É ben certo que nestas últimas décadas as dereitas españolas non teñen moita sorte cos seus líderes políticos (Mariano Rajoy, Pablo Casado e Alberto Núñez). Seguramente que estas elites (bancos, oligopolios, construtoras, en definitiva o IBEX35), con algunha excepción (Ferrovial…) non lles importa moito este déficit pois non pode dicir que lles vaia mal co goberno español de quenda (PSOE/Sumar) se atendemos aos resultados económicos que veñen presentando nestas últimas lexislaturas.
A quen si parecera importarlle moito é aos seus amigos mediáticos (ABC, Mundo, La Razón, La Voz de Galicia…) e xudiciais (Marchena, García-Castellón, Escalonilla, De los Cobos, Concepción…) que ben parecera queiran ocupar ese baleiro político e levar a iniciativa nas operacións de acoso e ataque contra o goberno progresista. Chega con consultar as hemerotecas destes anos para comprobar estas actuacións mediáticas e xudiciais que, como mostran as evidencias, aínda sendo feroces e causando importantes fendas nas esquerdas non conseguen derrubar o goberno progresista. Pero “inatinxibles ao desalento” non deixan de intentalo.
Subliñaba ao principio que as dereitas españolas non acertaban na elección dos seus líderes e así o podemos confirmar se repasamos a traxectoria política dos últimos. Se a dirección de Mariano Rajoy (2004-2018) foi tan lamentable como para ser imputado pola corrupción a grande escala do seu partido (PP), polas actuacións do seu goberno (operación Catalunya) e para ser cesado como Presidente do goberno mediante unha moción de censura (2018), o primeiro é por agora único caso na democracia española.
O seu sucesor, Pablo Casado (2018-2022), pasaría con máis pena que gloria como líder do PP para rematar sendo defenestrado polos líderes autonómicos do seu partido a cuxa cabeza estaba e segue estando Isabel Ayuso. O actual Presidente do Partido Popular (PP), Núñez Feijóo (2022) no pouco tempo que leva á fronte das dereitas conservadoras non só xa deu sobradas mostras do seu pobre perfil intelectual e político (deixando en non poucos casos unha imaxe penosa) senón que na súa obsesión por chegar no prazo máis curto posible á Presidencia do Goberno vai de derrota política en derrota política, algunhas moi sonadas.
Se agora todo apunta a que a súa oposición frontal a amnistía o leva a un novo fracaso, non menos sorte lle espera á súa cruzada contra a corrupción (caso Koldo) por unha razón tan simple como que o partido máis corrupto de Europa (PP) dificilmente pode liderar unha operación como esa: unha investigación xudicial e política a fondo sobre a corrupción en España seguramente levaría á disolución deste partido.
A pesares do respiro que supuxeron as eleccións galegas (18 de febreiro) o pasivo de Núñez Feijoo non para de encherse de fracasos políticos: eleccións xerais (2023) sesións de investidura fracasadas (as súas: setembro 2023) e triunfantes (a de Sánchez: novembro 2023)…que escurecen o seu futuro como dirixente da dereitas españolas. Fracasos que confirman que as dereitas españolas seguen sen encontrar un dirixente dun certo nivel intelectual e político, un estadista.
Escribe o teu comentario