Nesta longa historia da investidura do presidente do Goberno tras as eleccións do 23J parece que chega a outro capítulo, o penúltimo, tras a firma dos acordos do #PSOE con todos os partidos que dan apoio ao candidato socialista. As últimas formacións foron #ERC e Junts, que xerou un gran malestar polas concesións que tivo que facer. Todos os votos deles foron amplamente recompensados, algúns excesivamente.
A entrada no Congreso da proposición de Lei de Amnistía realizouse na tarde deste luns, despois de ser saber que terá o apoio de todos os partidos a excepción do PP, Vox, UPN e Coalición Canaria. Era a petición explícita que pedían os dous partidos independentistas para apoiar a investidura. Cumprido o requisito, a presidenta do Congreso, Francina Armengol, anunciaba que a sesión de investidura terá lugar o vindeiro mércores e xoves. O mércores Pedro Sánchez presentará o seu programa de Goberno. Tras a exposición chegará a quenda dos grupos políticos, O xoves seguirase coas intervencións e procederase á votación, que nun principio está garantida a maioría absoluta para o candidato. Non serán unhas sesións fáciles.
Todo este trámite transcorre un día despois das manifestacións convocadas polo PP celebráronse en 52 cidades, cunha boa participación, especialmente en Madrid. As mesmas transcorreron con civismo. Unha vez finalizada a manifestación da Porta do Sol, uns 1.500 fóronse á Rúa Ferraz para seguir protestando, non tan pacíficamente, contra Sánchez, e até chegaron a cantar a Cara ao Sol, rememorando tempos que xa se crían superados.
Se a manifestación de Madrid foi a máis numerosa, a intervención da presidenta da Comunidade de Madrid, Isabel Díaz Ayuso, como vén sendo habitual nela, marcaba terreo propio - até o do seu xefe Feijóo-, elevaba máis si cabe o ton e salientaba: "Esquecen que aquí tamén está o PP, nós encargarémonos de devolver golpe por golpe". Unha frase que deixou descolocado a máis dun, pola gravidade de tal afirmación. Ayuso quere ser a nova heroína española, O seu obxectivo é pasar á historia como a que defendeu a unidade de España, sería a Isabel a Católica do século XXI. Só faltaríalle o consorte. Díaz Ayuso non é precisamente unha persoa diplomática, máis ben todo o contrario, o seu obxectivo é incendiar ás masas sen importarlle as consecuencias.Tampouco se reprime á hora de tapar constantemente ao líder do seu partido, como fixo no seu día con Pablo Casado. É unha mestra nestas artes.
A semana seguirá sendo movida, é máis, convulsa atreveríame a dicir, despois de coñecer o texto da lei de Amnistía que será aprobada pola vía de urxencia tras da investidura e que supone anular a responsabilidade penal, administrativa e contable de todas as persoas que cometeron delito relacionados co procés. Imos, que non fixeron nada, e que por tanto non terán antecedentes. Os políticos condenados e os que fuxiron tamén serán amnistiados. En total serán máis de 400 persoas que se beneficiarán da “bendita amnistía”. Tamén entran en “bendita” do procés 73 policías implicados pola súa “represión violenta na consulta que foi declarada ilegal pola xustiza”. Aos policías métenos no mesmo saco, cando eles cumpriron as ordes dos seus superiores.
A repulsa de amplos sectores da sociedade como xuíces, fiscais, avogados, empresarios e cidadáns, non está a afectar a decisión dos socialistas, aínda que haxa moitos deles que están en contra. O que si está claro é que a lexislatura para o novo goberno vai ser de todo menos tranquila: por unha banda, os partidos que lle darán soporte estarán atentos a que se cumpra o pactado. Será un contínuo “que hai do meu”. Doutra banda, o PP e boa parte da sociedade non van deixar de seguir póndolle trabas e saíndo ás rúas para protestar. A ultradereita, os máis radicais e os que estrañan a cara o Sol xa atoparon a escusa para tentar apoderar das rúas, espertaron do longo letargo.
Escribe o teu comentario