Dicía un dos grandes dramaturgos franceses do século XVII, Pierre Corneill que “o mentireiro sempre é pródigo en xuramentos”. Contar unha mentira transformándoa en promesa que o que a fai sabe que nunca poderá cumprir adóitase facer bastante a miúdo. Pensa quen o fai que a memoria da xente é fráxil e pasado un tempo, esqueceuse. Equivócase, poida que algúns se esquezan, no entanto, outros se acordarán sempre ao coñecer a gran mentira prometida e non cumprida.
Este martes o líder de Vox, partido da ultradereita española, Santiago Abascal, desprazábase a Xerusalén, non de peregrinaxe á cidade de David, e de paso facer turismo, algo que lle gusta moito, senón para entrevistar co primeiro ministro de Israel, Benjamín Netanyahu. O encontro coincide casualmente, co día no que o presidente do goberno de España, Pedro Sánchez, recoñecía o Estado de Palestina. Nesa reunión dunha hora Abascal trasladoulle ao mandatario israelí o apoio do seu partido ao pobo de Israel e díxolle que “Pedro Sánchez non é España”. Esquéceselle a Abascal dicirlle que el tampouco fala en nome do pobo español, por moito que aspire a iso.
Pero é que o líder musculito, como tamén se lle coñece a Abascal, nesa aparencia bravucona que adoita expresar, manifestoulle a Netanyahu que cando sexa presidente do Goberno España reverterá “a creación de Estado de Palestina”, Díxoo e como está en terra Santa, está convencido que esa mentirijilla de nada seralle perdoada. Como se di popularmente, Abascal será presidente do goberno de España “cando as ras críen pelo”. Sabido é que a este anfibio anuro o único que lle crece é a lingua pastosa cando cospe ás súas presas.
O patriota e oportunista Abascal, marcando territorio porque quere sacar tallada das eleccións europeas, non se corta nin un pelo. Impórtalle tres pepinos non apoiar a decisión do Goberno do seu país aínda que non estea de acordo. Pedro Sánchez non está contra de Israel, nin do seu pobo, está contra Netanyahu e a súa política criminal que está a aplicar aos habitantes de Palestina. As imaxes que cada día ven en teleisión mostran os horrores que está a impartir á poboación civil. Moitos xudeus non comparten esta guerra. É certo que Hamás empezou o conflito matando a mulleres, nenos e secuestrando a un bo número de israelís. Iso non o aproba ninguén, é máis, condenouse reiteradamente. Outra cousa ben distinta é a masacre que está a perpetrar o goberno israelita.
As contradicións de Abascal son evidentes co seu apoio a Israel e criticando ao Goberno de España, cando o seu partido foi financiado con diñeiro iraniano. Vox recoñeceu que a campaña ás eleccións europeas do 2014, o 80% do gasto das mesma foi financiado polo grupo de oposición iraniana Consello Nacional de Resistencia de Irán, aínda que coñecían que a Lei Electoral impide que se reciban doazóns de persoas ou entidades non españolas unha vez convocados os comicios. O cumprimento da lei deben pensar as cabezas pensantes de Vox que é para outros, non para eles.
O que ocorre é, non sexamos malpensados, que Abascal foi a Israel a preguntarlle a Netanyahu si é verdade que, como está enfadado co Goberno de Pedro Sánchez, para facerlle a puñeta, vaia recoñecer a Catalunya e a súa independencia, xa que son moi amigos dalgúns ex converxentees/converxentes e de Pilar Rahola. Abascal respirou tranquilo cando o primeiro ministro de Israel restou importancia a unhas supostas peticións de apoio a independentistas. Iso é o que tentará xustificar da súa viaxe. É que o ‘musculito’ iso das relacións internacionais lévao moi ben, sobre todo pondo a parir ao goberno de España. Moito patriotismo, pero só naquelas cousas que lle benefician. Iso do ben común non forma parte do seu ideario. Deben pensar os dous estadistas que as palabras llas leva o vento e ultimamente sopra moi forte . Ou como di un refrán galego, aplicado a estes dous políticos: “Amiguiños si, pero a vaquiña polo que vale”.
Escribe o teu comentario