O problema non é a amnistía

Manoel Barbeitos
Economista

Serán o señor Núñez Feijóo e a súa equipa (PP) conscientes dos riscos que lle fan correr á fráxil democracia española coas súas actitudes políticas subversivas? Un ten a sensación de que non o son, de que desorientados e enrabechados pola derrota parlamentaria na sesión de investidura lonxe de recoñecela optan por "tirarse ao monte" e por intentar poñer todo patas arriba, desestabilizando as institucións democráticas e subvertendo a propia orde democrática. Todo cun obxectivo: impedir a máis que probable formación dun novo goberno progresista (PSOE+Sumar) liderado por Pedro Sánchez.

 

Así, tomando como bandeira a oposición a unha amnistía, da que aínda non se coñece nada, lanzan á rúa os seus "movementos patriotas" (nos que abondan ultradereitas vinculados a grupos xenófobos ou de inspiración neofascista como Revuelta, Facta, Desocupa, Falange, Democracia Nacional...) que, capitaneados polos dirixentes de Vox, acosan e intentan asaltar as sedes do PSOE en distintas cidades de España. Son conscientes os/as dirixentes das dereitas extremas do perigo de estimular este tipo de accións subversivas? É necesario acudir á historia para lembrar como remataron actos que empezaron así? Por caso, lémbranse estes dirixentes do 23F de 1981? Ou, indo máis atrás, do 27F de 1933? Cando recoñecerá o Partido Popular (PP) que non ten a maioría parlamentar suficiente para gobernar? Porque o grande problema que ten actualmente España non é a amnistía, senón que, como veu sucedendo a longo da historia, as dereitas extremas non respectan as regras da democracia cando estas non lles favorecen. Regras como, por caso, que para gobernar hai que ter unha maioría parlamentar (C.E. Art. 99).

 

Unha falta de respecto pola democracia que tamén se fai visible en sectores relevantes do poder xudicial. Asi vemos como maxistrados ultras que intentan subverter a orde constitucional non respectando o mesmo, como sucede co CGPJ (Consello Xeral do Poder Xudicial) onde estes xuíces están atrincheirados impedindo que se cumpra o mandato constitucional de renovación do mesmo (C.E. Art. 122), veñen agora de aprobar unha declaración contra a futura lei de amnistía a pesares de que a proposición de lei aínda non está nin sequera presentada. Un comportamento na mesma liña veñen tendo famosos maxistrados da Audiencia Nacional como o caso paradigmático do  maxistrado Manuel Garcia Castellón quen de salvador do Partido Popular (PP) en numerosos casos de corrupción e de perseguidor de políticos de esquerdas (ten unha fixación especial con Podemos) pasa agora a ariete contra a amnistía e así ven de imputar a Marta Rovira polos disturbios de Tsunami Democrátic ao tempo que trata de dirixir a investigación contra Puigdemont no que é un claro intento de impedir o acordo PSOE/Junts/ERC. Feitos todos eles que poñen en evidencia como, entre os distintos poderes do Estado español que deben garantir as liberdades e os dereitos fundamentais, seguramente sexa o poder xudicial quen aínda non se desempeña como corresponde a unha democracia a pesares das décadas transcorridas.

 

Nesta campaña subversiva moitos medios de información e opinión (maioría subvencionados) volven a actuar como estiletes e propagandistas dos intereses das  dereitas extremas. Un caso paradigmático entre os medios privados galegos está sendo o diario de maior tirada (La Voz de Galicia) quen, devolvendo os favores que lle fai esta Xunta de Galicia (PP), segundo o DOG recibe unha subvención anual dun mínimo de 900.000 euros, ven actuando dende fai tempo (basta con velas portadas) de ariete contra as esquerdas e os soberanistas igual que facía o diario Arriba no franquismo. Que diferencia de comportamento periodístico entre estes medios e a prensa internacional máis respectada: aí temos os casos dos prestixiosos diarios británicos Financial Times e The Guardían quen veñen de manifestar o seu apoio a amnistía “para rematar coas fracturas políticas entre España e Cataluña”, mentres que moita outra prensa internacional, tamén moi prestixiosa, como Le Monde, Liberatión, The New York Times, Corriere della Sera..., aínda manifestando algunhas dúbidas sobre o acordo cos partidos independentistas cataláns, tamén mostran o seu respecto e comprensión pola decisión, pois consideran que dará estabilidade política, xa que "o Partido Popular (PP) a pesares de seren a primeira forza política non é quen de gobernar España".

 

Pero, en toda romaría que se prece non pode faltar o sector máis ultra da Igrexa Católica que tamén se pronuncia contra a amnistía: "non é aceptable, dende o punto de vista da Doutrina Social da Igrexa, unha secesión unilateral". En realidade non debera sorprendernos esta posición dos bispos pois a todo o longo da historia de España a airexa católica estivo practicamente sempre en contra dos avances en dereitos e liberdades e a prol das opcións políticas conservadoras.

 

Con tales actitudes ponse en evidencia que as desmedidas e en moitos casos antidemocráticas reaccións destes poderes no momento presente non responden realmente a súa oposición a unha amnistía ós políticos do procés, senón a súa tradicional oposición a que se aproben medidas que supoñan avances e melloras para as maiorías sociais e reduzan os privilexios dos ricos e poderosos. Oposición que na actual conxuntura pasa por tratar de impedir que se forme un goberno progresista aínda que conte coa maioría parlamentar necesaria.

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Máis opinión
Opinadores

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE