Estes días - desde fai bastantes máis-, o tema da amnistía segue sendo noticia un día si e outro tamén. Deixará de selo? Creo sinceramente que non, Temos amnistía e lei de amnistía para longo, por desgraza. Unha situación moi complicada na que as promesas electorais han dado paso a cambiar o discurso, mesmo levalo ao extremo contrario do que se prometeu. É a chamada linguaxe dos políticos que a cidadanía non entende, nin comparte, é comprensible que iso sexa así.
A lei de amnistía será aprobada no Congreso - aínda que queda o senado- e as opinións vanse multiplicando: partidos políticos a favor, os que están en contra, os xuíces e até o parlamento Europeo quere mirar con lupa as consecuencias da súa aplicación, que resumindo moito se trata de que os implicados dos feitos do procés, por non poderlle outro nome, vanse a quedar limpos de po e palla: en Catalunya non sucedeu nada, os imputados, deixan de selo e aquí paz e mañá gloria que dirían algúns. O que se pode deducir que a xustiza non é igual para todos. Dicía o ilustre avogado defensor dos pobres, Reginal Heber Smith, que “quen diga que a xustiza é igual para todos non sabe de que fala”.
A pregunta que se fan moitos é si en España faise xustiza. Depende, hai unha dobre vara de medir: os ricos, poderosos e os políticos - tamén son poderosos no seu ámbito - teñen nas súas mans unha serie de resortes que os pobres non dispoñen. O diñeiro limita totalmente o seu acceso a uns bos avogados. As súas señorías- non todos - son influenciables, como se viu reiteradamente, e seguirá sendo así, o que se traduce en que, se non hai igualdade de acceso á lei, as diferenzas tan abismais fan que os poderosos campen ás súas anchas.
No caso do procés e todo o sucedido, os partidos independentistas sempre manifestaron que o tema é político e non xudicial. O discurso é reiterado, machacón, para que se crea que é así. Non o é por moito que o repitan millóns de veces. É un tema xudicial que debe ser xulgado polos órganos competentes, como calquera cidadán do montón. O que se traduce en que os actos teñen consecuencias e hai que asumilas, non enmascaralas noutras historias.
Produciuse corrupción tamén en toda a andrómena . Como se debe atallar? Desde a xustiza, pero tamén desde a educación ética e en valores que están a fallar na sociedade, empezando polos que deben dar exemplo: os políticos.
Pedro Sánchez, presidente do Goberno nunha entrevista á carta confirmaba que se reunirá máis dunha vez con Puigdemont e Junqueras tras aprobar a lei de amnistía. Díxoo e quedouse tan tranquilo. Hai xa tempo que ha blanqueado a un Puigdemont que estaba politicamente morto. É o resucitado do PSOE. Polo menos, Junqueras foi consecuente coa súa actuación e estivo en prisión, foi xulgado e despois indultado. Puigdemont e o seu lugartenente, o pianista Comín, gozaron de liberdade e bo soldo e encima serán amnistiados. O presidente do goberno de España seguiu defendendo a súa postura: “Merecerá a pena para a sociedade catalá e española”, dixo, e engadiu que "hai unha ampla maioría da sociedade catalá, sexa independentista ou non, que quere que as forzas independentistas apoien a gobernabilidade de España". Cando fala de sociedade catalá, a quen se refire?, porque unha ampla maioría sentiuse abandonada, desamparada polo Goberno de España, e non digamos do goberno de Catalunya. Esa sociedade “catalá” de segunda sufriu os actos vandálicos, viron vulnerada a súa liberdade de expresión e mobilidade. Foron obxecto de insultos: colonos, fachas, etc. Quen resarce a esa parte da sociedade “catalá”? Segundo o presidente Sánchez, esa parte da sociedade debe tragar ou marchar de Catalunya, como pide máis dun energúmeno.
As cesións do Goberno de España aos partidos independentistas non van servir para tranquilizalos, senón que lle están dando máis osíxeno, e cada vez as súas peticións irán aumentando. Isto non cambia nada para eles, pero si está a servir para que os constitucionalistas sigan encabuxados cun partido que non os defende.
Pero segundo din algúns, as cousas esquécense, Pedro Sánchez reunirase con Puigdemont, faranse a foto e quedará demostrado que a ética e as promesas son papel mollado. A xustiza non é igual para todos, iso téñeno moi claro até as persoas que non teñen recursos para contratar a grandes avogados, é dicir, os pobres. ”A obra mestra da inxustiza é parecer xusto sen selo”, dicía Platón.
Escribe o teu comentario