Recollo a opinión dun querido amigo, Juan Torres, co que comparto a nivel económico e político moitas ideas e principios. E si, eu tamén penso que as esquerdas conducen sen luces longas. Unha condución que levou a que, ao día de hoxe, en plena onda recesiva (velaí a situación de Alamana e mesmo dos Estados Unidos), sexa indiscutible que o neoliberalismo é o grande triunfador e as esquerdas as grandes derrotadas. Un neoliberalismo que, a pesares das súas crises recorrentes, foi quen de conservar a súa hexemonía. Unhas esquerdas que, dende a socialdemocracia e o comunismo tradicionais ás autodenominadas novas esquerdas (nacionais e periféricas), foron clamorosamente derrotadas e non parecen quen de levantar cabeza e enfilalo horizonte con luces longas.
En Europa non hai dúbidas. Si recentemente tivemos unha confirmación do sinalado nas eleccións ao Parlamento Europeo cando as extremas dereitas conseguiron un resultado moi positivo (en conxunto pasaron a seren a segunda forza do Parlamento) mentres as esquerdas experimentaban un notable retroceso (perderon 31 deputados-). Días atrás nunhas eleccións en dous estados federados de Alamana (Turinxia e Saxonia) as esquerdas obtiveron o peor resultado dende a II guerra mundial ao tempo que a extrema dereita saía vencedora nun (Turinxia) e segunda noutro (Saxonia). Son sinais inequívocas de que fronte as políticas neoliberais impostas (non hai debate democrático) en todo o ámbito da unión polas autoridades europeas (Comisión, Consello, BCE) que dispararon as desigualdades sociais e territoriais as esquerdas, cada vez mais afastadas do que realmente lle preocupa as maiorías (empregos, salarios, vivenda, medio ambiente, exclusión social, deterioro da democracia, paz..), non son quen de presentar un proxecto europeo de futuro que a nivel interno desbote as políticas austericidas e de minoración do publico e a nivel externo rompa e dependencia do Imperio estadounidense para, por caso, pilotar un proxecto propio baseado na paz e na convivencia pacífica entre os pobos.
En España si ben é certo que temos un goberno de progreso (PSOE/Sumar) que puxo en marcha moitas medidas orientadas a melloralas condicións de vida e benestar das clases de rendas medias e baixas con resultados moito mellores que os conseguidos polas dereitas. Non é menos certo que a necesaria conexión entre este goberno e a cidadanía practicamente non existe e así mentres a xestión diaria é boa non hai sinais de cal é o seu proxecto de futuro, de si este goberno español de quenda ten unha alternativa ao neoliberalismo. A onde quere levar aos pobos de España?, que modelo económico e social lle guía?, que paradigma territorial?, cal é o seu horizonte?. Pensar que é suficiente con unha boa xestión é un tremendo erro. Este goberno español non poderá avanzar a cambios sociais relevantes sen un apoio social visible, forte, comprometido, cómplice. Sen unha cidadanía que actuando a xeito de suxeito activo controle a acción do goberno e a defenda por que a considera súa.
O caso de Galicia é paradigmático e non hai moito que comentar. O dominio das dereitas galegas (PPdeG) é abafador. Un dominio que se apoia tanto na súa intelixencia para convencer a unha maioría de galegos/as de que o seu proxecto (?) é o mellor para Galiza como na incapacidade das esquerdas para presentar un proxecto alternativo ao neoliberalismo que enganche ás maiorías sociais. Estas esquerdas, que seguen sendo imprescindibles para un cambio social, convertéronse en algo moi afastado do que pasa na sociedade galega e corren o risco de seren irrelevantes. Nin sequera son quen de conectar co conxunto do movemento obreiro e os movementos sociais de base (cada cal defende a súa parceliña) por que son partidos tendentes ao cesarismo, moi burocratizados e con grandes déficits de democracia interna. Como nos mostra a historia son partidos tremendamente cainitas aos que lles resulta difícil chegar a acordos con consensos mínimos.
Globalmente estas esquerdas, presas de caducos dogmatismos, amósanse incapaces dun mínimo relato común. A proba témola nos distintos enfoques que lle están dando a catro problemas claves que deberan ser prioritarios por que son universais: democracia, medio ambiente, migración e paz. Así, mentres actúen como tribos, mentres se comporten como partidos ao uso, mentres presenten as súas propostas como sumas de diferentes reivindicacións tal que si foran ofertas de mercado o cambio será inviable.
Escribe o teu comentario