Gaza: un campo de concentración

Manoel Barbeitos
Economista

Se Hamás é considerada unha organización terrorista, non o é menos a política que o Estado de Israel vén aplicando desde hai décadas.

 

 

Varias personas con una bandera de Palestina durante una manifestación en apoyo al pueblo palestino, a 15 de octubre de 2023, en Madrid (España).
Varias persoas cunha bandeira de Palestina durante unha manifestación en apoio ao pobo palestino, a 15 de outubro de 2023, en Madrid (España).

Gaza, unha estreita franxa emparedada entre Exipto e Israel de 360 quilómetros cadrados (para facernos unha idea pensemos que Fonsagrada, o concello mais grande de Galicia, ten unha extensión de 437 quilómetros cadrados), acolle unha poboación próxima aos 2 millóns de habitantes, que supón unha densidade de mais de 5.500 habitantes por quilómetro cadrado o que a converte na terceira entidade política mais densamente poboada do mundo (so por detrás de Singapur e Hong Kong). 

 

Gaza ten unha poboación extremadamente moza -o 50% ten menos de 15 anos-, un desemprego que chega ao 53% da poboación activa, un índice de pobreza do 50% e unhas infraestruturas e unhas instalacións produtivas destruídas regularmente polo exercito xudeu. 

 

Gaza sometida, dende o ano 2007, a un bloqueo militar tanto por parte de Israel como de Exipto é, hoxe por hoxe, un auténtico campo de concentración para os palestinos xa que, por caso e como estamos comprobando agora, o subministro de auga corrente, electricidade e as telecomunicacións están baixo control israelí cuxo exercito se reserva o dereito de supervisar o espazo aéreo e marítimo así como as fronteiras ademais de entrar en Gaza como e cando o considera oportuno para "combater o terrorismo" -actuacións que complementa con o lanzamento de bombas de fósforo e misses que causan vítimas civís, destrúen edificios e instalacións básicas como hospitais, redes eléctricas..-: "o mundo pechouse sobre nos". Non rematan ahi as continuas e reiteradas accións de represalia do goberno israelí pois este pecha, cando así o quere, a única aduana pola que os palestinos poden pasar as súas mercadorías -maiormente produtos agrícolas- e recibir os subministros  -víveres e medicamentos- o que lles supón grandes perdas económicas así como problemas de alimentación e saúde. Por outra parte Israel ven reducindo progresivamente -por "razóns de seguridade"- a zona de pesca autorizada -de 20 millas pasouse a 3  para logo subila a 10- a uns pescadores que teñen ademais que soportar unha elevada contaminación das augas por mor de que o bloqueo israelí lles forza a tiralos residuos ao mar. Os habitantes de Gaza tampouco poden cultivar axeitadamente a súas terras pois un 35% das cultivables son de moi difícil acceso ao seren "zonas de exclusión militar".

 

A vitoria de Hamás (Movemento Islámico de Resistencia) nas eleccións ao Consello Lexislativo de xaneiro do 2006, serviulle de pretexto ao goberno israelí (quen participara activamente tanto na súa creación en 1987 como na posterior implantación entre a sociedade palestina buscando así debilitar o poder de Arafat e a OLP) para endurecer aínda mais o estado de sitio a pesares de que Hamás ven de percorrer un longo camiño que o levou dende a loita armada a acción política. Unha acción política marcada durante moitos anos por unha grande rivalidade con Al Fatah: Hamás non forma parte da OLP aínda que si ten unha representación na CNP -10% dos escanos- que non se corresponde, por caso, coa súa real influencia entre a poboación palestina. Unha división -Hamas/Al Fatah- non exenta de grandes tensións que chegan a provocar feroces enfrontamentos internos que si teñen a poboación civil como grande damnificada tamén debilita a resistencia.

 

Este é un dos marcos no que se ven desenvolvendo, dende fai xa moitas décadas, o  conflito entre Israel e Palestina. Un enfrontamento que ten como principais vítimas aos/as nenos/as palestinos tal e como podemos comprobar, unha vez mais, cando novos ataques aéreos israelís están provocando que, ao día de hoxe, o 30% dos mortos sexan nenos/as (o que supón que cada 15 minutos morre un/ha neno/a palestino).

 

Nada xustifica o terrorismo pero neste caso si compre ter presente, cando menos, tres evidencias. A primeira as intolerables condicións en que o estado israelí, que en ningún momento ríspeta nin o dereito internacional nin as resolucións da ONU, ten sometida a poboación palestina de Gaza, nunha auténtica e programada política de exterminio. En segundo lugar que si Hamás é considerada unha organización terrorista non menos terrorista é a política que ven aplicando dende fai décadas o estado israelí. Finalmente, que o partidismo da comunidade internacional, maiormente aliñada co goberno israelí agás escasas excepcións, non é menos cómplice de barbaries como a que, por caso, se está producindo unha vez mais en Gaza. 


 

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Máis opinión
Opinadores

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE