De oca en oca

Manoel Barbeitos
Economista

Votarelecciones
Votarelecciones

Coa decisión que ven de tomar a presidencia da Generalitat adiantando as eleccións cataláns imos ter en España todo un maratón electoral nun moi curto espazo de tempo: eleccións vascas (21 de abril), eleccións catalás (12 de maio) e eleccións europeas (6-9 de xuño). Unhas convocatorias que sumadas ás galegas (18 de febreiro), ás xerais (23 de xuño 2023), locais e autonómicas (28 de maio do 2023) van supoñer que nun ano celebraranse en España sete (7) convocatorias electorais: de oca en oca.
 

Diante deste maratón electoral un non pode por menos que preguntar se a clase política dos pobos de España está nalgún momento pensando na cidadanía. Se non corre risco de que medre unha certa saciedade, desafección e cansanzo democráticos. Se repasamos os datos de participación vemos que nas eleccións xerais foi do 66,59%, do 65,19% nas locais, do 63,91% nas autonómicas e do 67% nas galegas. En ningún dos casos se pode falar dunha participación elevada polo que parecen xustificadas as dúbidas cara este maratón electoral.
 

Se comezamos polas eleccións autonómicas no Pais Vasco e Catalunya, e pasado o barullo da amnistía (onde as dereitas extremas colectaron unha nova derrota: ao señor Feijóo estalle quedando a faciana de Poulidor) resulta indiscutible que o escenario político no que se van celebrar é moi, moi diferente. Diferenzas que parten dun marco político-xurídico moi distinto xa que mentres Euskadi conta cun Estatuto (Guernica 1979) lexitimado e con refendo popular (25 de outubro de 1979) que, ademais, lle permite dispoñer, por caso, dunha financiamento privilexiada. Catalunya ten un Estatuto que lle foi imposto (2010) polo Tribunal Constitucional polo que carece da imprescindible lexitimidade popular. Velaí unha das razóns que explican unha maior conflitividade en Catalunya pois a maioría dos cidadáns cataláns non consideran ao actual estatuto como o seu.
 

Resulta tamén diferente a posición de saída dos distintos partidos políticos. No Pais Vasco os maiores interrogantes poden estar nos resultados que finalmente saquen tanto Bildu (27,9% no 2020) como o PP (6,8%). Mentres o primeiro aparece en alza o segundo é unha incógnita aínda que nada indica que vaia mellorar ostensiblemente o resultado actual. Todo apunta a que se prolongue un goberno PNV/PSE-EE e as dúbidas poden estar en se repetirán a actual maioría absoluta. Un resultado que de producirse será un respiro para o goberno español de quenda (PSOE/Sumar), unha nova derrota para as dereitas extremas (PP, Vox) e unha confirmación de que en España o soberanismo vasco segue sendo imprescindible para avanzar en democracia.
 

Maior incerteza presentan as eleccións cataláns, agora coa aprobación da amnistía. Unha maior incerteza na que a presenza ou non de Puigdemont vai ser menos relevante cara o resultado final do que non poucos aseveran. En posición de saída temos dous partidos (PSC, ERC) moito mellor posicionados que o resto pois contan con un candidato claro (Salvador Illa, Pere Aragonés) e unhas estratexias políticas moito mais perfiladas. No eido soberanista JxCat aparece sen candidato definido e coa incógnita non menor de si dende sectores independentistas (próximos a ANC) deciden finalmente presentar o seu candidato. Se se confirma a anunciada vitoria do PSC, con Salvador Illa de Presidente da Generalitat, non hai dúbida de que a nova situación en Catalunya será moi diferente a actual. Un escenario catalán no que o PP (Partido Popular) –do que tampouco se coñece o candidato- seguirá sendo unha forza moi menor. A incógnita pode ser como reaccionara o imprevisible JxCat se volve quedar fora da Generalitat e que posición adoptará no Parlamento español. De calquera xeito e, ao igual que sucede co Pais Vasco, demostrarase que os soberanistas cataláns seguen a ser imprescindibles para avanzar en democracia.
 

En relación ás eleccións para o Parlamento europeo as incógnitas non son poucas. En primeiro lugar o nivel de participación que non adoita ser moi elevado (60,7% no 2019) polo que calquera variación significativa pode modificar o reparto final. Non menos interrogantes levanta se se confirmará, ou non, o continuado ascenso que veñen experimentando as extremas dereitas en toda Europa. Dúbidas que tamén sementa unha esquerda moi fragmentada e cunha socialdemocracia -que fora un dos piares fundamentais da UE- en perigo de extinción ou cando menos de minguar. Pero a maior incógnita vai estar en se os cidadáns dos pobos de Europa somos conscientes da relevancia destas eleccións dados tanto a situación actual en Europa como a suicida cesión de soberanía que os estados da unión fixeron a prol de institucións europeas sen apenas control democrático e a necesaria lexitimación popular (Consello Europeo, Comisión Europea, BCE).

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Máis opinión
Opinadores

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE