lValores morais?. Deben ser os mesmos que aplicaron aos números casos de abusos sexuais que se produciron ao longo de moitos anos por parte de membros da Igrexa, que foron tapados por todos
Coma se non habería xa bastante problemas co inacabable pacto de investidura de Pedro Sánchez, case feito, case, pero sen asinar por parte dos de Junts - están a alargar a agonía como un chicle gastado-, a guerra do #PP e Vox e as as manifestacións “espontáneas”, agora entra en escena a Igrexa española - os de sempre- para tomar parte no conflito.
O primeiro en alzar a voz foi o bispo de Orihuela-Alacante, José Ignacio Munilla, quen nun acto de “caridade cristiá” arremetía contra as negociacións do presidente en funcións, Pedro Sánchez, cos independentistas. Segundo el, “está en xogo os valores morais cristiáns e é profundamente inmoral que uns políticos amnistíen a outros a cambio de recibir votos para seguir gobernando” Díxoo como o que ten o deber de adoutrinar desde o púlpito do partidismo.
Pero o goteo seguiu na persoa do arcebispo de Valladolid e exsecretario xeneral da Conferencia Episcopal, Luís Arguello, quen utilizando as redes sociais escribía: “A amnistía podería ser valiosa se fose recíproca e os amnistiados renunciasen a un proceso ilegal e unilateral, se fose froito dun acordo con maioría cualificada, se non amparase a violencia contra as persoas. Se non é así, ameaza a convivencia á que di servir”. Escribiuno e foise a pasear polas beiras do río Pisuerga para seguir reflexionando.
Mentres o seu compañeiro, o arcebispo de Oviedo, Jesús Sanz, escribía: “A amnistía non é un borrón con conta nova. Os que delinquiron grave e violentamente contra a convivencia destruíndo un Estado de dereito, determinan coa súa moeda de cambio o futuro dun pobo. Cómplices que venden o alleo por un prato de lentellas para seguir no poder”, sentenza Sanz . Supoño que as moitas lentellas como que non come….
No sur de España o bispo de Huelva, Santiago Gómez Sierra, criticou que os nacionalismos "pon en perigo a convivencia dos españois", xa que "negan unilateralmente a soberanía de España”. Para el os nacionalismos “pon en perigo a convivencia dos españois”. Ademais, indica que "a Doutrina Social da Igrexa recoñece un dereito real e orixinario de autodeterminación política no caso dunha colonización ou dunha invasión inxusta, pero non no dunha secesión”.
En Madrid, o que fóra presidente da Conferencia Episcopal Española, o cardeal arcebispo emérito de Madrid, Antonio María Rouco Varela, manifestábase ao ser preguntado sobre a amnistía, asegurando que "non é aceptable" desde o punto de vista da Doutrina Social da Igrexa "a secesión unilateral". "Está claro que a doutrina sobre a secesión unilateral é clara, non é aceptable desde o punto de vista da Doutrina Social da Igrexa unha secesión unilateral, ese é o principio diremos ético, de moral social, que hai que ter en conta á hora de xulgar este asunto", dixo. Rouco, galego el, veraneante durante moitos anos en Tortosa, representa unha parte da igrexa rancia.
De momento estes cincos altos representantes da igrexa pronunciáronse, por motu propio, sobre o tema. Haberá máis? Seguro. Mentres o actual presidente do goberno da Igrexa en España, e arcebispo de Barcelona, o cardeal Juan José Omella, está calado. Nin sequera, de momento, desautorizou aos “opinadores”, polo menos publicamente nin en nota de prensa, e a cousa está calentita, é evidente.
Estes cinco xinetes da apocalipse- a parte máis conservadora da igrexa- atrévense falar de que “están en xogo os valores morais”. Valores morais? Deben ser os mesmos que aplicaron aos números casos de abusos sexuais que se produciron ao longo de moitos anos por parte de membros da Igrexa, que foron tapados por todos - coñecedores do tema-, ata que algún dos afectados destapou o escándalo que ha socavado os alicerces da igrexa, pondo ao descuberto “os grandes valores morais” que tanto predican e que non aplican. Todos taparon os abusos sen importarlles o sufrimento das vítimas ao longo de todos estes anos. O problema vén agora polo tema económico: non queren pagar ás vítimas. Co tema da amnistía, xa teñen material para desviar a atención a outro punto.
A igrexa ten unha función que cumprir, que a cumpra, pero a política non é da súa competencia - “zapateiro ao teu zapato”- porque aínda hai imaxes no famoso noticiario “o Nodo” onde membros ilustres estaban sempre pegados ao ditador Franco e non protestaban polo que estaba a facer. Para máis seguidismo e compracencia, paseaban baixo palio ao caudillo como o gran vencedor da cruzada contra os “infieis”, os vermellos.
E que conste, que como xa o manifestei en bastantes ocasións non estou de acordo con todo o que está a facer Pedro Sánchez para ser investido presidente. Creo que unhas novas eleccións sería o máis honesto, non é a primeira vez que o escribo, tampouco a última.
Escribe o teu comentario