Atención Integral nos Centros de Saúde

Redacción

    "A primeira riqueza é a saúde". 
Ralph W. Emerson (Boston,1803-1882. Escritor, poeta e filósofo estadounidense).

 

Cúmprense 45 anos desde o cume de Alma-Ata de 1979, onde se fixou o “obxectivo da saúde para todos no ano 2000” e establecíanse os indicadores sanitarios mínimos que deben alcanzar os países asinantes. Por desgraza, o desenvolvemento político e social foi insuficiente e non se alcanzaron os obxectivos propostos en moitos lugares. Neste contexto, xurdiu a necesidade de propor reformas no sector sanitario, recoñecendo primeiro o carácter universal do dereito á saúde de toda a poboación, garantindo despois o acceso equitativo aos servizos e, finalmente, mellorar a súa calidade. Conseguíuse o proposto en Alma-Ata? Eu creo que non, e cada día que pasa imos a peor. Os responsables políticos que temos non aprecian o valor dunha Sanidade Pública de Calidade e os gobernos neoliberais están a deixar a atención sanitaria á sorte de quen poida pagala.

 

A Atención Primaria, busca o enfoque da saúde de toda a sociedade que ten como obxectivo garantir o maior nivel posible de saúde e benestar e a súa distribución equitativa mediante unha atención centrada nas necesidades das persoas (canto antes) e ao longo da súa vida, desde a promoción da saúde e prevención de enfermidades ao tratamento, rehabilitación e coidados paliativos, e sempre...o máis próximo posible á contorna cotiá das persoas. Tamén debe incluír a atención á comunidade onde reside a persoa.

 

Un aspecto fundamental, é desmedicalizar a AP, potenciando e priorizando as actividades nos Centros de Saúde, facendo fincapé no Traballo en Equipo. Reorientar a AP cara a un modelo comunitario e participativo, transformando as áreas de saúde en espazos para unha Atención Integral. Segundo a RAG: Integral: “...que inclúe todos os aspectos ou partes da cousa que se trata”, neste caso a saúde, baseada na diagnosis de problemas, necesidades e recursos relacionados co benestar: realizar Plans de Saúde a nivel local, así como potenciar as relacións dos Centros de Saúde cos Hospitais de referencia.

 

Desde as Organizacións de Defensa da Sanidade Pública, Sindicatos, etc sempre dixemos que a AP debe ser unha Atención Integral, o que supón contar cos profesionais necesarios para dar un servizo completo nos Centros de Saúde. Así que non chega só con Médicos e Enfermeiras, tamén debe incluír: Odontólogos, PSX, Fisioterapeutas, Terapeutas Ocupacionais, Atención Temperá, Psicólogos Clínicos, Logopedas, Traballadores Sociais, Farmacéuticos, Matronas...Todos estes profesionais, deben traballar en equipo e relacionados, sen trabas, cos especialistas dos Hospitais de referencia.
 

A desculpa dos malos gobernantes, de reclamar ao goberno central médicos e botarlle a culpa sempre a outros, é mentira. O Ministerio de Sanidade ofrece ás CCAA os MIR que previamente foron pedidos polas propias CCAA...Para ter capacidade de máis médicos deben ter Unidades Docentes e os señores Feijóo e Rueda non as crearon, entón, como se forman aos médicos se non teñen titores? Cando convocan prazas en Galicia non se cobren todas as ofertadas, o que é indicativo da desincentivación que existe entre os profesionais, para ocupar prazas, mal pagas, con inestabilidade e precariedade laboral. E así sucederá sempre se non cambiamos estes xestores que xa deron probas máis que suficientes da súa incompetencia!

 

E temos a realidade: Rueda dixo: “non é un problema de chequera”, “non temos médicos por culpa de Madrid”, as urxencias están saturadas e nós o que ofrecemos é que teñades sentidiño e poñades a máscara”,…Pois ben, se imos aos feitos, preguntémoslle por que os orzamentos do ano 2024, son menores en 145 millóns de euros que os de 2009 cando chegaron o poder (si medimos o IPC deses anos). Tivemos que pasar polos recortes salvaxes dos anos 2014, 2015, 2016 e 2017, cunha pandemia por medio, guerras a nivel mundial que afectaron os orzamentos dos produtos básicos...o que deixou ao Sistema Sanitario Público Galego coas costuras ao aire, xunto coa desmotivación in crescendo dos profesionais.

 

Que teñamos unha Sanidade de Calidade vai depender do que fagamos este 18 de febreiro. A saúde non pode estar en mans de xente que xa demostrou a súa incompetencia e cunha estratexia evidente de privatización.


 

P.D. Nunca Máis.

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Máis opinión
Opinadores

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE