén se acorda de Albert Rivera?

 

Exemplos de políticos que non souberon retirar a tempo, ansiosos por conservar algunhas migallas de poder, e acabaron consumidos na fogueira das vaidades témolos en todas as ideoloxías. Alguén se acorda de Albert Rivera? Que necesidade tiña Feijóo de abandonar Galicia -onde podería seguir gañando eleccións até a súa xubilación mecido por unha prensa afín e un electorado previsible- para embarrarse na perigosa política madrileña?  Se tanto lle importa a súa familia a Pedro Sánchez, por que non manda todo ao garete?

 

Afortunadamente, hai  políticos que si se logran afastar do anel tras tocar o poder. Son moi poucos, iso si. Vénme á cabeza Martiño Noriega, porque hai pouco vino  no concerto de Albert Pla. Alí estaba ca súa gorrecha e unha cervexa na man. Coreando aquilo de “un político morto, un político menos”. Ou no seu caso, un ex-alcalde ao que buscarlle un posto nun chiringuito menos e un médico para a sanidade pública máis. 

 

En definitiva, a miúdo non hai case nada peor que un político. Quizais un xornalista, satisfeito por relatar as súas miserias a cambio dun pouco de atención. 


 

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Máis opinión
Opinadores

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE