Como xa teño manifestado nestas páxinas un dos grandes déficits da democracia española ven derivado das actuacións dalgúns membros destacados de quen debera ser un piar e garante da mesma: o poder xudicial. Segundo a Constitución española “A xustiza emana do pobo e administrase en nome do Rei por Xuíces e Maxistrados integrantes do poder xudicial, independentes, inamovibles, responsables e sometidos unicamente ao imperio da lei” (Art. 117.1 C.E.)
Un poder xudicial que como estamos vendo, en non poucos casos, sementa moi serias dúbidas sobre a autentica finalidade das súas actuacións, sobre si estas non rematan lesionando a propia Constitución pois chegan incluso a querer situarse tanto por riba das decisións dos Parlamentos (“As Cortes Xerais representan ao pobo español.......exercen a potestade lexislativa do Estado....son inviolables”. Art. 66) como dos propios Gobernos (“O Goberno dirixe a política interior e exterior, A Administración civil e militar e a Defensa do Estado. Exerce a función executiva e a potestade regulamentaria de acordo coa Constitución e as leis”. Art. 97). Actuacións que fan dubidar sobre o ríspeto aos dereitos e liberdades que esta Constitución española ampara (“Todas as persoas teñen dereito a obter a tutela efectiva dos xuíces e tribunais no exercicio dos seus dereitos e intereses lexítimos sen que, en ningún caso, poida producirse indefensión” Art. 24.1).
Vexamos algunhas evidencias recentes e moi notorias de este tipo de actuacións. Hai unhas semanas (16 de xuño) foi o Tribunal Constitucional quen puxo en evidencia estas eivas nos apartados citados cando ditaba varias sentencias que declaraban a nulidade das ditadas no seu día pola Audiencia Provincial de Sevilla (19 de novembro de 2019) e polo Tribunal Supremo (14 setembro 2022) no caso dos ERE. Os argumentos do TC son impecables e podémolos resumir en “ter vulnerado os dereitos fundamentais á legalidade penal (Art. 24.2. C.E.) e a presunción de inocencia (Art. 24.2 C.E.) dos recorrentes condenados polas sentencias anuladas.... Vulneración producida para acoller as sentencias anuladas unha concepción da separación de poderes e das relacións entre eles que non se axusta nin a Constitución nin ao Estatuto de Autonomía dos que o TC é o supremo intérprete” (TOMAS DE LA QUADRA-SALCEDO: “El Constitucional y las sentencias sobre los ERES”).
Con esta sentencia o TC ven a recoñecer unha serie de principios básicos dun sistema democrático que tanto a Audiencia Provincial de Sevilla como o Tribunal Supremo tiñan vulnerado: a penalización dunha acción lexislativa que pretendía anular unha anterior o que na practica supón “impedir aos Executivos xurdidos de cada elección o levar adiante os seus programas de goberno, petrificar o ordenamento e enervala apertura do pluralismo que perseguen as eleccións nunha democracia....cos sentencias dos ERE, ao penalizala mera elaboración de proxectos e anteproxectos de Lei polo Executivo (que só corresponde finalmente aprobar ao Parlamento) por modificar unha lei anterior de subvencións: con iso subverte e fai imposible o pluralismo político derivado das eleccións” (ídem). Repasando estas sentencias do TC producen calafríos as decisións tomadas no seu día tanto pola Audiencia Provincial de Sevilla como polo Tribunal Supremo e a estas alturas xa non quedan dúbidas de que ambos poderes xudiciais actuaron movidos por criterios políticos: descabalgar ao PSOE da Junta de Andalucía, un obxectivo que conseguiron sen importarlles para iso tomar decisións inxustas e asombrosas que lesionaron o prestixio do poder xudicial e deixaron a uns cidadáns andaluces sen a “tutela efectiva dos xuíces e tribunais” (Art. 24.1)
Agora estámolo vendo de novo cando maxistrados do Tribunal Supremo, por caso o señor Llanera, parecen non aceptar unha amnistía que foi aprobada polo Parlamento español (30 de maio do 2024). Así estamos asistindo nestes días a un feito insólito dende o punta de vista dos dereitos e liberdades democráticas. A pesares de que, como sinalaba, o Parlamento español (Art.66 C.E.) aprobou unha lei de amnistía un maxistrado do Tribunal Supremo dita unha orde de detención contra un dos beneficiarios da mesma: o señor Puigdemont. Unha orde innecesaria e ilegal que non parece atender ao feito de que, como moi ben sinala o emérito maxistrado Pérez Royo, o Tribunal Supremo durante sete anos nunca conseguiu convencer a ningún órgano xudicial europeo de que Carles Puigdemont debía ser extraditado a España para ser xulgado por diversos delitos cometidos sendo presidente da Generalitat durante o procés. Tampouco atende á evidencia xurídica de que, segundo criterio do tamén emérito maxistrado Martín Pallín no caso de que o señor Puigdemont fose detido e levado a comisaría “tería que ser liberado inmediatamente por que de non facelo se estaría cometendo un delito de prevaricación” (Art. 505 da Lei de Enxuizamento Criminal).
Son as evias dun poder xudicial no que se toman decisións que deixan en ridículo ao sistema xudicial español e suscitan asombro nos demais sistemas xudiciais
Son as eivas dun poder xudicial no que se toman decisións que deixan en ridículo ao sistema xudicial español e suscitan asombro nos demais sistemas xudiciais da Unión Europea e outras latitudes (J. A. Martín Pallín). Eivas que facilita unha Constitución española na que, por caso, se afirma que “os xuíces e maxistrados integrantes do poder xudicial.... están sometidos unicamente ao imperio da lei”.
Por estas e outras razóns a reforma da Constitución Española faise urxente. Como urxente é que o novo Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX) empece a funcionar dunha vez.
Escribe o teu comentario