A recente vitoria das dereitas galegas (PPdeG) nas eleccións autonómicas últimas, de novo coa maioría absoluta, vén a confirmar con rotundidade o carácter hexemónico que lle recoñecemos no anterior artigo pois o seu dominio do escenario autonómico é incontestable como así confirman todas as evidencias. Unha hexemonía política que se empezou a articular coas primeiras eleccións autonómicas (outubro de 1981) e que se mantivo firme practicamente até o día de hoxe (febreiro 2024) cando vén de renovar o seu dominio.
Unha hexemonía que se evidencia, por caso, no dato de que das seis presidencias autonómicas catro foron do Partido Popular (Fernández Albor, Fraga Iribarne, Núñez Feijoo e Rueda Valenzuela) que gobernaron durante 12 de 14 lexislaturas e 36 dun total de 42 anos que son os que levamos de autonomía. Engadimos o dato nada irrelevante de que a perda da Presidencia da Xunta (1987, 2005) apareceu sempre como conxuntural pois non durou máis de unha lexislatura. Un discorrer histórico que conduciu a que sexan unha maioría os e as cidadás galegas quen remataron identificando a Xunta de Galicia co PPdeG.
Unha hexemonía que socialmente se fundamenta na evidencia indiscutible de que “o PPdeG pesca en todos os caladoiros de votos”: no rural e no urbano; no agro, no mar e na industria; na mocidade e na terceira idade; nos homes e nas mulleres; nas rendas baixas, medias e altas; na poboación nativa e na inmigrante… E non unha pesca calquera e como mostra sirvas os ineludibles datos destas últimas eleccións autonómicas nas que o PPdeG foi a forza máis votada en 295 concellos, nun total de 313 e que foi tamén a primeira forza tanto nas 4 provincias galegas como na maioría das grandes cidades agás Vigo.
Un continuado apoio social que lle permitiu ao PPdeG ter á fronte da Xunta de Galicia catro presidentes con características políticas, intelectuais e técnicas moi dispares como é o caso dos xa citados dirixentes políticos (Fernández Albor, Fraga Iribarne, Núñez Feijoo e Rueda Valenzuela). Un dato que pon en evidencia como o PPdeG gaña as eleccións autonómicas, e por maioría absoluta, independentemente de quen sexa o candidato. Unha realidade que non sería posible de non existir unha moi ampla maioría social que, en todo o período autonómico, se vén identificando coas dereitas conservadoras: velaí un dos fundamentos da súa hexemonía social.
Unha maioría social que se identifica con un galeguismo conservador, non poucas veces reaccionario, que mingua o papel do estado favorecendo o compadreo e o clientelismo, que foxe do público e prima o privado creando un caldo de cultivo para as prácticas corruptas. Unha maioría social que asume e acepta unha visión folclorista da cultura galega e mesmo un papel subalterno para o idioma galego.
Unha maioría social interclasista que con presenza en todo o territorio galego –o PPdeG é o único partido quen de presentar candidaturas municipais en todos e cada un dos concellos: de Ortegal á Mezquita, de Tui a Ribadeo- garanta, nunhas eleccións autonómicas, as maiorías absolutas do PPdeG.
Unha hexemonía social que conta co alimento mediático dunha maioría dos medios de comunicación e opinión, públicos e privados, que prestan servidume a ese dominio do PPdeG a cambio de substanciosas remuneracións (“la bien pagá”).
Escribe o teu comentario