Hai persoas que necesitan a acción para vivir. Sen a adrenalina a lume de biqueira non saben facelo. Non pensan nas consecuencias que iso pode traerlles a eles e aos que están ao seu ao redor. No caso de políticos, á cidadanía sempre lle toca a pedra no zapato.
A política española e a catalá están relacionadas, non hai día que non haxa unha noticia que sorprenda á xente. Non fai falta enumerar os casos que hai de discrepancias entre o que se promete en campaña electoral e o que se fai realmente despois de que as eleccións pasen. Sempre pasa o mesmo e os políticos, sen movérselles un pelo - levan laca para iso- buscan xustificar o inxustificable e quedan tan panchos.
Esta semana dous temas copan a actualidade: a publicación no BOE da Lei de amnistía que tanto balbordo está a dar en sectores políticos, económicos e xudiciais, e a elección do presidente da Generalitat de Catalunya.
No primeiro, este venres, para terminar ben a semana, o fiscal xeral do Estado, Álvaro García Ortiz asinou un decreto onde ordena, que non pide, aos 4 fiscais que levaron o xuízo do procés que apoien a aplicación da lei de amnistía aos principais dirixentes independentistas: Puigdemont, Oriol Junqueras e Marta Rovira. O que puxo en pé de guerra - xa o estaban hai tempo- aos fiscais catalogados como conservadores que están dispostos a chegar até a xustiza europea. Algúns se preguntan si a política impregnou a xuíces e fiscais. Independencia do poder xudicial? Separación de poderes? Pois algúns llo crerán, outros o contrario.
O segundo tema, a elección do político que debe ser investido presidente da Generalitat de Catalunya: Salvador Illa, gañador das eleccións ou Carles Puigdemont que, sen gañar, queren que o nomeen presidente e volver en honra de multitudes emulando ao presidente exiliado de verdade, Josep Tarradellas. As cousas están revoltas tras a xogada de ERC aos socialistas ao pactar con Junts a Mesa do parlamento e facerlles a butifarra. Agora, a outra partida xógase en quen vivirá no Palau da Generalitat. ERC, Junts e algúns máis están a xogar ao descoido. ERC apoiará a Illa ou a Puigdemont? Para xustificar cara a onde se inclinan, convocan unha votación das súas bases para este venres, e vendo que gañaría o non - preparáronse ben- aludindo a problemas de espazo anulárona e buscarán outra data para facela. Junts segue insistindo na súa postura de que o presidente sexa Puigdemont.
Ante este panorama que parece abocar a novos comicios, vén a ministra de Facenda María Jesús Montero, e solta que podería producir un “financiamento singular” para Catalunya. O que levantou as voces de presidentes doutras comunidades autónomas incluída a de Castela a Mancha, onde o socialista Page goberna.
Marta Rovira, que dirixe desde Suíza, nunhas declaracións afirma que “non pide nada extraordinario no financiamento porque xa se dan no País Vasco e Navarra”. E iso é o que queren os republicanos nun principio, aínda que poden rebaixar as súas peticións
Esta proposta de Montero, como o que non quere a cousa, é o mandato do seu xefe para que ERC se colgue a medalla do financiamento - isto vai de medallas con Puigdemont- e finalmente Illa poida ser investido presidente. Pero como até o día 25 hai datas suficientes, como se di en linguaxe futbolística, aínda hai partido, sen resultado claro.
Así que divertir, porque a cousa non termina aínda, hai gasolina suficiente para seguir admitindo mistos.
Escribe o teu comentario